A dirección central do PP sentencia que a Xunta non aplique os límites ao alugueiro que piden A Coruña e Santiago

Edificios de vivendas no barrio coruñés de Eirís © Concello da COruña

O Goberno galego está en funcións e así seguirá ata principios de abril, cando a maioría absoluta lograda polo PP o pasado 18 de febreiro volverá investir a Alfonso Rueda como presidente da Xunta. Acto seguido, Rueda nomeará un novo Executivo con plenos poderes que terá, entre outras materias pendentes, a decisión de se aceptar ou non as peticións dos concellos da Coruña e Santiago para declarar nestes municipios zonas "tensionadas" e así poder aplicar os límites aos prezos do alugueiro fixados na lei estatal de vivenda.

Dende esta semana é oficial o índice de prezos de alugueiro, clave para limitar os custos do arrendamento nas 'zonas tensionadas' ao abeiro da lei estatal de vivenda

Esta semana o Goberno de España fixo oficial no BOE unha das claves para despregar a norma: o índice de prezos de alugueiro, unha ferramenta que aplica diversos criterios -dende o estado do inmoble ata a contorna na que está- para calcular o máximo que correspondería pagar por un piso nunha determinada zona. Segundo a lei, nas zonas tensionadas ese índice é a referencia para os novos contratos de alugueiro de vivenda de grandes propietarios (os que manexan máis de 10 pisos) e en todos os novos contratos de inmobles non arrendados nos cinco anos previos.

Nas últimas semanas a Xunta veu mantendo que non ten unha decisión tomada, máis alá da súa negativa a non aplicar a lei "de oficio". O Goberno galego só accederá a declarar zonas tensionadas se os concellos interesados "argumentan moi ben cales son as razóns, cal é a situación e cales son os beneficios" mediante diversos informes. Tanto A Coruña, con goberno do PSdeG, como Santiago, gobernado polo BNG en coalición con Compostela Aberta, queren acceder á declaración, pero a dirección estatal do PP xa avanza cal será a resposta da Xunta: non.

"As comunidades autónomas do PP non aplicarán o índice de prezos de alugueiros" da lei estatal, advirte a dirección do partido mentres a Xunta afirma que aceptaría as peticións dos concellos coruñés e compostelán se están "debidamente argumentadas"

Mentres, dende o Goberno galego en funcións, a conselleira con responsabilidades na materia, Ángeles Vázquez, mantiña o pasado venres que accederán á declaración se as solicitudes municipais están "debidamente argumentadas" mediante os informes "que esixen tanto a lei estatal como a normativa autonómica", dende a cúpula partidaria que encabeza o ex-presidente Feijóo o veredito chegaba por boca da súa vicesecretaria de Desenvolvemento Sostible, Paloma Martín. "As comunidades autónomas do PP non aplicarán o índice de prezos de alugueiros", sentenciou a través dun comunicado.

Segundo a dirección popular, "onde gobernamos sabemos que aplicar este índice é un suicidio inmobiliario" porque "desestabilizaría aínda máis o mercado, reduciría a oferta e fomentaría a economía mergullada". A esas razóns para non aplicalo o partido agrega que varias das súas autonomías -como Galicia- recorreron a norma ante o Constitucional ou teñen intención e facelo ou que un estudo do portal inmobiliario Idealista indica que "o índice de prezos do Goberno é un 32% máis baixo que o prezo do mercado".

Edificios de vivendas en Santiago e ao fondo, á dereita, o complexo administrativo de San Caetano, sede central da Xunta CC-BY-SA Xunta

Indica o PP que os seus plans pasan por outras medidas como "maior dispoñibilidade de solo", "simplificación administrativa" ou avais para a compra de vivenda. Tamén, agregan, pola "loita contra a ocupación" para así aumentar a "seguridade dos propietarios" e "incrementar a oferta de vivendas en alugueiro". Esta mesma semana os datos oficiais do Consello Xeral do Poder Xudicial acreditaban que no pasado 2023 Galicia rexistrou once desafiuzamentos por cada novo caso de ocupación, que non chegaron ao cento.

Inés Rey e Goretti Sanmartín, alcaldesas da Coruña e Santiago, xa expresaran o seu temor ao veto da Xunta 

Estas declaracións da dirección do PP acrecentan os temores nos concellos coruñés e compostelán a que a resposta ás súas peticións remate en bloqueo. Neste sentido, en días pasados a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, xa advertía da súa "impresión" de que a Xunta estaba a "buscar escusas" para non declarar zonas tensionadas, realizando diversas peticións aos gobernos municipais para non afirmar ás claras que, en realidade, "non quere facer esa declaración" por ningunha das vías.

Dende A Coruña a súa rexedora, Inés Rey, instaba a Xunta en días pasados a "poñerse a traballar" na declaración de zonas tensionadas. Non obstante, a socialista xa daba practicamente por feito, mesmo antes das declaracións da dirección do PP, que acabarán atopando un "non" por resposta.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.