O pasado 31 de marzo había en Galicia 1.063.271 persoas afiliadas á Seguridade Social, unhas 10.400 máis que a finais de febreiro. A media do conxunto do mes quedou en 1.061.595 cotizantes, isto é, un 0,62% máis que no mes previo e un 1,73% por riba da cifra de hai un ano.
Galicia chegou en marzo ás 1,06 millóns de persoas afiliadas á Seguridade Social
Aínda que o incremento interanual da afiliación á Seguridade Social no noso país está notablemente por baixo da media estatal (o devandito 1,73% fronte a un avance xeral do 2,58%), esas 1,06 millóns de persoas cotizando supoñen o mellor dato nun mes de marzo en dezaseis anos. Ou, o que é o mesmo, o mellor mes de marzo dende a caída de Lehman Brothers en 2008.
Co obvio impulso da Semana Santa -cómpre telo en conta ao realizar comparacións anuais, xa que en 2023 cadrou na primeira semana de abril-, a afiliación media aumentou nas catro provincias galegas -onde máis na da Coruña (2,27% interanual) e onde menos, na de Lugo (0,88%). Faino nun contexto no que o Goberno de España destaca que, por primeira vez, o dato total de cotizantes chega aos 21 mllóns de persoas.
Co obvio impulso da Semana Santa, as cifras de emprego melloran mentres caen as de contratos asinados
Unha vez pasado o efecto do primeiro impacto da implantación da reforma laboral en 2022, con cifras disparadas de contratación indefinida (crecementos superiores ao 300% interanual) e caídas de ata un 50% nos contratos temporais, a devandita mellora nas cifras totais de cotizantes rexístranse mentres o número de contratos laborais asinados cae a respecto do ano anterior. Así, por exemplo, neste marzo foron rubricados en Galicia case un 10% menos de contratos temporais que hai un ano e o descenso dos indefinidos achegouse ao 20%.
Como vén sendo habitual, o sector servizos foi protagonista das novas contratacións. Do total de 49.938 contratos asinados en marzo en Galicia, ata 38.743 correspóndense con este sector. Seguiuno a industria, con 7.446. A maior distancia están a construción (2.220) e o sector primario, con 1.529 contratos.
Outro mínimo de paro rexistrado
Como é habitual, os datos de afiliación á Seguridade Social son publicados o mesmo día que as cifras de paro rexistrado, isto é, as inscricións nas oficinas de emprego. Este rexistro volve marcar en Galicia un mínimo da serie histórica, con 129.011 inscricións. Esta cifra supón un 9,05% menos que hai un ano (o descenso anual na media estatal é do -4,73%), pero tamén está por baixo da que rexistraba Galicia antes da crise de 2008, comparación que cómpre abordar con cautela por, entre outras razóns, a caída poboacional.
En cifras absolutas, o desemprego rexistrado en Galicia diminuíu en marzo en 1.572 inscricións. O groso do descenso vén tamén dos sector servizos, cun total de 1.510 persoas menos anotadas nos servizos públicos de emprego.
A dirección central do PP atribúe os bos datos de emprego e paro á "maquillaxe" e a cifras "enganosas" mentres a Xunta aplaude o resultado e destaca a caída do desemprego rexistrado "en todos os sectores" e especialmente entre mulleres e menores de 30 anos
Mentres, un mes máis, a dirección estatal do PP teima en atribuír os datos positivos do emprego a unha suposta "maquillaxe" por parte do Goberno de España que, defenden, dá lugar a cifras "enganosas" e "non reais", o Goberno galego do PP apláudeos. Así, a conselleira de Promoción do Emprego en funcións, Elena Rivo, destaca que o paro rexistrado baixa "en todas as provincias, as sete cidades e en todos os sectores".
O Goberno galego considera significativo, asemade, que "a cifra de menores de 30 e de mulleres en desemprego é a máis baixa nun marzo desde que se rexistran os datos". Segundo a dirección central do PP, non obstante, as cifras coñecidas este martes amosan un "fracaso" mesmo "malia á maquillaxe e a estacionalidade", afirma o seu responsable de economía, Juan Bravo.