Así traballan en Ucraína as entidades galegas de axuda ás persoas refuxiadas

Refuxiados procedentes de Ucraína © Sergi Cámara

Nas últimas semanas as organizacións que traballan axudando ás persoas refuxiadas procedentes de Ucraína, especialmente as que desenvolven o seu labor directamento no país e na fronteira con Polonia ou Romanía, veñen reiterando unha serie de recomendacións para as persoas que queiran emprestar a súa axuda. Estas peticións son, sobre todo, que a axuda se canalice a través das ONGD que están a traballar na zona e que están en contacto con organizacións locais ucraínas e, ademais, que as achegas se realicen de forma económica (directamente en cartos) e non especie.

A Coordinadora Galega de ONG de Desenvolvemento recomenda que a axuda se canalice a través das ONGD que están a traballar na zona, en contacto con organizacións locais. Ademais, pide que as achegas sexan económicas e non en especie

A Coordinadora Galega de ONG de Desenvolvemento (CGONGD) cre que é importante que a cidadanía coñeza como traballan esas entidades, entre as que destacan Médicos do Mundo, Axuda en Acción e Farmamundi, con moita experiencia en atención de emerxencia, e Terra de Homes, Educo e Entreculturas, que tiveron que adaptar as súas accións en terreo á situación actual.

Unha parte importante do seu traballo céntrase en distribución de produtos de primeira necesidade, atención directa sanitaria e psicolóxica ás persoas que foxen dos bombardeos e coordinación da acollida de persoas refuxiadas, en primeira instancia na fronteira, e posteriormente a súa distribución por diferentes países. Especial atención, pola súa vulnerabilidade, están a ter os menores de idade e as persoas de idade avanzada.

Refuxiados procedentes de Ucraína © Sergi Cámara

A Coordinadora cre que é importante que a cidadanía coñeza como traballan esas entidades, entre as que destacan Médicos do Mundo, Axuda en Acción, Farmamundi, Terra de Homes, Educo e Entreculturas

Médicos do Mundo

Médicos do Mundo traballa en Ucraína dende 2015 reforzando o sistema público de saúde e chegando coas unidades móbiles a aquelas zonas onde os centros de saúde foron danados ou non contan con suficiente persoal sanitario. Dende o inicio da actual guerra, o seu labor centrouse na entrega de material médico, no despregamento persoal de emerxencia no paso fronteirizo en Romanía, en dar atención psicolóxica ou na creación de centros de asistencia sanitaria básica en Chernitvsi e Siret (Romanía) para cubrir as necesidades de saúde tanto das persoas desprazadas como en tránsito.

"O sector máis afectado é o das persoas maiores, que adoitan sufrir problemas de mobilidade e enfermidades crónicas e en moitos casos non teñen acceso ao tratamento adecuado. Ademais, as duras condicións invernais en Ucraína, unidas aos cortes de electricidade e calefacción aumentan o risco de enfermidades respiratorias e hipotermia", explica Felipe Noya

Especial atención, pola súa vulnerabilidade, están a ter os menores de idade e as persoas de idade avanzada

Farmamundi

Farmamundi activou o seu protocolo de emerxencia tras recibir unha solicitude de urxencia da Axencia Española de Cooperación Internacional ao Desenvolvemento (AECID). O 4 marzo iniciou unha intervención de acción humanitaria directa en Ucraína, na rexión de Poltava, a través da que se atenderon unhas 8.600 persoas desprazadas internas, o 65% mulleres e nenas. As prioridades agora son o reparto de paquetes nutricionais para menores, "kits de dignidade" específicos para mulleres, incluíndo kits de hixiene e de protección Covid19, e tamén mantas e roupa de abrigo para as persoas máis vulnerables. 

Persoas refuxiadas da Ucraína en Medyka (Polonia), o pasado 4 de marzo de 2022 © UNICEF/UN0601731/Stanmeyer/VII Photo

Unha parte importante do seu traballo céntrase en distribución de produtos de primeira necesidade, atención directa sanitaria e psicolóxica ás persoas que foxen dos bombardeos e coordinación da acollida de persoas refuxiadas

Axuda en Acción

Axuda en Acción canaliza a atención de emerxencia a través dos socios europeos da rede Alliance2015, que coñecen moi ben o terreo e ás organizacións locais. Están a centrarse en facilitar acceso a auga e comida e na distribución de material de primeira necesidade, como alimentos, artigos de hixiene, cueiros, sacos de durmir ou colchóns. Están tamén proporcionando tendas de campaña, mantas, pequenos equipos de calefacción e teléfonos, computadores portátiles e impresoras para coordinar mellor as actividades da sociedade civil e a ONG locais. Tamén están presentes nos postos fronteirizos de Polonia, Moldavia e Eslovaquia, creando espazos seguros de atención e descanso para mulleres desprazadas, xa que, en situacións de conflito, o risco de violencia de xénero e trata aumenta.

"Os pasos fronteirizos están abertos, pero o fluxo vese decote obstaculizado pola burocracia. A xente espera en fileiras de ata seis ou doce horas nalgúns lugares, o que supón un verdadeiro reto, especialmente durante as noites xeadas. O positivo é que, ata agora, a maioría dos refuxiados parecen saber onde van: amigos, familiares, coñecidos...", di Marek Štys, xefe de axuda humanitaria de PIN, presente na fronteira. "Pero, por suposto, isto pode cambiar co paso dos días a medida que o conflito se intensifica. Se chega unha onda de refuxiados sen contactos e pide asilo, toda a situación podería complicarse seriamente", engade.

Tamén están presentes nos postos fronteirizos de Polonia, Moldavia e Eslovaquia, creando espazos seguros de atención e descanso para mulleres desprazadas, xa que, en situacións de conflito, o risco de violencia de xénero e trata aumenta

Educo

A Fundación Educo está presente en Ucraína a través da rede ChildFund Alliance, unha plataforma internacional formada por 11 entidades que teñen por obxectivo garantir a protección de nenas, nenos e adolescentes. Ata agora enfocáronse nas seguintes liñas: distribución de alimentos e artigos básicos, provisión de medicamentos, atención a familias que busquen refuxio en países veciños e primeiros auxilios psicolóxicos.

Pilar Orenes, directora de Educo, sinala que "a poboación civil así como as infraestruturas civís como hospitais non poden ser branco dun ataque. Tamén pedimos ou máximo respecto as organización humanitarias que traballan en Ucraína; os traballadores humanitarios non podar ser obxectivos e debe garantirse a súa protección e acceso aos lugares mais necesitados de axuda".

Cidadáns ucraínos cruzan a fronteira cara a Polonia © UNICEF/UN0598207/

"O sector máis afectado é o das persoas maiores, que adoitan sufrir problemas de mobilidade e enfermidades crónicas e en moitos casos non teñen acceso ao tratamento adecuado"

Entreculturas

Entreculturas é unha entidade especializada en atención educativa. Agora mesmo está a operar no interior de Ucraína coa asistencia básica na recepción, aloxamento temporal e bens de primeira necesidade a persoas desprazadas internamente pola guerra, así como organización de transporte seguro a Polonia. Unha vez alí ofréceselles asistencia humanitaria desde o momento que cruzan a fronteira ata o proceso de facilitar a súa integración na comunidade de acollida. Atendeu xa unhas dúas mil persoas, principalmente nais con fillos, adultos maiores, persoas feridas e enfermas. 

As prioridades agora son o reparto de paquetes nutricionais para menores, "kits de dignidade" específicos para mulleres, incluíndo kits de hixiene e tamén mantas e roupa de abrigo para as persoas máis vulnerables

Terra de Homes

Terra De Homes está a realizar intervencións directas apoiando aos refuxiados ucraínos nas fronteiras e nas instalacións de acollida creadas en países de tránsito e/ou destino (Moldavia, Hungría, Romanía), repartindo kits de hixiene e proporcionando espazos amigables para os/as nenos/as con equipos multidisciplinarios. Ademais, forma parte da Alianza para a Protección da Infancia na Acción Humanitaria que traballan para garantir a protección da infancia da violencia e a explotación sexual. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.