No 2018 había máis de medio millón de cans rexistrados legalmente en Galicia, un por cada cinco habitantes. Na actualidade a cifra supera os 740 mil (740.656), cun aumento do 34% en cinco anos
Un comentario recorrente adoita chamar a atención sobre o feito de que cada vez se ven máis cans polas rúas das cidades e vilas galegas. Dende logo, a súa existencia é máis visible nas urbes e o seu papel é máis importante en moitas familias. Tamén creceron indubidablemente as múltiples actividades comerciais derivadas da presenza das mascotas, dende clínicas veterinarias a tendas específicas ou perruquerías e adestradores e mesmo hoteis e gardarías.
Hai máis cans agora que antes? É difícil aseguralo ante a ausencia de datos fiables no pasado. Porén, dende hai anos existe a obriga de inscribir todas as mascotas no Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compañía e a comparación das cifras actuais de cans rexistrados no REGIAC coas de hai uns anos amosa un crecemento importante.
A pregunta, quizais, é se o número de cans está a aumentar realmente a esa velocidade ou o que se está a producir aínda é unha regularización de moitos animais que ata agora ficaban fóra do sistema
No 2018 había máis de medio millón de cans rexistrados legalmente en Galicia, un por cada cinco habitantes. Na actualidade a cifra supera os 740 mil (740.656), cun aumento do 34% en cinco anos. Trátase dun crecemento sostido que xa entre 2015 e 2018 fora do 60%. Así pois, o país do millón de vacas, achégase pouco a pouco a ser o país do millón de cans.
A pregunta, quizais, é se o número de cans está a aumentar realmente a esa velocidade ou o que se está a producir aínda é unha regularización de moitos animais que ata agora ficaban fóra do sistema e non eran rexistrados polos seus humanos e humanas.
En relación ao rexistro, cómpre lembrar que o pasado mes de outubro un ataque informático deixou expostos datos persoais e documentos do REGIAC, un suceso que afectou a enderezos, teléfonos, documentos de identidade ou pólizas de seguro das persoas propietarias de animais de compaña con chip.
Vigo é o concello con máis cans rexistrados, case 50 mil
As estatísticas achegadas pola Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda amosan que os concellos con máis cans rexistrados son as sete cidades, encabezadas por Vigo, con case 50 mil animais, seguida da Coruña con algo máis de 30 mil e Lugo con máis de 20 mil. Despois das sete urbes, aparecen Narón, Vilagarcía, Oleiros, A Estrada, Carballo, Arteixo e Lalín.
Os concellos con máis cans rexistrados por habitante son Agolada, Rodeiro e Verea, onde hai máis cans que persoas
Porén, esta relación reproduce -con matices- a lista dos concellos máis poboados de Galicia. Pero onde hai máis cans por habitante? O seguinte mapa amosa que a existencia de cans con chip, legalmente rexistrados, é moito máis numerosa nos concellos rurais e que nas cidades -a pesar da visibilidade cada vez maior- o seu número é máis reducido en termos relativos. É dicir, onde a xente vive en pisos en maior medida o número de cans é moito menor.
Así, os concellos con máis cans rexistrados por habitante son Agolada, Rodeiro e Verea, onde hai máis cans que persoas. En Bande, Xermade, Dozón, Carballedo, Muras e Fornelos de Montes hai igualmente máis de 80 cans por cada 100 habtiantes.
Na Coruña hai apenas 13 cans por cada 100 habitantes. Vigo (16,6), Ourense (17,7) e Compostela (18,2) prresentan tamén magnitudes moi reducidas
A relación nas cidades é moi distinta e, por exemplo, na Coruña hai apenas 13 cans por cada 100 habitantes. Vigo (16,6), Ourense (17,7) e Compostela (18,2) prresentan tamén magnitudes moi reducidas. Concellos con escasa superficie, como Burela, Corcubión, A Illa de Arousa ou A Guarda presentan cifran moi semellantes. Outras urbes, como Ferrol (20,2), Pontevedra (21,6) ou Lugo (23 cans por cada 100 habitantes) presentan ratios de animais máis elevados.
O crecemento dende o 2018, maior nas zonas rurais
Se comparamos as cifras actuais coas de hai 5 anos atopamos unha tendencia moi clara: os concellos nos que máis aumentou en termos relativos o número de cans rexistrados no REGIAC foron maioritariamente termos municipais rurais, fronte a aumentos porcentuais máis reducidos nas zonas urbanas.
O importante incremento que se vén rexistrando nos últimos anos nas cifras do REGIAC semella deberse, sobre todo, ao afloramento dun gran número de animais, principalmente nas zonas rurais, anteriormente non rexistrados e non tanto a unha suba (que é indiscutible) da presenza de mascotas nas cidades
O concello no que máis aumentou a cifra foi unha vila de pequeno tamaño como Ribadavia (102,56%), pero a continuación atopamos Zas (90,6%), Xermade (74,6%) e Rubiá (72%) e despois Punxín, Cerdido, A Mezquita, A Baña, Malpica, Coirós, Entrimo, Boimorto e A Teixeira, todos eles con incrementos superiores ao 60% en cinco anos.
Os concellos nos que menos aumentou o número de cans foron tamén rurais (Calvos de Randín, Parada de Sil, Os Blancos), pero as cidades presentan todas incrementos por debaixo da media galega (34,7%). Así, en Vigo, a cifra de cans rexistrados incrementouse só un 23,2%, en Santiago un 26,5%, en Ferrol un 26,9%, na Coruña un 27%, en Ourense un 29,8%, en Pontevedra un 30,2% e en Lugo un 33,8%.
Así pois, o importante incremento que se vén rexistrando nos últimos anos nas cifras do REGIAC semella deberse, sobre todo, ao afloramento dun gran número de animais, principalmente nas zonas rurais, anteriormente non rexistrados e non tanto a unha suba (que é indiscutible) da presenza de mascotas nas cidades.
Hai máis cans ou máis nenos e nenas?
En Galicia hai máis do dobre de cans (740 mil) que de nenos e nenas menores de 14 anos (304 mil)
Outro dos comentarios recorrentes cando se fala das mascotas e do seu número crecente ou da súa maior visibilidade nas zonas urbanas é o referente a que hai "máis cans que nenos e nenas". Así pois, hai máis cans que crianzas? A resposta, indubidablemente, á vista das cifras do REGIAC é que si, se temos en conta que o rexistro suma máis de 740 mil animais e o número de nenos ou nenas en Galicia é moi inferior.
Pero cantos máis? Pois aquí depende o que se considere como crianza. Ata os 8 anos? Ata os 12? Ata os 14? Ata os 18, abranguendo todos os menores de idade? Se consideramos os e as menores de 14 anos, atopamos que en Galicia están empadroados e empadroadas algo máis de 300 mil persoas, menos da metade do número de cans rexistrados.
Tendo en conta que as cidades son os espazos cun menor número de cans en relación á súa poboación e que, ademais, son os lugares con máis poboación nova, é doado chegar á conclusión de que nas zonas urbanas a relación can-neno será a máis igualada, mentres que nas zonas rurais o número de cans por neno/a se disparará.
Porén, nas cidades o seu número está equilibrado: na Coruña hai 1,11 cans por neno/a e en Vigo 1,37)
Así, efectivamente, os concellos con menos cans por persoa menor de 14 anos son A Coruña (1,11 cans por neno/a) e Vigo (1,37), só superados por Burela (1,08). Nos primeiros lugares da lista aparecen tamén A Illa de Arousa, Barbadás, Ames, A Guarda e Culleredo, e igualmente Santiago (1,46) e Ourense (1,54).
No outro extremo atopamos concellos rurais con moitos cans e moi baixa natalidade, como Lobeira, con 35 cans por cada persoa menor de 14 anos, Chandrexa de Queixa (32,5) ou Montederramo (27).