Alfonso Pérez e Ramón Castaño, traballadores da TVG, viaxaron de Galicia a Polonia en día e medio para levar axuda humanitaria e traer unha familia refuxiada
Máis de 3.000 quilómetros seguidos e sen apenas descanso ata Varsovia. De Galicia a Polonia para deixar un cargamento de axuda humanitaria e recoller unha familia de seis refuxiadas que trouxeron ata Alacant. Perto de 7.000 quilómetros en cinco días para botar unha man ás vítimas da guerra e regresar ao seu traballo en Santiago, na CRTVG, que deixaron por uns días para poñer unha gran de area no auxilio ás vítimas da guerra en Ucraína.
Alfonso Pérez Caneiro, xornalista deportivo na TVG, e o seu compañeiro Ramón Castaño, produtor na mesma canle, tomaban xuntos un café en San Marcos hai unha semana, comentando o impacto das imaxes das persoas refuxiadas que fuxían de Kíiv ou Khersón. "Ramón díxome que marchaba para alá, que tiña que facer algo, coa idea de que eu o calmase e o botase para atrás... Pero o que fixen foi animalo e ofrecerme a ir con el. En dous días organizamos todo, pero como me caducara o carné de conducir e precisaba un permiso europeo, tivémolo que adiar ata o martes", conta Pérez Caneiro.
Contactaron coa organización AGA-Ucraína, que colabora desde Galicia no envío da axuda humanitaria e na acollida de refuxiados. A través dun grupo de whatsapp que coordina o traslado de persoas que escapan da guerra -impulsado por un galego do Corgo- puideron organizar a viaxe e contactar cunha familia ucraína que agardaba en Varsovia. Antes, a través dun produtor amigo, Ramón contactou coa ONG Nómadas en Acción, que recollera en Oviedo axuda humanitaria e precisaba transporte para levala ata a fronteira polaco-ucraína. Alugaron unha furgoneta de nove prazas, cargárona co material en Asturias e saíron cara a Varsovia.
"Pedimos os días no traballo e os xefes entendérono perfectamente; cargamos en Oviedo roupa, medicinas, comida...Ata arriba. E alá fomos, facendo quendas e conducindo sen case parar", contaban a Praza.gal desde unha das múltiples estradas que percorreron estes dous profesionais da información comprometidos. Alfonso, xunto á compañeira Marga Pazos, gravara en 2015 un documental en Palestina (Colonos y Palomas) durante a súa experencia como testemuñas da dramática situación dos nenos e nenas que tiñan que atravesar cada día dúas colonias xudeas moi agresivas camiño da escola en Hebrón. Tamén estivo no Líbano. Ramón, pola súa banda, traballou en Iraq.
"Nunca pensei que isto puidese pasar en Europa nestes tempos", di Alfonso, que xa gravou un documental en Palestina sobre o sufrimento dos nenos en Hebrón
"Todo impacta e non é fácil de xestionar, aínda que en Palestina ou no Líbano fun como xornalista, con todo máis preparado e se cadra con máis distancia... Isto é máis complicado de xestionar emocionalmente", di Pérez Caneiro, que nunca imaxinou que algo así "pasase en Europa nestes tempos".
"Nunca o pensei. Teño afinidade con Polonia pola miña ex-familia política; coñezo o país e a xente, e sei de primeira man que sempre houbo moito medo a Rusia, que quedou moita carraxe cara a ese país de épocas pasadas, pero ninguén podía pensar que isto chegase a ocorrer", di desde o coche respecto da invasión de Ucraína.
Dúas nais e tres fillos e mais a avoa viaxaron a Alacant con Ramón e Alfonso: "Os maridos botáronas fóra da súa cidade para salvalas"
Poucas horas despois, xa desde Polonia, Alfonso e Ramón contan a súa experiencia tras recoller a familia refuxiada, levala a un hotel e agardar pola viaxe de volta que emprenderon o venres. Son dúas irmás, con tres fillos pequenos, e a súa nai. A idea inicial era viaxar a Barcelona, desde onde outra das irmás, que vive en Alacant, pensaba ir recollelas. Pero finalmente a viaxe continuou ata Alacant porque "é máis cómodo para elas e tamén é mellor acabar a historia de principio a fin".
"Parece que están ben de ánimo e van falando; os máis pequenos, de 4 e 5 anos, non semellan moi conscientes do que pasa, pero a de 11 si que está máis calada, vese máis triste e apagada", di Alfonso. Vivían nunha localidade no centro de Ucraína, aínda a salvo, pero perto de Khárkiv, xa atacada polos rusos desde hai días. "Contáronnos que os maridos practicamente as botaron fóra para salvalas, dicíndolles que xa volverían máis tarde", explica.
Antes de recoller estas seis mulleres, deixaron o material de axuda humanitaria, tamén na estación de tren de Varsovia, punto de encontro para refuxiados que buscan seguir cara a Europa, voluntarios que axudan e a importante cantidade de material que chega. Un escenario caótico.
"É duro ver aquilo. Foi o único contacto que tivemos algo de cerca coa realidade da guerra: hai moita xente e moitas persoas que non saben onde ir porque non teñen familiares en Europa non poden viaxar de calquera xeito, voluntarios organizando a axuda que chega e axudando os refuxiados, outros facendo de tradutores, outros animando...", relata Ramón, impactado por algunha imaxe.
A estación de tren de Varsovia é un escenario caótico: "Hai moito refuxiado, persoas que non saben onde ir, voluntarios..."
O pasado venres, ben cedo, puxeron rumbo de volta á Península. "Preferimos meternos unha boa malleira e chegar canto antes o máis perto posible; elas mesmas preferiron esa opción porque din que xa están afeitas: viaxaron doce horas seguidas nun bus por Ucraína", lembra. "Mérito? Nós? Ningún", responden ao seren cuestionados.
O caso de Ramón e Alfonso, que este sábado chegaban á fin a Alacante, é o de outras moitas persoas que colaboran altruístamente coas vítimas de guerra en Ucraína, moita delas por iniciativa propia e outras a través de ONGs como a que desde Asturias tirou destes dous galegos para levar material a Polonia.
Con todo, estas organizacións advirten de que non todas as iniciativas de apoio son efectivas e realizan unha serie de recomendacións para que as persoas que queiran axudar o fagan da mellor maneira posible. O obxectivo da Coordinadora Galega de ONGD é conseguir "máis eficiencia nas súas accións solidarias" e subliña que "a mellor e máis eficiente forma de colaborar coa poboación ucraína é a través das ONGD que están a traballar na zona". As ONGD fortalecen as organizacións locais e as súas capacidades e son quen mellor coñecen o contexto.