“Obras absurdas, pensadas coa mentalidade colonial do franquismo, tamén se fan agora”

Anxo Angueira © AELG

Ler Iria é vogar. Mergullarse no vocabulario mariñeiro. Remar nun océano de historias, de voces múltiples. Ir e vir entre relatos de afogados e de superviventes. Coa procura da liberdade como buxola. Anxo Angueira volve homenaxear a navegación, e a terra de Iria, na súa nova novela. E faino, -explícao el mesmo-, cavando outra vez na foxa da memoria. En Pensa Nao atopara nela o movemento asociativo da sociedade labrega da Segunda República e a súa destrución polo golpe franquista.

En Iria (Xerais) deu coa resistencia antifranquista organizada desde o nacionalismo nos anos 60. Unha muller, María, implica o galeón Iria na singradura da loita contra a ditadura. Mentras os obreiros dun canal de regadío construído en terra de choiva por decreto da autoridade colonial preparan unha folga para defender os seus dereitos. O resto é música. Ondas que soben e baixan. Navegar.

Chega Iria despois de Pensa Nao. Non deixa de ser curioso que, sendo ti de interior, lle concedas tanto protagonismo nos teus libros á navegación...
Si, os barcos son unha obsesión particular miña desde que comecei a escribir, xa desde O Valo de Manselle. En Pensa nao están xa desde o título e a portada. É certo que eu son de interior pero na miña aldea vía barcos polo río, e ese mundo sempre me resultou moi atractivo. Quedei con esa paisaxe da navegación polo Ulla.

O galeón Iria é protagonista da historia, tanto como ese catálogo de afogados que poboan boa parte das páxinas da novela...

Hai tres liñas principais. Unha é a do galeón Iria, coa historia do patrón, o mariñeiro e o rapaz; e María, que é unha activista da Resistencia antifranquista. Outra historia paralela é a da construción do regadío, cun protagonista colectivo formado por moitas personaxes. E despois está o mundo dos afogados, que son reais, aínda que as súas historias están literaturizadas. Hai no libro unha poética xeral de cavar na foxa común, que é a Historia. Nesa foxa común está o mar, os afogados, o vocabulario mariñeiro, ou a náutica tradicional, que tivo que vir un antropólogo sueco, Staffan Mörling, para recuperala.

E tamén están os acontecementos históricos da organización da Resistencia antifranquista dos últimos anos 60. No 67 apareceron pegados por todo o país uns colantes que poñían Libertade pra Galicia. E no 68, polo 25 de xullo, na Concentración Nacional en Compostela, foi despregada diante da Policía e dos militares unha pancarta na que se podía ler Galiza Ceibe e Socialista. O canal de regadío foi unha obra absurda, proba da mentalidade colonial do franquismo, pois podía ter sentido en Extremadura, pero non aquí. Construíse e non chegou a usarse nunca. A folga da que falo na novela existiu tamén de verdade.

"O canal de regadío foi unha obra absurda, proba da mentalidade colonial do franquismo, pois podía ter sentido en Extremadura, pero non aquí. Construíse e non chegou a usarse nunca"

Escribiches moitas historias de procura da liberdade. Iria é metáfora da singradura dun pobo que comeza a organizarse contra a ditadura. En Pensa Nao falabas da rica vida asociativa, sindical... do rural na Segunda República, e de como o golpe do 36 acabou con todo iso. Pero xa en A morte de A. había unha moza comprometida na Resistencia...

É certo, só que muda o tempo. En A morte de A son os anos 70, e en Iria os 60 e os comezos da resistencia organizada do nacionalismo galego. A morte de A. podería considerarse un ensaio de Iria, nese sentido, pois tamén é unha novela cun fondo histórico, pero máis curta. Son historias de xente que loita pola liberdade, que é represaliada, que sobrevive... En Pensa Nao matan a Camoiras, pero Amaro e María conseguen fuxir, navegando.

Coincide o nome desa protagonista feminina, María, en Pensa Nao e en Iria... 

Si. Son dúas mulleres cun protagonismo activo. O da María de Iria é un protagonismo político, pois ela é membro da Resistencia e é ela quen envolve o Iria nesa loita pola causa. Contrasta nese sentido con Lens, o patrón, que está atrapado nas pantasmas do pasado.

"Hai, sobre todo, dúas cancións protagonistas. Unha, a Alborada, asociada ao mariñeiro, Miguéns, e, outra, o Venceremos nós"

Hai moitas chiscadelas en Iria á literatura e á música. Letras de cancións convértense en parte dos diálogos. Por que?

Hai, sobre todo, dúas cancións protagonistas. Unha, a Alborada, asociada ao mariñeiro, Miguéns, e, outra, o Venceremos nós. E tamén ten moita presenza Bob Dylan, coa letra de temas como Just like a woman. A música xa tiña importancia en Pensa Nao, e en Iria ten máis. A música, e o ritmo, son moi importantes na miña literatura. Tanto na poesía como na narrativa representamos unha paisaxe a través da palabra. E para min é moi importante a paisaxe: o río Ulla que sobe e baixa, as brañas de Laíño, a Terra de Iria, Arousa... Interésame moito a substancia física das palabras, o seu corpo.

De feito, sobre todo nas primeiras páxinas, o libro parece estar concibido para a lectura pausada en voz alta. É como ler poesía, con esas aliteracións...

Poderíase ler en voz alta, si, con todas esas voces que nos veñen ao cerebro ao ler. Ese é tamén o motivo de que a novela estea chea de personaxes, de voces distintas. Cada voz co seu corpo, o seu ritmo, as súas pausas, a súa entoación, a súa música. Busquei iso, por exemplo, nesas múltiples historias de afogados que conto. Hai no libro documentación sobre os afogados, e sobre os feitos históricos que aparecen de fondo.

Citas, por exemplo, a detención de Ferrín. Como foi o proceso de busca?

Pois o dos colantes de Libertade pra Galicia, con deseño de Reimundo Patiño e impresos por Bautista Álvarez hai fontes orais que o lembran, como o propio Bautista. Foi un golpe de efecto moi grande. Hai unha alusión a esta historia, por certo, no Vietnam canto de Uxío Novoneyra. O do 25 de xullo tamén cho contan fontes orais. María Xosé Queizán conseguiu facer unha foto da pancarta. Foi algo extraordinario: facer aquilo estando Compostela tomada pola policía e o exército. Tamén me documentei con libros, claro.

"Foi algo extraordinario: facer aquilo estando Compostela tomada pola policía e o exército"

Na historia da construción do canal de regadío hai unha reflexión sobre as actitudes das distintas clases sociais cara ao franquismo. O enxeñeiro está moi orgulloso dunha obra inútil, como da desecación da lagoa Antela ou do embalse de Castrelo de Miño. Pero os encargados locais non están tan convencidos: como Antonio, que é tan afeccionado á lectura.

O enxeñeiro sería máis, si, o franquista convencido. O capataz, Manoel, é máis símbolo do autoodio. Que a obra era absurda era de sentido común. A xente sabía que era unha parvada, pero creaba postos de traballo, e iso era o único bo que tiña. E obras absurdas, pensadas con esa mesma mentalidade colonial do franquismo, tamén se fan agora. Só temos que pensar no AVE. A cuestión é que hai empresas que se benefician de facer obras inútiles. Lembra o aeroporto de Castellón...

"Todas as obras históricas, mesmo as de ciencia ficción, falan do presente"

Iria está ambientada nos 60, pero en todo momento fainos pensar na actualidade, de feito...

É que todas as obras históricas, mesmo as de ciencia ficción, falan do presente. Igual que facía Pensa Nao, con esa visión do labrego asociado da Segunda República. Unha novela ambientada no pasado non é só unha reconstrución do pasado, senón un intento de aplicala ao presente. Se falo da nosa riqueza náutica tradicional, na que somos unha potencia, é tamén porque non podemos consentir que esmoreza. É unha chamada de atención ao presente, como a que fai a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial.

Anxo Angueira © AELG
Capa do libro © Xerais

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.