Principia a campaña electoral en Euskadi, coa pugna do PNV e EH Bildu pola primeira posición como unha das principais claves dos comicios. Ambas formacións mudan de cabeza de cartel e aspiran á lehendakaritza con Imanol Pradales e Pello Otxandiano, respectivamente. O PSE, que vén gobernando en coalición cos jeltzales, aspira a continuar sendo clave na formación de goberno, agora con Eneko Andueza como cabeza de cartel socialista. Na imaxe [PNV | EH Bildu], Pradales e Otxandiano, en senllos mitins.
Fálase
Ana Miranda abandona a delegación de Israel do Parlamento Europeo porque, afirma a eurodeputada do BNG, "está avalando o xenocidio en Gaza". Miranda trasladou a súa decisión á presidenta da Eurocámara, Roberta Metsola, considerando ademais que o Parlamento Europeo "non pode seguir permitindo a entrada a representantes dun Estado que practica o apartheid".
- HEMEROTECA | Ana Miranda e outros eurodeputados viaxan á fronteira de Gaza para reclamar a fin da invasión israelí
- HEMEROTECA (2015)| O Parlamento Europeo afea a Israel a expulsión de Ana Miranda malia viaxar en misión oficial
- HEMEROTECA (2015) | Ana Miranda: "Conseguimos romper o bloqueo de silencio sobre Gaza"
Entidades sociais galegas animan a cidadanía a "marcar o X Solidario" na declaración da Renda. No inicio da campaña do IRPF, a Rede Galega contra a Pobreza, CERMI Galicia e a Plataforma de Organizacións de Infancia resaltan que o pasado ano marcaron o recadro de fins sociais un 54,5% de contribuíntes, o que supuxo unha recadación de 24,03 millóns, 2,6 máis que no exercicio previo. "Se todas as galegas e galegos o marcasen, a asignación sería de 15 millóns máis", resaltan, nun contexto no que, durante o pasado 2023, 153 organizacións sociais desenvolveron 733 proxectos con estes fondos, "beneficiando de xeito directo a un mínimo de 146.500 persoas".
O BNG abre a lexislatura rexistrando as súas propostas para crear unha empresa pública de enerxía e reclamar unha tarifa eléctrica galega. Crear esa empresa pública, defende Ana Pontón, suporía equipararse "a países como Italia, Francia, Noruega ou Suecia", un "cambio de paradigma" para "situar a enerxía e os recursos enerxéticos como bens públicos ao servizo do país fronte ao negocio privado e especulativo dunha presa de multinacionais" ás que "o PP colocou alfombra vermella pasando por riba da xente, do territorio e do medio ambiente". Na imaxe, Pontón presenta as iniciativas no rexistro do Parlamento xunto a membros do grupo do Bloque.
Anxo Angueira ingresará na Real Academia Galega como membro de número o vindeiro 27 de abril nunha sesión pública que se celebrará en Padrón. O escritor e profesor da Universidade de Vigo e presidente da Fundación Rosalía de Castro, lerá o discurso titulado I es a noite, i es a aurora. A poética da luz de Rosalía de Castro. Responderalle en nome da RAG a académica e poeta Chus Pato.
O presidente do Parlamento comunica oficialmente a Alfonso Rueda que é o candidato á presidencia da Xunta. Santalices traslada o encargo ao líder do PP tras a rolda de consultas cos grupos parlamentarios desenvolvida este martes. Ao contrario do que veu sendo habitual en anteriores lexislaturas, Rueda non acudiu á Cámara o mesmo día por atoparse en Madrid, nunha xuntanza do PP convocada por Feijóo. O debate de investidura comeza o vindeiro martes, día 9; Rueda será elixido o día 11 e tomará posesión o sábado, día 13. [Imaxe: Parlamento de Galicia]
O Concello de Santiago disponse a recuperar a empresa pública de vivenda que suprimiu o PP na etapa de Conde Roa. Así o confirmou a alcaldesa da cidade, Goretti Sanmartín (BNG), que agrega en declaracións á SER que nesta nova xeira a sociedade pública se centrará na rehabilitación de vivenda para ofrecela en alugueiro a prezos limitados. Retomar Emuvissa estivera nos plans do gabinete do socialista Sánchez Bugallo, pero non chegara a aplicarse, e Sanmartín xa avanzara no inicio do mandato que tanto o Bloque como Compostela Aberta, que gobernan en coalición, estaban en disposición de poñela en marcha. [Imaxe: Concello de Santiago]
- Na metade dos concellos sobre os que hai datos os alugueiros encareceron máis dun 15% en cinco anos
- Fronte da Xunta coas inmobiliarias contra os concellos que buscan limitar os alugueiros ao abeiro da lei estatal
- A dirección central do PP sentencia que a Xunta non aplique os límites ao alugueiro que piden A Coruña e Santiago
Arquivada a causa xudicial que provocou a dimisión de Mónica Oltra (Compromís) como vicepresidenta da Generalitat Valenciana, onde gobernaba en coalición co PSOE, ao non existir "un só indicio" contra ela. Este proceso, no que atribuíran a Oltra supostas manobras para encubrir un caso de abusos perpetrados polo seu ex-marido, foi unha das pezas clave para a vitoria política da dereita nas últimas eleccións da Comunitat Valenciana. Entre as acusacións figuraban destacadas figuras da extrema dereita. [Imaxe: Generalitat Valenciana]
O presidente do Parlamento ratifica que Alfonso Rueda será candidato á presidencia da Xunta. Tras a preceptiva rolda de consultas cos grupos, Miguel Santalices certifica que o candidato será o líder do PP. Ao contrario do que veu sendo habitual en anteriores lexislaturas, Rueda non acudirá hoxe mesmo á Cámara para que Santalices lle notifique a designación por atoparse en Madrid participando nunha xuntanza do PP convocada por Feijóo, polo que o encontro non se celebrará ata este mércores. O voceiro do PP, Alberto Pazos, evidenciou que os seus 40 deputados votarán por Rueda, mentres que tanto Pontón (BNG) como Besteiro (PSdeG) avanzaron cadanseus "non" e o deputado de Democracia Ourensana, Armando Ojea, sinala que o revelará na propia sesión de investidura, que comezará o día 9. [Imaxes: Parlamento de Galicia]
PARO REXISTRADO | As inscricións nas oficinas de emprego caeron un 1,20% en Galicia durante o mes de marzo ata chegar a outro mínimo de 129.011, o que supón un 9,05% menos que hai un ano (o descenso anual na media estatal é do -4,73%). No mesmo mes, a afiliación media á Seguridade Social aumentou un 0,62%, ata os 1,06 millóns de persoas, isto é, un 1,73% máis que no mesmo mes de 2023, mentres que na media estatal o incremento é do 2,58%, achegándose por primeira vez aos 21 millóns de cotizantes.