A Ribeira Sacra volverá competir por ser Patrimonio da Humanidade en 2026. O Consello do Patrimonio Histórico, reunido este venres na illa da Palma, confirma que a candidatura galega volve á carreira para tentar ser Patrimonio Mundial tras a súa retirada en 2021, cando recibiu informes negativos dos dous comités asesores da Unesco, o Icomos no ámbito cultural e o UICN no eido natural. Desta volta, explican a Xunta e o Goberno de España, a candidatura preséntase como "Paisaxe Cultural da Auga", centrándose no "valor excepcional único" da "relación que se estableceu durante séculos entre unha paisaxe abrupta, esculpida pola auga, e os seus poboadores". Na imaxe [CC BY-NC-SA Praza.gal], unha vista do Miño na Ribeira Sacra dende o miradoiro do Cabo do Mundo, no Saviñao.
Fálase
O TSXG suspende cautelarmente as autorizacións doutros sete parques eólicos e xa son 27 dende que adaptou os seus criterios ao fixado polo Supremo o pasado decembro. Os suspendidos desta volta son os parques Rodicio II, Alto de Montouto, Meirama, Monte da Croa, Gato, Cunca e Serra do Farelo. O Tribunal comunica ademais que rexeitou suspender un oitavo parque, denominado Uxo, promovido por Naturgy en Avión. Consulta nesta ligazón a táboa interactiva cos 27 parques suspendidos e os 3 que continúan tramitación segundo as decisións do TSXG.
Os alcaldes de Palas e Monterroso, Pablo Taboada e Eloy Pérez (PP) e mais o edil socialista de Antas de Ulla José Manuel Quintá, atenden o convite de Altri para visitar as súas factorías en Vila Velha de Ródão e Figueira da Foz. A compañía portuguesa promotora da fábrica de celulosa e fibras téxtiles en Palas de Rei asegura que organizou a viaxe para que poidan "coñecer en primeira persoa o funcionamento das fábricas" e os "seus niveis de esixencia medioambiental". A través dun comunicado agrega que convidou á viaxe aos "máximos responsables dos seis concellos" atinxidos polo proxecto, se ben só aceptaron os devanditos alcaldes e concelleiro dos tres concellos da comarca da Ulloa. Imaxe remitida pola empresa.
O PP convoca a Comisión Xeral das Comunidades Autónomas no Senado para a véspera do inicio da investidura en Galicia. A cita deste 8 de abril foi convocada o pasado 26 de marzo, cando o Parlamento de Galicia xa avanzara que o debate da investidura de Alfonso Rueda principiaría o día 9. Por este motivo Galicia non estará representada polo presidente en funcións, Alfonso Rueda -que prevé estar preparando o seu discurso do martes no Parlamento-, senón polo vicepresidente primeiro en funcións, Diego Calvo, que será o encargado de fixar posición sobre a lei de amnistía. Na imaxe, Rueda nunha reunión deste órgano en outubro do ano pasado.
Principia a campaña electoral en Euskadi, coa pugna do PNV e EH Bildu pola primeira posición como unha das principais claves dos comicios. Ambas formacións mudan de cabeza de cartel e aspiran á lehendakaritza con Imanol Pradales e Pello Otxandiano, respectivamente. O PSE, que vén gobernando en coalición cos jeltzales, aspira a continuar sendo clave na formación de goberno, agora con Eneko Andueza como cabeza de cartel socialista. Na imaxe [PNV | EH Bildu], Pradales e Otxandiano, en senllos mitins.
Ana Miranda abandona a delegación de Israel do Parlamento Europeo porque, afirma a eurodeputada do BNG, "está avalando o xenocidio en Gaza". Miranda trasladou a súa decisión á presidenta da Eurocámara, Roberta Metsola, considerando ademais que o Parlamento Europeo "non pode seguir permitindo a entrada a representantes dun Estado que practica o apartheid".
- HEMEROTECA | Ana Miranda e outros eurodeputados viaxan á fronteira de Gaza para reclamar a fin da invasión israelí
- HEMEROTECA (2015)| O Parlamento Europeo afea a Israel a expulsión de Ana Miranda malia viaxar en misión oficial
- HEMEROTECA (2015) | Ana Miranda: "Conseguimos romper o bloqueo de silencio sobre Gaza"
Entidades sociais galegas animan a cidadanía a "marcar o X Solidario" na declaración da Renda. No inicio da campaña do IRPF, a Rede Galega contra a Pobreza, CERMI Galicia e a Plataforma de Organizacións de Infancia resaltan que o pasado ano marcaron o recadro de fins sociais un 54,5% de contribuíntes, o que supuxo unha recadación de 24,03 millóns, 2,6 máis que no exercicio previo. "Se todas as galegas e galegos o marcasen, a asignación sería de 15 millóns máis", resaltan, nun contexto no que, durante o pasado 2023, 153 organizacións sociais desenvolveron 733 proxectos con estes fondos, "beneficiando de xeito directo a un mínimo de 146.500 persoas".
O BNG abre a lexislatura rexistrando as súas propostas para crear unha empresa pública de enerxía e reclamar unha tarifa eléctrica galega. Crear esa empresa pública, defende Ana Pontón, suporía equipararse "a países como Italia, Francia, Noruega ou Suecia", un "cambio de paradigma" para "situar a enerxía e os recursos enerxéticos como bens públicos ao servizo do país fronte ao negocio privado e especulativo dunha presa de multinacionais" ás que "o PP colocou alfombra vermella pasando por riba da xente, do territorio e do medio ambiente". Na imaxe, Pontón presenta as iniciativas no rexistro do Parlamento xunto a membros do grupo do Bloque.
Anxo Angueira ingresará na Real Academia Galega como membro de número o vindeiro 27 de abril nunha sesión pública que se celebrará en Padrón. O escritor e profesor da Universidade de Vigo e presidente da Fundación Rosalía de Castro, lerá o discurso titulado I es a noite, i es a aurora. A poética da luz de Rosalía de Castro. Responderalle en nome da RAG a académica e poeta Chus Pato.
O presidente do Parlamento comunica oficialmente a Alfonso Rueda que é o candidato á presidencia da Xunta. Santalices traslada o encargo ao líder do PP tras a rolda de consultas cos grupos parlamentarios desenvolvida este martes. Ao contrario do que veu sendo habitual en anteriores lexislaturas, Rueda non acudiu á Cámara o mesmo día por atoparse en Madrid, nunha xuntanza do PP convocada por Feijóo. O debate de investidura comeza o vindeiro martes, día 9; Rueda será elixido o día 11 e tomará posesión o sábado, día 13. [Imaxe: Parlamento de Galicia]