"Se as administracións non se poñen xa mans á obra, o rural acabará sendo un parque temático"

Andrés Rodríguez, presidente de Viña Costeira © Viña Costeira

Andrés Rodríguez Gómez (Ourense, 1981) preside e dirixe Viña Costeira, cooperativa nada en 1968 e á que xa pertencera o seu avó. Con algo menos de 500 socios na actualidade, medio cento de traballadores fixos e 3,5 millóns de botellas de viños do Ribeiro e Valdeorras elaboradas ao ano, a empresa mantén o impulso daquel grupo de viticultores dunha das denominacións de orixe máis antigas do mundo que a fundaron hai máis de 50 anos. Pero con novos desafíos, como o de superar o problema que supón o minifundio nas terras ou o impacto que o abandono rural ten na cada vez máis complicada remuda xeracional. Con el conversamos nesta cuarta entrega da serie Mans da Galicia que vén.

Como acaba un home tan novo dirixindo unha das cooperativas máis importantes de Galicia?

Traballaba na banca e vivía en Vigo, pero meu avó xa era socio da cooperativa Viña Costeira. Faleceu el e miña nai, a súa única filla, así que eu herdei ese posto de socio. Xa tiña vinculación co mundo do viño e a viticultura pola miña familia e un apego á empresa. Como tiña formación a nivel económico-financeira, a anterior directiva propúxome botar unha man coas auditorías internas e a raíz de aí empezou a miña relación laboral coa empresa. Ata agora. 

Instalacións de Viña Costeira en Ribadavia © Viña Costeira

"Temos explotacións tan pequenas que xa case non son rendibles; ou nos modernizamos ou non seremos quen de atender unha demanda crecente"

Que desafíos afronta agora Viña Costeira nestes tempos? É un contexto difícil?

Desde logo que é un contexto difícil, sobre todo, como para case todo o mundo, desde a pandemia. Temos un reto importante porque eu sempre digo que todo aquel que inviste un céntimo no rural debería ter un monumento... Pero esa non é a tendencia porque todo é complicado e con atrancos, especialmente en Galicia e no Ribeiro pola estrutura da terra e a dificultade para ter explotacións rendibles e dun tamaño mínimo. Todo este contexto xa o facía difícil, pero a iso hai que unirlle a pandemia e o que agora parece que nos vén enriba. Son dificultades, pero hai que asumilas como retos e aprendizaxe. Tamén é o que motiva: afrontar cousas novas e novos obxectivos que cumprir cada ano. 

Nesta serie de entrevistas, todos os protagonistas advirten da necesidade de impulsar o rural e das dificultades das empresas asentadas nel ou que dependen del. Cal é a principal problemática que afronta Viña Costeira?

A nós, agora mesmo, o que máis nos afecta é o problema da terra. Hai certa moda cos viños brancos en xeral e cos galegos en particular a nivel mundial, pero temos unhas explotacións practicamente non rendibles polo seu tamaño e pola falta de mecanizacion, así que ou nos imos modernizando ou non imos ser quen de atender toda a demanda crecente que temos. Isto é o que máis nos aperta o zapato, pero todo está interrelacionado. 

"Temos os viticultores que máis caro cobraron a uva de toda España pero unha taxa de abandono brutal; non hai rendibilidade por moito que se pague"

A que se refire?

Se quero que a xente nova quede a traballar e a vivir ben no rural, con boa calidade de vida e bos servizos, necesito, por poñer un exemplo, que teñan acceso a internet de calidade. Se non o hai, será complicado que queden aquí. Pero se non teño un tamaño de explotación mínimo, non vou conseguir que obteñan rendibilidade, así que tampouco van poder vivir disto. Todo está interrelacionado. 

A necesidade de máis cooperación, de proxectos cooperativos, tamén é unha constante entre os desexos e demandas. Dirixindo unha cooperativa tan antiga, tamén saberá dos problemas que este modelo ten...

Tenos. E volvo de novo ao tema da terra e da rendibilidade das explotacións. Non só en Viña Costeira senón noutras cooperativas de éxito nas Rías Baixas, os socios nos últimos 10-20 anos son os viticultores que máis caro cobraron a uva, probablemente, de toda España. No entanto, estamos sufrindo unha taxa de abandono brutal. Isto débese a que os tamaños de explotación que temos son tales que non se pode mecanizar e non hai rendibilidade por moito que se pague a uva. Ao final, os modelos cooperativos de hai anos consistían en que o viticultor producise uva e a bodega a vendese case como fose, mesmo viño a granel. En Galicia, ese modelo está extinto e, grazas a deus, as cooperativas tratamos de diversificar o negocio. 

Un dos eventos organizados por Viña Costeira © Viña Costeira

É clave esa diversificación?

Nós temos un restaurante e outros negocios dos que intentamos acadar rendibilidade para poder revertela no socio. Os modelos cooperativos de hai 30 anos terán que ir mudando e o que si fai falta é máis cooperación, mesmo a nivel intersectorial. Un non pode pensar agora mesmo nun modelo cooperativo só para producir viño, ten que pensar en modelos para producilo, vendelo, gañar novos mercados, poder colaborar coa hostalería... Hai que buscar este tipo de modelos para tratar de acadar un tamaño maior. Por varios motivos.

"A aposta polo rural que tanto publicitan as administracións debe ser real; non pode ser que Viña Costeira, que podería estar vendendo moito máis, non o poida facer"

Cales?

Primeiro, porque cada vez imos ter menos socios pero socios máis grandes e hai que buscar rendibilidade para eles. Non podemos gañar os mesmos cartos que cando se vendían 8 millóns de botellas porque agora vendemos 3,5, así que hai que buscar rendibilidade doutras formas. Ademais, diversificando o negocio tamén conseguimos diversificar o risco e non poñemos todos os ovos no mesmo cesto. Coido que a cousa debe ir por aí. 

Falaba antes do abandono e semella que un dos principais problemas no sector é a remuda xeracional. Que lle diría ás administracións sobre as necesidades para que a mocidade non abandone o rural?

Gustaríame que esta aposta polo rural que tanto gusta publicitar ás administracións sexa real, que se cumpra na práctica. Se realmente queres apostar polo rural, consegue fibra e internet de alta velocidade; se queres que sobreviva o rural, ten que haber un tecido económico. Non pode ser que unha empresa coma a nosa, que ten unha demanda crecente e podería estar vendendo bastante máis do que vendemos, non o poida facer.

"O que lle falta a Galicia, con tantos produtos de alta calidade, é producir máis"

Que é o urxente?

Precisamos máis facilidades para conseguir terra e distribuíla entre os nosos socios e que eles poidan producir uva e vivir disto. Sei que a burocracia, mesmo imposta pola UE, nos atenaza, pero tamén creo que estamos achegándonos a un punto de non retorno. Como as administracións non o tomen en serio e se poñan mans á obra, ao final o rural acabará sendo un parque temático. Será un lugar a onde a xente veña facer turismo de cando en vez ou ás festas da aldea, pero que estará deserto o resto do ano. É unha mágoa porque, especialmente en Galicia, temos produtos de alta calidade, recoñecidos no mercado, e o que nos falta é producir máis. Sempre apostando pola calidade, pero unha maior produción. 

Viña Costeira leva tempo apostando pola cultura, co impulso de eventos musicais, da pintura, da escultura... É un sinal de identidade da empresa que semellan ter recuperado nos últimos anos.

Si. Esta aposta pola cultura foi algo que os fundadores xa inculcaron nos inicios da cooperativa, colaborando con Álvaro Cunqueiro por exemlo, ou más adiante cando durante anos todas as edicións das botellas de Amadeus contaban con obras inéditas de pintores galegos como Laxeiro ou outros. Era algo que tiñamos aparcado e quixemos retomar, pero dándolle unha pequena volta para achegarnos a un público máis novo. 

Por algunha razón?

Tamén porque cremos que hai un debe coa xente máis moza no sector do viño. Hai países, como Alemaña ou os Estados Unidos, onde se consomen moitos máis litros que en España e onde a media de idade dos consumidores é moito máis baixa que aquí. Alí é habitual ver xente de 25 anos facendo catas ou visitando adegas. Nós intentamos achegar a nosa cultura e o noso cariño polo produto a este público, e facelo a través dese vínculo coa cultura, coa pintura ou coa música, con eventos como A Noite das Perseidas ou Costeira Sonora. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.