Entidades sociais galegas animan a cidadanía a "marcar o X Solidario" na declaración da Renda. No inicio da campaña do IRPF, a Rede Galega contra a Pobreza, CERMI Galicia e a Plataforma de Organizacións de Infancia resaltan que o pasado ano marcaron o recadro de fins sociais un 54,5% de contribuíntes, o que supuxo unha recadación de 24,03 millóns, 2,6 máis que no exercicio previo. "Se todas as galegas e galegos o marcasen, a asignación sería de 15 millóns máis", resaltan, nun contexto no que, durante o pasado 2023, 153 organizacións sociais desenvolveron 733 proxectos con estes fondos, "beneficiando de xeito directo a un mínimo de 146.500 persoas".
