Co aval definitivo de 470.692 votos e un crecemento superior aos 7 puntos ata superar o limiar do 31% dos sufraxios, o BNG vai ser na nova lexislatura o grupo da esquerda máis numeroso dende o PSdeG de Touriño. Lidera a oposición por segundo mandato consecutivo pero agora con 25 escanos, tantos como cando os socialistas gañaron (2005) e perderon (2009) a presidencia da Xunta.
Inmerso na aposta de tentar reter o forte caudal de apoio cidadán obtido o 18F e non perdelo pola frustración de non dar gobernado, a formación soberanista reuniu este 11 de marzo por primeira vez no Pazo do Hórreo ao seu novo grupo. Fixérono para facer ver que o seu horizonte estratéxico segue a ser chegar a gobernar e tamén para evidenciar que pretenden desenvolver unha "oposición en positivo" que comezará, avanza Ana Pontón, por buscar "un acordo de país para abaratar a tarifa eléctrica".
"Actuaremos como alternativa de goberno" tras uns "resultados históricos" que "asumimos dende a humildade e como un aliciente para traballar máis e mellor", afirma. O Bloque, di, quere "demostrar que hai outra forma de facer política e de entender o país" e por iso "ante cada problema, explicaremos que faría un Goberno do BNG para dar solucións".
Pontón avanza que a primeira iniciativa parlamentaria do BNG na nova lexislatura será unha lei para "crear unha empresa pública de enerxía e unha tarifa eléctrica galega para abaratar a factura da luz"
Neste sentido é no que vai a "primeira iniciativa" da lexislatura. Unha proposición de lei "para crear unha empresa pública de enerxía e unha tarifa eléctrica galega para abaratar a factura da luz ás familias e empresas". "Este é un debate que merecería un gran acordo de país", sostén Pontón, para que "a enerxía eléctrica estea ao servizo das familias e das empresas" e non "dunha presa de multinacionais para que se sigan forrando os de sempre".
Ben faría o PP, agrega, en non comezar a lexislatura dende a "soberbia" nun contexto no que os de Alfonso Rueda, di, deberan "escoitar os miles e miles de galegos e galegas que non pensan coma eles" e que son "máis de 700.000", atendendo aos resultados electorais. Así e todo, lamenta, "hai moitos sinais que nos indican que van mostrar a súa cara máis absolutista e máis sectaria" para "seguir ao pé da letra a estratexia de crispación que lles marcan dende Madrid".