Galicia suma máis de medio millón de cans, 1 por cada 5 habitantes

Instalacións da Protectora Arco da Vella, en Ferrol © Ángeles Martínez

Cantos cans hai en Galicia? Cal é o concello con máis animais de compañía? Cal é o concello con máis cans por habitante? No Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compañía (REGIAC) recóllense os datos de todos aqueles que foron identificados mediante un chip polos seus propietarios. A estatística actualizada que ofrece a Consellería de Medio Ambiente (con data 25 de outubro de 2018) deixa a cifra total en 551.025 cans, 85 mil máis que os rexistrados un ano antes (466.231) e 200 mil máis que os que había en 2015 (algo máis de 343.000). 

O REGIAC recolle unha cifra total de 551.025 cans, 85 mil máis que un ano antes (466.231), un incremento do 18%

O incremento débese por unha banda a un cambio de hábitos e á cada vez máis frecuente presenzas de animais de compañía nas vivendas e, pola outra, á modificación legal introducida pola Lei de protección e benestar dos animais de compañia de Galicia, que entrou en vigor o pasado mes de xaneiro. Xa con anterioridade era obrigatorio o rexistro dos cans, pero a nova norma elevou as sancións, que pasaron de ser de entre 30 e 300 euros a situarse entre 500 e 5000. En tan só 12 meses o número de cans no REGIAC creceu un 18%.

Vigo é a cidade cun maior número de cans, case 40 mil (39.308), seguida de A Coruña (25.113), Lugo (16.681), Santiago (14.133) e Ourense (14.124). Con todo, en termos relativos Lugo é a urbe cun maior número de animais de compañía (17 por cada 100 habitantes), por diante de Pontevedra (16,7) e Santiago (14,7). A Coruña é a cidade cunha menor proporción (apenas 10,3 cans por cada 100 habitantes). Muxía, Os Blancos, Frades, Baltar e Negreira foron os concellos nos que máis se incrementou o censo de cans no último ano, con subas ao redor do 50%.

A realidade é que as zonas rurais seguen presentando cifras de cans rexistrados moi superiores ás áreas urbanas, debido posiblemente aos animais que gardan as casas ou ao maior número de cazadores. En termos relativos, de feito, Agolada, Rodeiro, Verea e Bande son os catro concellos cun maior número de cans por habitante, con cifras que superan os 70 animais por cada 100 persoas.

Outra ducia de localidades a proporción tamén supera o ratio 1 can por cada 2 persoas: Fornelos de Montes, Campo Lameiro, Friol, Vilariño de Conso, Lobeira, O Irixo, Chandrexa de Queixa, Aranga, Portomarín, Covelo, Carballedo e Forcarei. No outro extremo, ademais de A Coruña, Vigo e Ourense, tamén Ribadeo, Pontedeva, A Arnoia, Burela e A Illa de Arousa presentan as menores proporcións de cans por habitante, todos por debaixo de 13 por cada 100.

Neste cadro pódense consultar os datos para cada concello: o número de cans rexistrados a finais de 2017 e a cifra actual, xunto coa porcentaxe de variación nos últimos 12 meses.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.