Dende os primeiros días de maio a xornalista galega Miriam González, colaboradora entre outros do IGADI e do medio especializado en análise internacional Descifrando la Guerra, atópase en Ucraína, cubrindo en primeira liña a guerra que dende hai seis meses se libra no país tras a invasión de Rusia. Non é a primeira vez que viaxa ao país, pero nesta ocasión atopou unha situación ben distinta: un territorio que sofre as consecuencias do conflito militar, especialmente nas zonas -no sur e no leste- que atravesa a longa fronte da guerra.
"A fronte de guerra está moi esparexida e para coñecer ben a situación hai que desprazarse dunha punta á outra do país. Ucraína é un país moi grande, pero a sorte é que os trens, de forma sorprendente, aínda funcionan, e funcionan ben e chegan a tempo"
A última vez que falamos con ela, a comezos de maio, estaba a piques de viaxar a Polonia para dende alí cruzar a fronteira de Ucraína. Quixemos, cando se vén de cumprir o sexto mes de guerra, coñecer con ela de primeira man como se está a vivir o conflito en distintas cidades do país, entre as que se estivo desprazando dende maio.
A pesar de que nas primeiras semanas de guerra, as tropas rusas buscaron un avance rápido sobre a capital, Kiív, que resistiu os ataques, dende entón o conflito móvese a un ritmo lento, con conquistas rusas de territorio, especialmente no leste, que desprazan moi de vagar a liña da fronte. Neste contexto, e ante a perspectiva do duro inverno nestas zonas, a guerra ameaza con prolongarse no tempo.
Falamos con Miriam González, que neste momento de atopa en Khárkiv, a poucas decenas dos lugares nos que se están a desenvolver os combates e nunha cidade -a segunda máis grande de Ucraína- que sofre con moita frecuencia os bombardeos do exército ruso.
"Tamén estiven en Kiiv. A capital está moi tranquila e a vida volveu á normalidade, os bares e os restaurantes están abertos, por exemplo, e a xente está pola rúa"
Antes de nada, como te atopas? Están sendo duros para ti estes meses en Ucraína? Pasaches por dificultades?
Estou ben, traballando cando se pode, aínda que con dificultades, por suposto. Entre outras cousas porque a fronte de guerra está moi esparexida e para coñecer ben a situación hai que desprazarse dunha punta á outra do país. Ucraína é un país moi grande, pero a sorte é que os trens, de forma sorprendente, aínda funcionan, e funcionan ben e chegan a tempo. As dificultades son moitas, claro, este é un país en guerra, pero eu xa sabía onde viña, obviamente. A situación varía moito dunhas cidades a outras, iso si.
"En Khárkiv a situación é moi diferente. Hai zonas que están a ser atacadas, hai barrios pantasma e a pesar de ser unha cidade moi grande, a segunda do país, vese moi pouca xente pola rúa e o outro día mesmo se decretou un toque de queda de 24 horas"
Estiveches primeiro en Lviv, despois en Odesa e agora en Khárkiv. Tiveches problemas para entrar no país, a través de Polonia ou para moverte dunhas zonas a outras?
Non, non tiven problema ningún para entrar no país. Teño o carné da Federación Internacional de Xornalistas e entrei en tren dende Polonia ata Lviv e só tiven que ensinar o pasaporte. Estiven primeiro en Odesa catro semanas. Alí contactei cuns voluntarios e fun ata a cidade de Nikolaiev, que está moito máis preto da fronte. Odesa está máis ou menos tranquila, aínda que gran parte da cidade está bloqueada e todos os monumentos históricos -é unha cidade moi turística- están protexidos, non se poden acceder a estas zonas por motivos de seguridade, pois están moi preto do porto.
Tamén estiven en Kiiv. A capital está moi tranquila e a vida volveu á normalidade, os bares e os restaurantes están abertos, por exemplo, e a xente está pola rúa. En cambio, en Khárkiv a situación é moi diferente. Hai zonas da cidade que están a ser atacadas, hai barrios pantasma e a pesar de ser unha cidade moi grande, a segunda do país, vese moi pouca xente pola rúa e o outro día mesmo se decretou un toque de queda de 24 horas. Iso si, os supermercados están funcionando, consegues practicamente todo e non hai desabastecemento.
"A pesar de todo iso, a xente mantén o ánimo. É moi curioso como a xente deste país é moi resiliente. Se che toca unha situación así, tes que tirar para adiante, non che queda outra"
Como está a vivir a xente esta situación, sobre todo en cidade como esta que están moi preto das zoans de combate e que sofren bombardeos con frecuencia?
A xente está a pasalo moi mal, con ataques case todos os días, e sempre en tensión dende hai meses. Unha das cousas que si está cambiando nos últimos meses é que se nota que non chega tanta axuda coma no comezo da guerra. A atención mediática descendeu moito e iso nótase.
A pesar de todo iso, a xente mantén o ánimo. É moi curioso como a xente deste país é moi resiliente. Se che toca unha situación así, tes que tirar para adiante, non che queda outra. Teñen confianza na vitoria de Ucraína na guerra, aínda que son conscientes do dano que está sufrindo o país.
"O inverno vai ser moi duro en Ucraína e posiblemente en toda Europa"
Como analista, como valoras a situación da guerra, na que semella que os avances rusos se producen moi lentamente?
Dende hai meses hai frontes bastante estables, con avances territoriais moi pequenos por parte de Rusia. Temos o exemplo de Bajmut, unha cidade da que levamos falando dous meses como un escenario inminente de combates e na que Rusia aínda non comezou o asalto. Hai que ter en conta, ademais, que no inverno moitas das operacións militares se van frear ou ralentizar, porque aquí o inverno é duro.
Ucraína quere iniciar agora unha contraofensiva no sur, que xa veremos que resultados ten, pero que é moi importante para Kiiv, para incrementar a moral interna e reclamar máis axuda militar de Occidente. O inverno vai ser moi duro en Ucraína e posiblemente en toda Europa, e probablemente Rusia non vai ter os mesmos problemas.
Cales son os teus plans? Vas quedar en Khárkiv ou tes pensado marchar a outras zonas?
Teño pensado viaxar ao sur de Ucraína. Xa estivera en Odesa e téñolle moito cariño e apetéceme tamén ir a Kherson. Pero de momento vou quedar aquí en Khárkiv.
"Moitas veces centrámonos demasiado nos temas militares e políticos e esquecemos a parte civil: como vive a xente"
Hai algo máis que queiras contar, que penses que é importante para ter unha visión fiel do que está a vivir a sociedade ucraínda que sofre a guerra?
Moitas veces centrámonos demasiado nos temas militares e políticos e esquecemos a parte civil: como vive a xente. A atención mediática baixou moito, Ucraína xa non abre portadas, xa non chega tanta axuda coma no comezo da guerra, pero hai moita xente que segue sufrindo. Segue habendo bombardeos e xente morrendo como consecuencia destes ataques. Aquí hai moitas persoas que seguen necesitando axuda