Medio millón de vacas, vinte por explotación e máis ca persoas en 66 concellos

Vacas pacendo en Abadín (Lugo) e mapa do número de vacas por concellos en 2023 CC-BY-NC-SA Foto: M.Pereira | Montaxe: Praza.gal

A actualización do rexistro de gando bovino amosa que en Galicia había 524.340 vacas en 2023, un 0,75% máis que o ano anterior, con notables diferenzas territoriais

Se a Galicia no seu conxunto lle preguntasen "cantas vacas ten" a resposta sería que cada vez menos, aínda que con matices tanto temporais como, sobre todo, territoriais. O Instituto Galego de Estatística vén de actualizar os seus datos do rexistro de gando bovino con cifras correspondentes a 2023 e reflicte un total de 524.340 vacas, apenas un 0,75% máis que un ano antes, un lixeiro incremento dentro dunha tendencia xeral a unha diminución paseniña, pero progresiva.

Estes datos tamén acreditan a necesidade de introducir matices á hora de falar de Galicia como un país gandeiro, dadas as notables diferenzas existentes entre comarcas e municipios. Non en van, como amosa o mapa baixo estas liñas, o número de vacas é moito máis elevado no interior das provincias de Lugo e da Coruña e mais na contorna Costa da Morte que no resto do territorio.

Con datos de 2023, o concello galego con máis vacas é A Pastoriza, con 15.565 reses, algo máis de 11.000 delas de muxidura. Tamén ten máis de 15.000 o concello de Lalín, cunha ampla maioría de vacas leiteiras. Asemade, superan as 10.000 os concellos de Mazaricos, Sarria, Castro de Rei e Santa Comba e están por riba das 9.000 en Vilalba, Friol, Frades e mais no concello de Lugo.

A Pastoriza e Lalín son os concellos con máis vacas, ambas con máis de 15.000. Na banda contraria están os sete concellos sen ningunha. Entre as cidades destacan as máis de 9.000 de Lugo e as máis de 2.000 de Santiago

Na banda contraria atópanse sete concellos sen ningunha vaca rexistrada. Ningún deles, ao contrario do que podería ditar a intuición, é unha das sete cidades. Son media decena de municipios ourensáns (Toén, A Arnoia, Beade, Ribadavia e Rubiá) e, xunto a eles, os concellos de Catoira e da Illa de Arousa.

Nas cidades as cifras non son moi avultadas coa excepción da capital lucense, pero están por riba destes concellos. Así, tras as 9.100 vacas rexistradas na ampla contorna rural do concello de Lugo están as 2.509 de Santiago, municipio cunha área rural tamén moi extensa. A continuación sitúase Ferrol, con 356 vacas rexistradas en 2023, e despois estaría Pontevedra, con 116. Na cidade máis poboada, Vigo, había 69 vacas nese ano, menters que en Ourense quedaban apenas 21 e na Coruña, 7.

Estas cifras municipais danse nun contexto marcado por unha marcada redución no número de explotacións. En 2023 eran unhas 26.200, un 35% menos que unha década antes, o que supón unha redución superior ao 60% a respecto de hai vinte anos. O número total de vacas diminúe, pero a un ritmo moito menor, o que dá lugar a un pronunciado incremento na cifra media de animais por explotación: de pouco máis de 10 a principios de século a case 20 na actualidade.

66 concellos con máis vacas ca persoas

Na Pastoriza e Muras rexístranse máis de 5 vacas por habitante. En Montederramo, Pol, Frades, Paradela e Triacastela a correlación está por riba de 4

A actualización deste rexistro de gando bovino permite tamén responder a unha pregunta que xa virou en clixé nos últimos anos, pero que non deixar de ser un reflexo da realidade socieconómica dalgunhas comarcas: en cantos concellos hai rexistradas máis vacas que habitantes. E a resposta é que, con datos de 2023, e que esta circunstancia se produce nun total de 66 concellos.

O municipio con maior número de vacas, o da Pastoriza, é tamén o que presenta unha maior correlación entre vacas e habitantes: as 2.814 persoas que, segundo os datos oficiais de poboación, residían na Pastoriza en 2023, tocarían a cadansúas 5,53 vacas. Esta correlación tamén está por riba de 5 en Muras e supera as 4 vacas por habitante en Montederramo, Pol, Frades, Paradela e Triacastela.

E, que sucede nos concellos urbanos? En Lugo esa correlación é de 0,093 vacas por habitante e en Santiago, de 0,023. Nas cidades con menos vacas rexistradas, Ourense e A Coruña, a cifra descende a 0,0002 e 0,00002.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.