Lugar da Veiga apareceu durante anos nos ránkings do Financial Times como unha das empresas europeas que máis medraba. Desde Chantada, elaborando as famosas galletas mariñeiras e a través dun proxecto de economía social. A compañía impulsada en 2005 por varios irmáns medrou entre 2014 e 1019 a un ritmo medio superior ao 50%. Nesta altura, factura máis de 6 millóns de euros ao ano e conta con 83 traballadores, 55 deles tamén socios que participan nas decisións dunha sociedade laboral limitada. Cun obradoiro cunha capacidade de produción de ata 4.000 quilos de galletas por día. Un exemplo empresarial de éxito pero tamén de conciliación familiar, de flexibilidade, de sostibilidade e baseado nos principios de calidade e seguridade alimentaria e compromiso co medio e co desenvolvemento local.
Lugar da Veiga, que elabora as galletas mariñeiras en Chantada, factura máis de 6 millóns ao ano e conta con 83 traballadores, máis da metade socios da empresa
A empresa localizada na comarca chantadina naceu cando os irmáns Lamazares, do veciño municipio de Rodeiro, decidiron investir 600.000 euros nun proxecto no que cavilaron logo dunha viaxe á Arxentina. Alí, outro dos irmáns ao que foron visitar explicoulles as bondades dun produto que fora introducido en América varios séculos atrás desde a Península Ibérica tras alimentar mariñeiros e resistir longas singraduras no océano. Así naceron as galletas mariñeiras, "o pan sen miolo de longa duración", unha adaptación moderna do "pan de barco", un produto que conta xa con máis dunha ducia de variedades elaboradas en Galicia con ingredientes naturais.
Xosé Lois Lamazares, un daqueles irmáns que impulsou o proxecto, é o coordinador xeral dunha empresa que mantén firme a travesía pero cunha áncora sempre chantada na súa contorna, no rural, no local. Velaí radica o éxito, reivindica. Con el conversamos nesta segunda entrega da serie Mans da Galicia que vén.
Agardaba este éxito cando a sociedade Lugar da Veiga naceu en 2005?
O noso primeiro obxectivo era consolidar o proxecto e facelo, se cadra, algo máis rápido do que o logramos, nuns cinco anos, pero meteuse no medio a crise de 2008 e atrasounos un pouco. Foi a partir de 2014 cando chegou o despegue definitivo e cando empezamos a experimentar crecementos importantes, máis importantes do que agardabamos, é certo. A verdade é que non esperabamos un desenvolvemento tan grande nesta altura.
"Unha das claves do éxito foi apostar pola economía social, por unha sociedade laboral que permite que todo o persoal poida vincularse ao proxecto como socio"
Cal cre que son as claves do éxito das galletas mariñeiras e do proxecto empresarial?
Xogan varios factores. Tiñamos unha estratexia inicial pola que seguimos apostando que era apoiarse nos conceptos da economía social, cunha sociedade limitada laboral que permite que todos os que traballamos aquí poidamos vincularnos ao proxecto. Isto axudounos nos anos de crise e contribuíu a tirar para adiante. Foi un modelo singular -aínda que con bastantes exemplos xa- que nos impulsou moito. Logo está o elemento diferencial do produto na familia de panificación, que é algo fundamental tamén para o éxito. Ademais, apostamos sempre por un sistema integrado de calidade, medio ambiente e seguridade alimentaria, algo que foi clave, así como dimensionar o proxecto para afrontar os crecementos que viñeron despois sen que iso nos supuxese problema ningún. Foi un cúmulo de factores que nos permitiu aproveitar as oportunidades.
Fan falta moitos máis proxectos de economía social?
Por suposto. Os promotores deste proxecto tiñamos unha inquedanza, ademais de volver ao rural, que era apostar pola economía social. Dentro dela, hai moitas formas e nós escollemos a sociedade laboral porque era unha opción mixta, onde podiamos convivir os socios financeiros e os socios traballadores. Queríamos unha compañía autoxestionada, non depender de terceiros e trasladar este proxecto participativo a todo o persoal que fose entrando.
"O fundamental para o desenvolvemento do rural é que a xente crea que é posible, que crea nas súas posibilidades e en proxectos que acheguen valor engadido"
Por que este modelo?
Nós cremos no modelo porque permite implicarte co desenvolvemento local, redistribuír na túa contorna os excedentes que se crean a través do valor engadido da actividade, apostar pola participación de todas as persoas que forman parte... Estabamos e estamos convencidos de que había que apostar por este modelo, mesmo pensando no propio desenvolvemento rural e sostible de Galicia.
Que falta para que haxa un maior desenvolvemento do rural galego, para que iniciativas como Daveiga ou outras se reproduzan?
O primeiro que fai falta é que a propia poboación do rural crea que é posible, iso é o fundamental e o principal. Hai que crer nas posibilidades que ten o rural e saber que a través dun modelo de economía social podemos ser nós os propios actores dese desenvolvemento e non esperar que nolo veñan deseñar desde fóra. Loxicamente, como en todos os proxectos a longo prazo, son importantes as políticas de apoio ao rural, a implicación e axuda das administracións e buscar un futuro vinculado ao territorio.
Algo máis fará falta...
Insisto: o fundamental é que nolo temos que crer e apostar por proxectos que acheguen valor engadido, que reinvistan no propio territorio. Para que isto ocorra, cómpre que as iniciativas sexan impulsadas por actores locais e que non se deslocalicen despois. Hai moitos proxectos potentes que son froito de investimentos externos que poden marchar en calquera momento; temos moreas de exemplos de casos así, de iniciativas que foron boa idea pero que estaban pensadas para o que estaban: para rendibilizar un investimento e pouco máis. Chegan e marchan.
"Cómpre que as iniciativas sexan impulsadas por actores locais, que non se deslocalicen; falta unha cultura empresarial que aposte máis polo local"
Fai falta que se expliquen ou se coñezan máis proxectos como o Daveiga para que outros semellantes se impulsen?
Por sorte, hai moitos proxectos coma o noso que poden ser unha base ou inspiración para que outros nazan. Cadaquén ten as súas características pero fai falta un elemento catalizador: estar ao servizo do desenvolvemento local o rural, esa é a clave. E aí si que creo que falta unha cultura empresarial que aposte máis polo local e pola economía social. Apostando polo desenvolvemento rural tamén apostas polo éxito do teu proxecto... Isto non é un labor filantrópico, nin moito menos, para nada. Se apostas por desenvolver a túa contorna máis próxima contribúes tamén ao éxito da túa empresa e ao futuro dos fillos e fillas. Hai que pensar a longo prazo, algo que é básico, e iso axuda a que haxa máis garantías de futuro.
Son necesarias máis axudas das administracións?
Non é o principal. Todas as axudas son benvidas sempre que se enfoquen ben e a longo prazo. Hai ámbitos nos que son necesarias, por exemplo na innovación, para chegar a mercados máis complicados, pero tamén hai fórmulas de cooperación moi válidas. Outra cousa son as axudas directas, a fondo perdido e non retornables, porque teño serias dúbidas de que contribúan en algo ao desenvolvemento local e rural. Os proxectos deberían ser viables por si mesmos, máis aló de que recibas axudas para acceder ao financiamento inicial, por exemplo. Hai axudas necesarias e outras que son prescindibles.
"A aposta pola economía social e polo local é compatible con proxectos rendibles e de éxito, de referencia; nunca foi un hándicap senón unha fortaleza"
Daveiga é un exemplo de que un proxecto de economía social pode ser perfectamente rendible e exitoso...
Claro. Iso é o que intento transmitir sempre cando explico o proxecto. A aposta pola economía social e por un modelo implicado co local e co rural é compatible con proxectos rendibles e de éxito, de referencia. Nós temos o recoñecemento da sociedade, pero tamén do ámbito empresarial, como calquera outra compañía. A aposta pola economía social nunca foi un hándicap senón unha fortaleza.
Adoita advertir das potencialidades do rural galego, como o ve dentro duns anos? Confía nun desenvolvemento económico e sostible?
É posible que nuns anos poidamos ver unha Galicia rural algo diferente, con moitos máis proxectos importantes, que acheguen valor engadido, con raizame na zona e que aposten polo desenvolvemento local, pero para que iso se produza antes ten que haber cambios estruturais. Debe haber mudanzas de modelo, unha reconversión, por así dicilo, que debe producirse xa porque senón vai ser complicado.