Poder grotesco e fascismo do dúo Trump-Musk

Elon Musk e Donald Trump CC-BY-SA Gade Skipmort

Ben sexa reelixido ou derrotado, o vindeiro 5 de novembro Donald Trump obterá alomenos un de cada dous votos estadounidenses nas eleccións presidenciais. Un resultado histórico para un candidato da extrema dereita, significando o colofón dunha revolución política de callado

Ben sexa reelixido ou derrotado, o vindeiro 5 de novembro Donald Trump obterá alomenos un de cada dous votos estadounidenses nas eleccións presidenciais. Un resultado histórico para un candidato da extrema dereita, significando o colofón dunha revolución política de callado. A terceira tentativa presidencial de Trump sanciona un percorrido político que devastou até os seus cimentos a escena política estadounidense e planetaria. E face a tal ciclón, a opinión pública máis informada mantense extasiada, partillada entre escepticismo e sideración, atravesada por un sentimento de incomprensión. Sostén o ensaísta galo Christian Salmon que na orixe do fenómeno Trump sitúanse as grandes crises que se sucederon desde os anos 2000. Tres datas (2008, 2016 e 2020) e tres grandes vagas de descrédito dos sistemas democráticos das que o trumpismo é herdeiro directo, afirma Salmon, autor de La tyrannie des bouffons (Liens qui libèrent, 2023) e do recente editado L’Empire du discrédit. 

A máis recente das devanditas crises preséntase logo coma “un virus incapacítante que desorienta aos gobernos e agrava todos os males da sociedade, debilitando mesmo a nosa capacidade para nomealos e analizalos”. Unha “crise de coronarrativa” que non fixo senón multiplicar os discursos, cada vez máis ambiguos e contraditorios, dexenerando nunha “inflación das narracións” que conduce á incredibilidade da linguaxe do mesmo xeito que a inflación monetaria mingua o valor dos cartos. Todas as formas de enunciados son hoxe viciadas, agromando as contradicións entre instancias políticas, mediáticas, epidemiolóxicas e médicas, que animan o pensamento complotista e unha espiral de descrédito que medra da man das redes sociais e novos medios de información e comunicación. Neste contexto Trump é un heroe da sospeita cuxa estratexia aséntase sobre o paradoxo de fincar a credibilidade do seu discurso sobre o descrédito do sistema.

Trump revolucionou a linguaxe política, que derivou nunha meirande virulencia das campañas electorais e afectou ás fontes de lexitimidade política. O neoiorquino lanzou un desafío ao sistema democrático, pero non para reformalo, senón para ridiculizalo

Para Trump non se trata de gobernar dentro do marco democrático, senón de especular sobre o seu descrédito e, de paso, agravar a crise do sistema. A retórica da culpa -e dos supostos culpables- instálase no cerne das democracias en crise para substituír aos relatos de progreso e dos mundos posibles. Do “yes, we can” de Obama en 2008 demos paso ao “nada que perder”. A esperanza de cambio tornou en resignación e ira da man dun populismo complotista que adopta a forma de “poder grotesco”, do candidato republicano á presidencia estadounidense a Jair Bolsonaro, de Boris Johson a Matteo Salvini, de Narendra Modri a Javier Milei... Trump revolucionou a linguaxe política, que derivou nunha meirande virulencia das campañas electorais e afectou ás fontes de lexitimidade política. O neoiorquino lanzou un desafío ao sistema democrático, pero non para reformalo, senón para ridiculizalo. 

O poder grotesco de Trump apoiase en figuras libertarias e nihilistas que aborrecen de toda idea de regulación política, económica e mesmo lingüística. Personaxes que gustan da transgresión sen límite, do que deriva o carácter histriónico das súas prestacións públicas e aquelarres retranqueiros de ricos millonarios, sendo Elon Musk a súa imaxe de proa

Trump eríxese en bufón omnipresente en medios e redes, un falabarato que se abroga o dereito de repartir descrédito sobre todos e sobre todo, chegando a ridiculizar a mesma función presidencial que aspira a ocupar. O poder grotesco encarna unha nova forma de lexitimidade paradoxal, que non asenta a súa empresa na racionalidade, tradición ou carisma, evocando a Max Weber, senón pola irracionalidade, a transgresión, a bufonada e o insulto. A campaña de Trump está adobiada de aberracións retóricas, zascas e insultos contra Kamala Harris, baseando o seu feitizo nunha reivindicada natureza imprevisíbel, como cando subliñou nunha entrevista no Wall Street Journal que Putin e Xi Jingping “son os meus amigos (...) e respéctanme porque saben que estou tolo”. Toda unha demostración da crise democrática en curso que, alén da influencia des desestabilizadora da Internet, enxalza o descrédito e derrama completamente o sistema de valores das nosas sociedades.

O poder grotesco de Trump apoiase en figuras libertarias e nihilistas que aborrecen de toda idea de regulación política, económica e mesmo lingüística. Personaxes que gustan da transgresión sen límite, do que deriva o carácter histriónico das súas prestacións públicas e aquelarres retranqueiros de ricos millonarios, sendo Elon Musk a súa imaxe de proa. Actuacións que comprenden secuencias calibradas para chocar e estimular á súa audiencia, pretendendo impactos concretos, empurrando os límites do permisible e dicible no debate publico.

Escenas de inusitada violencia, onde o descrédito dos outros e do sistema son omnipresentes, constatándose a emerxencia dunha categoría histórico-política nova con trazas dun “arcaísmo tecnicamente equipado”, parafraseando a Guy Debord na súa La société du spectacle (Buchet-Chastel, 1967), que definía deste xeito o fascismo. Un fascismo que regresa, quizáis con máis forza que nunca, que se adapta e evoluciona, pero que persegue os mesmos obxectivos de outrora, encarnando a súa forma máis desenvolvida e actual o dúo Trump-Musk.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.