Ence esgrime un ano de perdas para botar 39 persoas, o 6,5% do seu cadro de persoal en Pontevedra

Fábrica de Ence en Lourizán (Pontevedra), en terreos públicos á beira da ría © Ence

A empresa activou un procedemento de despido colectivo no que proporá "prexubilacións e baixas incentivadas" ao tempo que compromete un investimento de 120 millóns na súa fábrica

"Tras sumar catro trimestres consecutivos de perdas" Ence vén de poñer en marcha un "Plan de Eficiencia e Competitividade" para o período 2025-2027 co que busca melloras técnicas e "a racionalización dos seus procesos operativos". Así o vén de facer público este venres a empresa nun comunicado no que baixo esas expresións e tras un ano de perdas logo de varios de beneficios xustifica que vaia prescindir de 39 traballadores, o 6,5% do seu cadro de persoal en Pontevedra.

Imaxes de arquivo de manifestacións en contra e a favor de Ence CC-BY-SA APDR / ENCE

A empresa di que "a execución dos proxectos dos que se compón este plan implicará unha redución ordenada da súa estrutura de persoal no marco dun procedemento de despido colectivo xa iniciado". Unhas saídas que "se acometerían ao longo de 2026 e 2027" e que irán precedidas de investimentos para "automatizar tarefas".

As saídas irán precedidas de investimentos para "automatizar tarefas", segundo di a empresa

Segundo Ence, na negociación co Comité de Empresa "analizaríase a posibilidade de levar a cabo prexubilacións e baixas incentivadas" e mesmo "recolocacións noutras plantas onde está investindo o Grupo Ence". Porque ao mesmo tempo que impulsa estes despedimentos a empresa informa de que "de forma paralela á realización deste Plan de Eficiencia e Competitividade continúa o proxecto Pontevedra Avanza, cun investimento presupostado de 120 millóns de euros".

A factoría de ENCE na ría de Pontevedra CC-BY-NC Diego Portela

Os despidos en Ence chegan malia que a empresa viu ratificada en 2023 polo Tribunal Supremo a súa concesión na ría de Pontevedra ata 2073, pero ao tempo que o Tribunal Constitucional analiza esa decisión e a UE ten aberta unha investigación a España por prorrogar concesións como esa no litoral sen concurso público.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.