A cifras reais volven contradicir as "sensacións" que perciben "tendencias crecentes" no fenómeno das ocupacións ilegais de vivendas en Galicia. Cando menos, nos casos que chegan aos xulgados e nos que, polo tanto, media a vontade dunha persoa física, entidade sen ánimo de lucro ou institución pública de recuperar un piso que lle foi usurpado.
Así o volven acreditar, un ano máis, os datos oficiais do Poder Xudicial, que vén de facer públicos os seus indicadores ao respecto para o peche do pasado ano 2023. Ese exercicio rematou en Galicia con 97 novos casos de ocupacións ilegais, isto é, un 4% menos que un ano antes. Isto supón que, atendendo á mesma fonte oficial, o noso país rexistrou once desafiuzamentos por cada novo caso de ocupación. Sucede malia un notable descenso dos desaloxos executados, cunha caída de case o 25%.
Unha vez procesados os datos do cuarto trimestre, os xulgados galegos acreditan que tramitaron algo máis dun milleiro de desafiuzamentos: 1.127. Unha ampla maioría, como vén sendo habitual, en vivendas alugadas. Foron, concretamente, 963 lanzamentos en pisos arrendados -menos de mil, por primeira vez dende que o Poder Xudicial divulga estes datos- e 164 derivados de impagamentos de hipotecas.
Os desaloxos máis habituais seguen sendo en vivendas alugadas, con case un milleiro durante o pasado ano. En pisos hipotecados rexistráronse 164. En total, 1.127. Mentres, os novos casos de ocupación non chegaron ao cento
Estas cifras supoñen que Galicia rexistrou durante 2023 uns 3,6 novos casos de ocupación por cada 100.000 habitantes, notablemente por baixo da media estatal, situada en 4,7. No que atinxe aos desafiuzamentos, os de vivendas alugadas sitúanse en 35,7 por cada cen mil persoas, máis de cinco puntos por baixo da media. Nos lanzamentos hipotecarios, igualmente, o dato galego é inferior á media estatal: 6,1 fronte a 11,1.
Como é posible observar nos gráficos que acompañan esta información, o ano pasado finalizou cunha leve repunta dos desafiuzamentos que están, en calquera caso, en cifras afastadas das previas á pandemia da COVID-19. Foron 281 en vivendas alugadas, máis que no trimestre previo (259) e tamén máis que no peche de 2022 (270). En vivendas hipotecadas foron 44, doce máis que nos tres meses previos, pero vinte e catro menos que un ano antes.
Mentres, os novos casos de ocupacións ilegais que abordan os xulgados galegos mantéñense, en xeral, en cifras tan estables como escasas. Os 23 do cuarto trimestre son seis menos que os dos tres meses previos e só catro máis que os do cuarto trimestre do ano anterior.
Nos cinco anos que o Poder Xudicial leva ofrecendo estes datos simultaneamente, Galicia rexistrou 16 desafiuzamentos por cada novo caso de ocupación ilegal de vivendas
Ao ollarmos as cifras agregadas de toda a serie divulgada polo Poder Xudicial, que estuda estes fenómenos simultaneamente dende mediados de 2018, a comparación é tamén elocuente. Son, ata agora, vinte e dous trimestres analizados nos que se rexistraron 7.250 lanzamentos en vivendas alugadas e 1.604 en pisos e casas hipotecadas. Foron, polo tanto, 8.854 desafiuzamentos en Galicia nestes cinco anos.
Mentres, malia á súa recorrente presenza mediática e política, os novos casos xudicializados por ocupacións ilegais de vivenda quedaron en 551. Ou, o que é o mesmo, dende que é posible coñecer os datos de maneira pública, oficial e homoxénea, Galicia rexistrou 16 desafiuzamentos por cada novo caso de ocupación ilegal.