Produtoras independentes advirten da súa "sentenza de morte" pola lei audiovisual do Estado, salvada coa abstención do PP

Menú de acceso a diferentes plataformas audiovisuais CC-BY-SA Nicolas J. Leclercq

O Congreso aprobou finalmente este xoves a Lei Xeral de Comunicación Audiovisual pero fíxoo logo dunha reviravolta que levou a que fose a abastención do PP a que lograse tirar adiante a lexislación do PSOE en contra da opinión do seu socio de goberno, Unidas Podemos, que tamén se abstivo, e que contou co voto en contra de ERC, Junts, Bildu ou BNG. 

Unha emenda de última hora do PSOE fíxolle perder o apoio do seu socio de Goberno e de aliados como ERC, Bildu ou BNG

Nunha lei que foi clave para que Esquerra dese o si aos Orzamentos en decembro e que contaba nun principio co apoio de Unidas Podemos, a súa tramitación fixo ao PSOE perder o apoio dos soberanismo catalán, do Bloque e mesmo dos seus socios no executivo, que por primeira vez fai dividir o voto da coalición. Todo logo dunha emenda a última hora impulsada polos socialistas que fixo estourar todo e que só o PNV votase xunto coa formación que lidera Pedro Sánchez. 

Unha simple mudanza, un pequeno cambio que afecta a definición que o texto que se remitiu ao Congreso fai do que é un produtor independente no seu artigo 110. A emenda socialista defíneo como "a persoa física ou xurídica que non está vinculada de forma estable nunha estratexia empresarial común cun ou varios prestadores de servizo de comunicación audiovisual". "E que asume a iniciativa, a coordinación e o risco económico da produción de programas ou contidos audiovisuais, por iniciativa propia ou por encargo, e a cambio dunha contraprestación ponos a disposición do devandito prestador do servizo de comunicación audiovisual". 

Pleno do Congreso que aprobou a nova lei do audiovisual © Congreso dos Deputados

A mudanza na definición de produtor independente permite que poidan acceder aos beneficios desa condición as produtoras de Mediaset ou Atresmedia

Xa que logo, un produtor vinculado a un grupo audiovisual nunca poderá ser considerado independente de realizar unha serie ou filme para esa empresa, pero si poderá ser considerado así se o leva a cabo para grandes compañías coas que non teña vínculos. En resumo: un produtor vinculado a Atresmedia podería xerar contido para Mediaset e ter categoría de independente. O mesmo se o vinculado a Mediaset o xera para Atresmedia ou calquera deles para Netflix ou HBO.  

Con este cambio, compañías ligadas a televisións privadas ou plataformas mundiais poden ser consideradas independentes e acceder igualmente ás bonificacións que a lei contempla para aqueles que máis dificultades teñen co poder dos servizos de streaming no Estado. "A lei deixa os produtores independentes aos pés dos cabalos do duopolio televisivo e das grandes plataformas”, resumiu Néstor Rego, deputado do BNG, tras o seu voto en contra. 

O sector da produción independente uniuse, levou as súas reivindicacións a Cannes e máis de 350 directores, produtores e autores asinaron un manifesto que advertia da "sentenza de morte para a industria audiovisual española tal e como a coñecemos". Os produtores galegos tamén amosaron o seu rexeitamento total á nova lei, advertindo do perigo que supón para un sector tan en auxe e tan importante no país. 

Produtoras vinculadas a Atresmedia ou Telecinco beneficiaranse das mesmas vantaxes que as pequenas se producen para outra televisión ou plataforma

Ante as críticas, ERC, Unidas Podemos e Bildu presentaron unha emenda transaccional na que se propoñía mudar unha única palabra e alí onde poñía "devandito" poñer "un" para que o texto quedase así: "A cambio dunha contraprestación ponos a disposición dun -en lugar de o devandito- prestador do servizo de comunicación audiovisual".

Agora, como explicaron varios grupos no Congreso, as produtoras dependentes das televisións que quedaban excluídas do concerto de produción independente poderían acceder, por exemplo, ao 5% que deben pagar HBO ou Netflix ás empresas independentes dos seus beneficios obtidos en España. As produtoras vinculadas a Atresmedia ou Telecinco beneficiaranse das mesmas vantaxes que as pequenas produtoras se producen un proxecto para outra televisión ou plataforma. 

Néstor Rego, na mobilización da Mesa e outras entidades ante o Congreso CC-BY-SA A Mesa

Así, a lei que supoñía, en principio, unha simple transposición da lexislación comunitaria ao ordenamento xurídico español acabou sendo unha quebracabezas para o Goberno central, que deixou polo camiño o apoio de varios aliados e o do seu propio socio e que sacou adiante a lexislación grazas á abstención do PP. 

"Cotas testemuñais"

A lei que propuña cotas para o galego nas plataformas audiovisuais ou fondos para a dobraxe na lingua propia perdeu apoios, finalmente e principalmente, por outro motivo, aínda que entidades como A Mesa pola Normalización Lingüística tamén amosaron a súa crítica pola insuficiencia da normativa para impulsar idiomas á marxe do castelán. 

Inclúense mínimos para todas as linguas tanto nas cotas de catálogo das plataformas e retransmisións de TVE, como no financiamento anticipado, pero "só representan entre o 0,35% e o 2,55% do conxunto”. "As cotas que se establecen co suposto obxectivo de garantir a pluralidade lingüística son testemuñais”, di A Mesa, que aclara que a nova lei "só establece porcentaxes obrigatorias de contidos mínimos e financiamento para o español, sen ningunha indicación nin recoñecemento para outras linguas existentes no Estado fóra da retórica baleira". 

"Impide que as crianzas, mocidade e o público en xeral poidan gozar na súa lingua da ampla oferta dispoñíbel de programas de televisión, series e filmes", remata. 

Ademais, para o BNG, é "especialmente preocupante que a redacción do articulado non garanta a presenza de todas as linguas oficiais, por tanto tamén do galego, nas plataformas ou medio públicos, para alén de deixar excluídas as grandes plataformas audiovisuais coa matriz fora do Estado español”. Néstor Rego entende que se está ante unha “oportunidade perdida” de realmente poder avanzar na igualdade das linguas e “garantir o dereito dos  galegos e  galegas de poder acceder a contidos audiovisuais na nosa lingua”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.