Non só comida e teito: ONG galegas redobran esforzos para atender refuxiados da Ucraína "nun sistema saturado"

Divia, de cinco anos, e Damia, de oito, viaxaron coa súa nai de Ucraína a Romanía fuxindo da guerra © UNICEF/UN0599064/Moldovan

En Galicia hai preto de 400 persoas refuxiadas da Ucraína rexistradas no sistema de protección que lles permite obter os permisos de residencia e traballo. As ONG galegas amplían as súas capacidades para dar resposta á chegada dos ucraínos mentres o sistema non deixa de recibir tamén a persoas doutros países

O delegado do Goberno central en Galicia, José Miñones, confirmou esta semana na reunión do Comité técnico para a coordinación da xestión humanitaria fronte á guerra na Ucraína que xa están tramitadas 365 solicitudes de protección temporal de ucraínos e ucraínas. Isto non quere dicir que non haxa máis persoas refuxiadas da Ucraína no país, polo que desde as ONG galegas inciden na necesidade de rexistrar a todas as persoas que cheguen fuxindo desta guerra para poder dimensionar as axudas e os recursos que van ser necesarios para atendelas. 

“A xente que sae da Ucraína precisará tempo para asimilar o que aconteceu. Estamos diante dunha fuxida salvaxe, as persoas van tardar en adaptarse á nova situación porque veñen dun momento traumático que se desenvolveu en moi pouco tempo. Alí tiñan unha vida normal e, quen puido fuxir, deixa atrás familiares e amizades que quedan alí”, advirte o psicólogo galego José María Freire, especialista en atención en emerxencias e catástrofes. 

Persoas cruzando a fronteira entre Ucraína e Polonia a pé a finais de febreiro © UNICEF/UN0598207/UNIAN

“Temos arredor dun cento de persoas acollidas xa en centros habitacionais de emerxencia”, conta Daniel Bóveda, responsable provincial da oenegué Accem en Vigo. Para acceder ao sistema de protección internacional que xestiona o Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións as persoas teñen que manifestar que se queren acoller a esa axuda. Agora, as chegadas da Ucraína poden rexistrarse nas comisarías da Policía. Accem é a ONG que coordina o acceso en Galicia e que despois contacta con outras organizacións, como Ecos do Sur ou o Movemento Pola Paz, para o acollemento e acompañamento. 

"Os Estados son quen teñen a obriga de garantir os dereitos, por iso son os que teñen as capacidades e os medios económicos”, sinala Susana Fernández, de MPDL

Este xoves, en Vigo, xa había máis de corenta persoas da Ucraína aloxadas, pero o venres chegaba outro grupo desde os catro centros habilitados en España para a recepción inicial dos refuxiados. “O primeiro é que durman, levan moito camiño. Necesitamos darlles tempo a que se asenten, mentres xa imos tramitando a documentación e cando estean un pouco máis estables xa podemos comezar a intervención”, explica Bóveda, que xa ten a varias persoas ucraínas en clases de castelán na sede de Accem. “Algúns xa saben algo de castelán, pouco a pouco tempos que ir identificando as necesidades de cada un”, engade. 

Garantir os dereitos

Coa Directiva de protección temporal aprobada pola Unión Europea, as persoas da Ucraína teñen recoñecido o permiso de residencia e de traballo por un ano nas 24 horas seguintes a rexistrarse como refuxiadas. Na fase de acollida, cando chegan a ONG como Movemento Pola Paz (MPDL), teñen dereito "a un recurso habitacional e a unha serie de axudas económicas para manutención e diñeiro de peto, así como acceso a medicamentos e outros recursos sanitarias, teñen axudas escolares e para formación e emprego; ademais –o máis destacado– é que teñen ao seu dispor un equipo multidisciplicnar cunha avogada, traballadora social, educadores sociais, profesora de castelán, orientadora laboral e psicólogos”. 

Así o describe Susana Fernández, responsable da delegación de Movemento Pola Paz Galicia: “O que facemos é darlles soporte para axudarlles a asentarse aquí”. Nesta oenegué xa duplicaron as prazas para acoller a persoas que foxen da guerra na Ucraína. “O Ministerio pediunos un esforzo a todas as organizacións que estamos no sistema para implementar o número de prazas e dar resposta. Os Estados son quen teñen a obriga de garantir os dereitos, por iso son os que teñen as capacidades e os medios económicos: pero non só os que cheguen en forma de axudas da UE ou do Goberno central, tamén están as comunidades autónomas e os concellos. Nós recibimos cartos públicos para facilitar isto e estamos coordinados con todas as Administracións e entidades para organizar a axuda”, incide.

Persoas refuxiadas de Ucraína no campamento temporal para refuxiados instalado na República Moldova © UNICEF/UN0598140/Velixar

"Hai que ter moita responsabilidade á hora de ir á fronteira para recoller xente. Moitas veces pódese actuar de boa fe, pero fai falta un traballo profesional”, di Daniel Bóveda, de Accem

A conselleira de Política Social, Fabiola García, sostivo que Galicia "porá todos os recursos á súa disposición para acoller as vítimas da guerra, se libre en Afganistán ou na Ucraína”. Polo que avanzou que a Xunta pón 1.400 prazas a disposición do Goberno central para acoller refuxiados ucraínos, así como 432 camas en hospitais, aparte dos recursos ao seu alcance para os menores do sistema de protección. Ademais, xa estableceu unha vía rápida para as matrículas dos menores de idade nas escolas

Axuda coordinada 

“Temos unha capacidade de manobra bastante áxil, pero se chega un autobús –que nos enteramos pola prensa– e veñen aquí porque queren unha praza... Materialmente, en ocasións, non é posible. Hai que ter moita responsabilidade á hora de ir á fronteira para recoller xente e deixarse guiar polas ONG que traballan alí para evitar temas de trata de mulleres e nenas; e, desde logo, consultar todo aquilo ao que estas persoas teñen dereito para que non se poñan en risco os dereitos humanos. Moitas veces pódese actuar de boa fe, pero fai falta un traballo profesional. Aínda que celebramos e agradecemos as mostras de solidariedade”, detalla Daniel Bóveda. 

Neste sentido tamén se manifesta Susana Fernández, que fai fincape en que “isto é un tema de Estado” e que as organizacións teñen que aplicar as políticas públicas existentes. “É de loubar que a xente sexa solidaria, pero necesitamos dar unha reposta de maneira coordinada. A solidariedade non se ten que quedar neste momento, vaise necesitar axuda durante moito tempo. Está todo pasando moi rápido, pero isto vai ser un camiño longo e agora estamos nun momento inicial de avaliación das necesidades”, defende, para apuntar que as persoas que queiran colaborar poden facelo a través de achegas económicas ás ONG que están traballando in situ (tanto na Ucraína como nos países fronteirizos) ou ben anotándose nos seus concellos se queren acoller a persoas refuxiadas na súa casa ou dispoñen de vivendas baleiras que queiran ceder. 

"Hai que facer que vivan dignamente, e para iso teñen que sentirse integrados e poder tomar decisións”, salienta o psicólogo José María Freire

Para as persoas que traballan nas oenegués involucradas no sistema de protección internacional está a pasar todo moi rápido, pois seguen a contar con persoas refuxiadas doutros países como Siria ou Afganistán, que non deixan de precisar axuda porque haxa agora unha guerra na Ucraína. “Estas persoas chegan a un sistema de protección que xa estaba saturado. Nós xa tiñamos as prazas cheas, por iso tivemos que duplicar as prazas”, sinala Susana Fernández. 

O psicólogo José María Freire destaca que hai un principio na atención á saúde mental que di que “as boas intencións tamén producen dano”. Por iso, insiste en que a axuda ás persoas refuxiadas ten que estar organizada de maneira transversal coas Administracións e as entidades sociais para que sexa efectiva. E apunta que a poboación que acolle, neste caso a galega, tamén se ten que preparar para recibir a estas persoas. 

“Ao principio sempre hai moita solidariedade e moita acollida, pero debemos respectar ás persoas que veñen, que son culturalmente diferentes a nós, e ser conscientes desa diferenza para, por encima de todo, respectar a súa dignidade. Hai que facer que vivan dignamente, e para iso teñen que sentirse integrados e poder tomar decisións. Sen actitudes paternalistas nin maternais. Deben empezar a construír as súas novas vidas e nese proceso todos temos que estar presentes, entendendo as súas circunstancias e o que deixaron no seu país”, debulla Freire.

Vista dunha zona residencial de Kíiv (capital Ucraína) o 26 de febreiro en plena escalada do conflito © UNICEF/UN0598027/Evgeniy/UNIAN

José María Freire traballa en Xeorxia, mais estivo máis dun ano na Ucraína, en concreto na zona do Dombás, e coñece a realidade do conflito que xa existía no país antes da guerra. Por iso ten moi presente a importancia de non esquecer que estamos a tratar con persoas: “Hai que individualizar a cada persoa, entender moi ben as súas necesidades e o que precisan. E poñer os mecanismos para darlles apoio: non é darlles unha casa, unha manta e que vaian á cociña económica todos os días. É algo máis: integración, normalización de vidas, que poidan establecer as súas redes sociais e facer novos contactos coa poboación de acollida... E, por suposto, garantir que poidan recibir axuda desde o punto de vista da saúde mental”.

Cando traballamos en conflitos, o primeiro nivel de intervención é a protección –sobre todo da poboación máis vulnerable–. Hai que sacalos da zona na que estean en risco e garantir uns mínimos de aloxamento e alimentación. Nun segundo nivel xa está empezar a normalizar as súas vidas en comunidade e como familias, que volvan as súas rutinas. Despois sería o momento de orientalos, de manexar determinadas reaccións emocionais e de solucionar problemas. E xa nun cuarto nivel estaría a axuda psicolóxica ou psiquiátrica, cando as persoas non poden manexar as súas vidas. Coas persoas refuxiadas da Ucraína estamos no nivel básico, queda moito acompañamento por facer”, destaca o psicólogo. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.