Monforte, Chantada e Sober demandan de Xunta e UE apoio á 'viticultura heroica' da Ribeira Sacra

Viticultura tradicional na Ribeira Sacra © ribeirasacra.org

Os plenos dos tres concellos aproban mocións, impulsadas por formacións locais de Interior Galego Vivo, e que recibiron achegas e apoio de PP, BNG e PSdeG con propostas para incentivar a viticultura tradicional. Demándanse incentivos para os produtores e unha PAC "que se adapte á nosa realidade para que se primen as hectáreas de viñedo en socalco"

Un dos elementos máis característicos da Ribeira Sacra e que lle achega unha maior singularidade é a viticultura tradicional que nesta zona se realiza, unha actividade económica que mantén unha grande importancia, ademais. Trátase de viñedos amurados en pedra seca, cultivados en socalcos, cunha tradición e un coñecemento con moitos séculos de historia. Esta forma tradicional de viticultura nestas comarcas é denominada en moitas ocasións viticultura heroica, en referencia á dificultade do cultivo e o coidado e a recolleita das vides. Unha denominación que ás veces lle resulta un chisco estraña ás persoas que precisamente a realizan, como amosaba neste vídeo o chantadino Pepe do Gaio, de Adegas Amedo: "a palabra heroico eu non a pronuncio moito. E os que a pronuncian normalmente non veñen á viña. Pero heroico é".

"O viño faise na viña", dicía tamén Pepe Gay nesa entrevista, sinalando que a clave dos caldos está no coidado directo das cepas que se realiza en condicións difíciles. Nos últimos días os plenos municipais dos Concellos de Monforte, Chantada e Sober aprobaron senllas mocións que apostan pola preservación da viticultura tradicional de ribeira e o impulso de medidas, nomeadamente a cargo da Xunta de Galicia e a través da Política Agraria Común da UE, para axudar os produtores.

Dous exemplos de viticultura en socalcos na Ribeira Sacra © ribeirasacra.org

Nas mocións sublíñase a idea de que "para evitar o abandono de terras e o despoboamento da zona, precisamos facer sostibles as actividades económicas, como a viticultura"

Nas mocións, impulsadas inicialmente polos grupos municipais que forman parte de Interior Galego Vivo (Por Chantada, Esperta Monforte e Agroma Sober) e que contan con apoio unánime de todos os grupos -PP, PSdeG e BNG- en Chantada e Sober e de PP e BNG en Monforte (coa abstención do PSdeG), sublíñase a idea de que "para evitar o abandono de terras e o despoboamento da zona, precisamos facer sostibles as actividades económicas, como a viticultura". 

Nas propostas, que coinciden no tempo coa presentaciómn na nova candidatura da Ribeira Sacra para ser Patrimonio da Humanidade en 2026, sinálase a necesidade de que a comarca conte cunha economía produtiva viva "porque sen paisaxe de ribeira cultivada de viñedo e, sobre todo, sen as xentes que a constrúen, non hai Patrimonio da Humanidade, só un parque temático con algún enclave turístico". Unha reflexión semellante á que facía nesta entrevista o viticultor Andrés Rodríguez, presidente da cooperativa Viña Costeira, das comarcas do Ribeiro e Valdeorras, que advertía de que "se as administracións non se poñen xa mans á obra, o rural acabará sendo un parque temático".

Defénde se que "sen paisaxe de ribeira cultivada de viñedo e, sobre todo, sen as xentes que a constrúen, non hai Patrimonio da Humanidade, só un parque temático con algún enclave turístico"

As mocións presentadas en Chantada, Monforte e Sober buscaban que se recoñeza "a singularidade do viñedo tradicional de ribeira, e que este tipo de cultivo estea protexido e apoiado en maior medida, dada a fraxilidade do momento, cunha elevada media de idade das persoas produtoras e coa crise dos excedentes de viño tinto".

Entre outros aspectos proponse unha catalogación do viñedo tradicional de ribeira para "englobar e distinguir os distintos modelos de viñedo tradicional amurado en pedra seca" e dotalas "de maior flexibilidade normativa e recoñecemento, subliñando as súas peculiaridades segundo a subzona e apostar polo mantemento deste xeito tradicional de cultivo". Apóstase polo recoñecemento de parcelas, camiñando cara unha especialización e singularidade cada vez maior.

Apóstase por “elaborar unha delimitación cartográfica da zona de produción da DO, na que quede marcada a produción en socalcos ou muros, que será a que debe receber axudas e un especial pulo polo seu carácter heroico”

Así, este punto da catalogación quedou redactado deste xeito: “elaborar unha delimitación cartográfica da zona de produción da DO, na que quede marcada a produción en socalcos ou muros, que será a que debe receber axudas e un especial pulo polo seu carácter heroico”. En canto non se elabore esa cartografía, deféndese que "cómpre unha moratoria que poña coto a proliferación de viñedo en zonas onde nunca o houbo en canto fican abandonadas as parcelas que historicamente se destinaron a este cultivo desdibuxando o noso principal sinal de identidade".

Nas mocións demándase que a Xunta estableza “incentivos para manter o tipo de cultivo tradicional en pendente, amurado, forma de aterrazamento e cultivo que está dentro da Paisaxe Cultural BIC Ribeira Sacra e que se conformou na Alta Idade Media". Sinálase que "cómpren liñas de apoio directo ás e aos produtores deste tipo de parcelas, polo plus de traballo e custos que esixe manter a paisaxe, incentivando, ademais, a recuperación de viñedos históricos”.

Demándase que a Xunta estableza “incentivos para manter o tipo de cultivo tradicional en pendente, amurado"

Tamén houbo consenso en pedir á Xunta “dar saída aos excedentes através da destilación voluntaria dos mesmos nas adegas este ano 2024, implementando, por un lado, unha planificación a curto prazo e cunha liña de axudas ás adegas para tal fin; e, por outro lado financiando podas en verde nos exercicios 2024 e 2025”. Igualmente reclámanse “controis de produción”, un maior “asesoramento” e a redución de “burocracia”. 

Así mesmo demándase unha PAC "que se adapte á nosa realidade para que se primen as hectáreas de viñedo en socalco". Tamén se reclama que a PAC "debería chegar ao viñedo en ladeira, tanto para agricultores a título principal como para persoas produtoras de uva que o fan como economía complementar".

Viticultura tradicional na Ribeira Sacra © ribeirasacra.org

Así mesmo, reclámase unha PAC "que se adapte á nosa realidade para que se primen as hectáreas de viñedo en socalco"

Finalmente, os tres plenos municipais aprobaron a demanda de realización de campañas locais de promoción do viñedo da DO Ribeira Sacra. E, igualmente, houbo unanimidade na necesidade de impulsar a formación en cantería e a oferta formativa de viticultura e enoloxía, engadindo apetición dun módulo de viticultura do IES Val do Asma.

Na moción aprobada por unanimidade no pleno municipal de Chantada engadiuse a necesidade de “dispor dunha estación de vixilancia con avisos metereolóxicos e fitosanitarios”. E aprobouse tamén “a disposición da Corporación do Concello de Chantada de pór a dispor do Consello Regulador da DO un local para atención semanal a persoas viticultoras e adegueiras, que facilitaría moito os trámites". En Chantada tamén se aprobou por unanimidade unha moción sobre a praga da peste nova, a flavescencia dourada, "que xa en 2023 chegou ao Ribeiro sen que a Xunta estexa adoptando as medidas que funcionaron en Franza ou dispondo das axudas e contías que se empregaron en Cataluña".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.