Imaxes de satélite e intelixencia artificial: viticultura 'de precisión' para mellorar a xestión do Albariño ante o cambio climático

Terreos da adega Mar de Frades © Adega Mar de Frades

A metodoloxía proposta por esta enxeñeira agrónoma busca a implementación da viticultura de precisión, grazas ao uso de imaxes de satélite (procedentes de Sentinel 2) que permiten realizar un seguimento do viñedo cada 5 ou 10 días

Cal é o futuro da viticultura? De que xeito as adegas galegas poden xestionar mellor os seus viñedos nun contexto de dificultades engadidas por mor do cambio climático? Como poden novas tecnoloxías coma as imaxes satelitais ou a intelixencia artifical mellorar os seus procesos produtivos?

Hai uns días a enxeñeira agrónoma Marta Rodríguez Fernández defedeu a súa tese de doutoramento Viticultura de precisión para a caracterización e xestión de viñedos nun contexto de cambio climático, desenvolvida na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra baixo a dirección dos profesores Javier J. Cancela, do grupo Proxectos e Planificación (PROePLA) e Xesús Pablo González, investigador do grupo AMGEO da USC. O traballo, que acadou a máxima cualificación de sobresaínte cum laude, establece unha metodoloxía integral de zonificación de viñedos de variedade Albariño a partir de datos de dúas áreas atlánticas de cultivo da Adega Mar de Frades.

Marta Rodríguez Fernández, na defensa da súa tese de doutoramento © USC

Analizou o estado do solo, situación hídrica da planta ou a nutrición do viñedo, sumando un conxunto de 200.000 datos que permitiron xerar resultados fiables e replicables noutras contornas vitícolas, o que favorecerá a progresiva dixitalización do viñedo galego

Na súa investigación, Marta Rodríguez Fernández recompilou información meteorolóxica e da composición do solo, ademais de facer un seguimento do desenvolvemento vexetativo e dos parámetros nutricionais e produtivos do viñedo, incluíndo a análise da calidade da uva.

A metodoloxía proposta por esta enxeñeira agrónoma busca a implementación da viticultura de precisión, grazas ao uso de imaxes de satélite (procedentes do Sentinel 2) que permiten realizar un seguimento do viñedo cada 5 ou 10 días. Grazas ás capturas do satélite puido realizar a zonificacion do viñedo e os resultados obtidos supuxeron un avance crucial para a xestión do viñedo, dado que evitan abonados excesivos xestionando a auga de rega, ademais de achegar información precisa sobre as enfermidades que poden presentarse nos viñedos galegos.

A tese analizou o contexto climático das dúas zonas de estudo (Ulla e Salnés) co obxecto de poder anticipar respostas ante a previsible irregularidade das precipitacións e o incremento das temperaturas nas rexións vitícolas galegas

Analizou, igualmente, o estado do solo, situación hídrica da planta ou a nutrición do viñedo, sumando un conxunto de 200.000 datos que permitiron xerar resultados fiables e replicables noutras contornas vitícolas, o que favorecerá a progresiva dixitalización do viñedo galego.

Ademais, a utilización de técnicas de intelixencia artificial ofrece a posibilidade de realizar unha predición da produción coa que as adegas poden xestionar as vendimas e os seus stocks en adega cunha grande antelación, o que mellora os procesos produtivos que enlazan a xestión de viñedo cos procesos en adega.

Terreos da adega Mar de Frades © Adega Mar de Frades

Marta Rodríguez tamén contempla na súa tese a análise exhaustiva do contexto climático das dúas zonas de estudo (Ulla e Salnés) co obxecto de poder anticipar respostas ante a previsible irregularidade das precipitacións e o incremento das temperaturas nas rexións vitícolas galegas.

A investigación recoñece que é necesario afondar no estudo combinado do uso de imaxes de drons e satélites para aumentar a fiabilidade dos modelos e, igualmente, lembra que a intelixencia artificial aplicada require dunha inxente cantidade de datos para ser fiable

En conxunto, segundo o tribunal da tese, esta investigación pode situar a viticultura galega "en posicións punteiras", aínda que a investigación recoñece que é necesario afondar no estudo combinado do uso de imaxes adquiridas mediante drons e satélites, a fin de aumentar a fiabilidade dos modelos desenvolvidos. 

A intelixencia artificial aplicada require asemade dunha inxente cantidade de datos para ser fiable, polo que a revisión e incorporación de novas campañas de estudo permitirá á adega Mar de Frades dispoñer de información crucial para mellorar a sustentabilidade dos seus viñedos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.