O TSXG vén de confirmar que a Xunta discriminou a maioría de granxas de carne vacún nas axudas polo impacto do coronavirus. Nunha recente sentenza, o Tribunal Superior estima o recurso contencioso-administrativo interposto polo Sindicato Labrego Galego (SLG) contra a orde do 28 de outubro de 2020 que regulaba as axudas temporais e excepcionais aos sectores agrarios por excluír delas as explotacións das granxas de menos de dez vacas nutrices.
As bases reguladoras destas axudas, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural (Feader), establecían no seu artigo 5.4 que só poderían acceder a elas aquelas explotacións "que tivesen ao menos 10 vacas nutrices", un requisito que foi denunciado polo SLG, que o levou aos tribunais. Agora, o Superior establece na sentenza -á que tivo acceso Praza.gal- que a orde "non respecta os principios de obxectividade, transparencia e non discriminación" en base á normativa comunitaria e aclara que non hai "informe nin documento ningún que xustifiquen tal requisito ou criterio discriminatorio".
As axudas impulsadas pola Xunta excluían as explotacións de menos de dez vacas, o que o TSXG considera "discriminatorio"
Ante iso, o TSXG ordena anular ese inciso aclaratorio e discriminatorio do artigo 5 da orde e todo o artigo 6, que contempla a contía das axudas individualizadas, ademais de "recoñecer o dereito das persoas titulares de explotacións de vacún de menos de dez unidades, que non sexan de autoconsumo e teñan declarados ingresos pola actividade, a ser beneficiarias das axudas reguladas na orde impugnada".
En rolda de prensa, a secretaria xeral do SLG, Isabel Vilalba, e o coordinador do Sector Vacún de Carne do mesmo sindicato, Brais Álvarez, debullaron a sentenza e advertiron que a Consellería do Medio Rural "bloqueou o acceso de 10.284 granxas galegas -máis da metade das que hai en activo- ás axudas".
Así, solicitan a "subsanación urxente desta irregularidade" e destacan o feito de que as axudas só foran percibidas en Galicia por pouco máis de 4.620 granxas "das case 19.000 que poderían ter sido beneficiarias". "A nivel de Ternera Gallega, por exemplo, quedaron fóra aproximadamente a metade das granxas inscritas, explican.
O Superior ordena anular o requisito denunciado polo SLG e "recoñer o dereito" dos titulares de explotacións de menos de dez vacas "a ser beneficiarios das axudas"
Para o SLG "fica claro, agora tamén dende o punto de vista da xustiza", que a Xunta, "malia contar con orzamento europeo e sendo unha das liñas de traballo da UE o fomento das pequenas e medianas granxas, instrumentalizou estes fondos para favorecer grandes explotacións".
Ademais, o SLG asegura que os 12 millóns de euros activados nesta axuda eran unha contía "totalmente insuficiente" e que a estimación dos seus servizos técnicos advertía da necesidade dun orzamento duns 25 millópns para chegar a todas as granxas do sector vacún de carne.
“A Consellaría do Medio Rural sabe perfectamente que no noso país a maioría das explotacións de carne teñen 10 ou menos vacas nutrices. Na reunión previa á aprobación desta orde xa advertimos da aberración de establecer unha axuda pública que de xeito expreso, e nunha situación de máxima complexidade e quebra de proxectos económicos, abandonaba as pequenas explotacións, precisamente as que máis contribúen a vertebrar o medio rural”, explicou Isabel Vilalba.
O SLG cre que a discriminación das granxas pequenas era unha decisión "política" e que a Xunta está "orientada cara a un modelo industrial"
Ademais, a secretaria xeral do SLG lembra que nas alegacións tamén lle recordaron á Xunta que a discriminación "afectaba directamente as mulleres". Do total de 22.677 granxas de vacún de carne de Galicia, un 49,60% están baixo a titularidade de gandeiras -11.247 explotacións-, sendo maioría fronte ao 46,63% que contan con homes como titulares ( 3,77% restante ten como titular unha persoa xurídica).
Para o SLG, o requisito que discriminaba as granxas de menos de dez vacas é un "eminentemente político". "Unha estratexia para privilexiar, instrumentalizando o erario público, o modelo de produción agroindustrial defendido a ultranza polo PP na Galiza e no Estado, como tantas veces ten alabado o conselleiro José González Vázquez”, abondou Brais Álvarez, que lembrou que o argumento de Medio Rural para deixar fóra das axudas a estas explotacións foi "dubidar da súa viabilidade, malia seren explotacións profesionais que cotizan á Seguridade Social, crean emprego na unidade familiar e se axustan perfectamente ao modelo de explotación tradicional maioritario que temos no noso país”.
A sentenza, segundo o SLG, "vai permitir subsanar unha inxustiza", pero tamén "é motivo de indignación e tristeza porque é unha confirmación máis de que padecemos unha Administración pública orientada totalmente cara un modelo industrial, á que non lle interesan as pequenas explotacións, que son as que realmente axudan a manter un medio rural vivo”. "A Xunta derivou fondos públicos cara grandes explotacións tachando o modelo maioritario tradicional na Galiza de inviable", insite o sindicato.
Ante a sentenza do TSXG contra a Xunta cabe recurso de casación.