Unións Agrarias lanza un proxecto para favorecer a remuda xeracional nas granxas leiteiras

Vacas nunha explotación gandeira © Xunta

O 40% dos titulares de granxas leiteiras galegas teñen máis de 55 anos de idade e o 77% destas explotacións con persoas de idade laboral avanzada á súa fronte non contan con relevo dentro da propia familia

O 40% dos titulares de granxas leiteiras galegas teñen máis de 55 anos de idade, segundo os datos da Estratexia de Dinamización do Sector Lácteo Galego, informe que tamén indicaba que o 77% destas explotacións con persoas de idade laboral avanzada á súa fronte non contaban con relevo dentro da propia familia e que, nestes casos, apenas o 19% dos propietarios valoraban traspasar a explotación.

Cada ano desaparecen ao redor de 200 granxas leiteiras en Galicia (6.088 en 2021, 5.870 en 2022 e 5.626 en 2023), en boa medida pola falta de remuda xeracional. A produción total, iso si, mantense ou mesmo aumenta, pois dende a fin das cotas lácteas en marzo de 2015, o noso país vén incrementando a súa produción en preto de 50 mil toneladas anuais, cunha estrutura do sector baseada cada vez máis en granxas de meirande tamaño.

Unións Agrarias creará unha base de datos que tentará poñer en contacto aos titulares de explotacións que se atopan próximas ao peche e sen posibilidades de relevo familiar con persoas interesadas en incorporarse á actividade agrogandeira

En todo caso, como lembra Unións Agrarias, "cando unha explotación gandeira pecha non volve abrir" e son moitas as granxas que teñen dificultades para continuar coa súa actividade, debido a esa falta de relevo xeracional nas familias propietarias ou nas súas localidades.

Unións Agrarias vén de poñer en marcha o proxecto Smart Farm Saving, que busca favorecer esta transmisión e frear o abandono das explotacións co apoio da Axencia Galega de Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia e cofinanciado polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural FEADER.

Nos dous próximos anos o sindicato traballará na elaboración dunha base de datos que tentará poñer en contacto aos titulares de explotacións que, xa sexa por idade ou por outro motivo, se atopan próximas ao peche e sen posibilidades de relevo familiar; con persoas interesadas en incorporarse á actividade agrogandeira. 

O proxecto encargarase de acompañar e prestar o asesoramento preciso para que esa transición entre titulares se realice do xeito máis rendible

Alén desa recollida de datos e posta en contacto das partes interesadas, o proxecto encargarase de acompañar e prestar o asesoramento preciso para que esa transición entre titulares se realice do xeito máis rendible, coa ollada posta na modernización e na implementación de posibles melloras que poidan contribuír a aumentar as posibilidades de éxito, a sustentabilidade e a viabilidade futura das granxas.

Búscase "tender pontes entre os titulares de explotacións próximas ao peche con persoas interesadas en incorporarse á actividade agrogandeira"

Segundo Unións Agrarias, Smart Farm Saving é "unha ferramenta dixital intelixente que traballará para tender pontes entre os titulares de explotacións próximas ao peche e sen posiblidade de relevo con persoas interesadas en incorporarse á actividade agrogandeira".

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.