A Xunta e o líder do PP en Galicia presumen dos datos do paro mentres o PP estatal advirte de que están "dopados" e "manipulados" polo Goberno central. O ex-secretario xeral do PPdeG e actual portavoz dos populares no Congreso, Miguel Tellado, volveu tirar do argumentario do partido para insistir, como adoitan desde hai máis dun ano, na "maquillaxe" das cifras para minusvalorar a boa evolución do emprego da que logo presumen os presidentes autonómicos da mesma formación.
"É evidente que os datos do emprego están dopados no noso país", dixo Tellado este pasado mércores ao tempo que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, cualificaba as cifras do paro en Galicia como "aval" do "crecemento económico e a consolidación dunha Galicia potente".
Tellado di que os datos do paro están "dopados" e "manipulados" por Traballo mentres Rueda cre que son "aval" do "crecemento económico e a consolidación dunha Galicia potente"
Os 20.000 empregos máis e as 13.000 persoas paradas menos cos que se pechou o 2023 en Galicia serviron tamén para que a Xunta sacase peito a través da directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, Zeltia Lado, que presumiu do mellor dato de paro en decembro da serie histórica. A creación de máis de medio millón de postos de traballo no conxunto do Estado tamén foi valorado positivamente polo Goberno central, así como os bos datos nas comunidades por parte dos gobernos autonómicos, tamén os do PP.
Pero Tellado insistiu: "A realidade non é tal e como a vende o Goberno, instalado nun conformismo tremendo que non se corresponde coa situación do emprego no noso país, cunha das taxas de paro máis altas da UE". "Non entendemos tanta felicidade e alegría e sería mellor que se aplicase certas doses de autoexixencia e autocrítica sobre a súa xestión", dixo.
O PP insiste en que o Goberno central "agocha baixo a figura dos fixos descontinuos moitos parados": "A realidade non é tal como a venden"
Segundo el, ao igual que Feijóo e o propio Rueda defendían hai meses, os datos de emprego en España están "dopados" porque "desde o ministerio que dirixe Yolanda Díaz manipulouse a figura dos fixos descontinuos para agochar debaixo desa figura moitos parados que en realidade son parados que só traballan horas ou días ao mes e se computan como traballadores cando en realidade son parados e demandantes dun novo emprego". Todo mentres o presidente da Xunta advertía de "datos moi positivos" en Galicia e chamaba a seguir "traballando para manter esa tendencia coas políticas que funcionan".
É desde a aprobación da reforma laboral a principios de 2022, e ante os datos que sinalan o relevante aumento do peso da contratación indefinida, cando o PP decidiu apuntar os fixos descontinuos e a súa contabilidade como a suposta clave dunha "maquillaxe" de datos que agocharía unha realidade de emprego moito máis negativa. Malia que as estatísticas e o xeito de cuantificar estes traballadores nos datos oficiais non muda desde hai décadas.
Malia o incuestionable incremento no número de fixos descontinuos activos nos últimos meses, nesta altura representan arredor do 4% do total das persoas traballadoras por conta allea en Galicia e pouco máis do 3% do total de afiliadas.
Ao igual que se fai desde 1985, os fixos descontinuos non se inclúen como parados nas estatísticas do desemprego rexistrado porque teñen un contrato e están inactivos entre chamamento e chamamento.
Un contrato fixo descontinuo ten, obviamente, menos vantaxes que un fixo indefinido, pero moita máis seguridade que un temporal, ao incorporar os dereitos de protección ao emprego vinculados a esta modalidade. Tamén a certeza de contar cun contrato que obriga o empresario a volvelos chamar.
O peso dos fixos descontinuos en Galicia é do 4,1% entre persoal por conta allea e sobre o 3% dos total de afiliados á Seguridade Social
En Galicia, e segundo os últimos datos de afiliación media á Seguridade Social en decembro, son algo máis de 33.400 as persoas traballando cun contrato fixo descontinuo. Nestas estatísticas de cotizantes só computan as persoas suxeitas a este tipo de contratación mentres están traballando, e desaparecen delas cando se atopan en período de inactividade.
O fixo descontinuo supón o 4,1% do total do persoal por conta allea en Galicia, fronte ao 72% do indefinido (58% a tempo completo e 14% a tempo parcial) ou o 14,8% temporal (11% a tempo completo e 3,8% a tempo parcial).
En termos absolutos, esas máis de 33.400 persoas que se reincorporaron á actividade como fixos descontinuos son apenas uns 500 máis que no mesmo mes do ano pasado, aínda que o dobre se o comparamos con decembro de 2021, xusto antes da aprobación da reforma laboral. Ao tempo, os traballadores cun contrato indefinido a tempo completo aumentaron en máis de 20.000 e os fixos a tempo parcial en menos de 4.000.
Ademais, e malia o aumento do emprego en máis de 20.000 persoas en Galicia no último ano, a contratación temporal a tempo completo reduciuse máis de 4.000 persoas, mentres que a temporal a tempo parcial se mantén en cifras similares.
O Goberno central vén de detallar que 2023 finalizou cunha cifra de traballadores con contratos fixos descontinuos de 864.000, uns 34.000 máis que ao peche de 2022, aínda que segue sen especificar periodicamente cantos se atopan inactivos cada mes.
Segundo fontes do Ministerio de Traballo, a mellor maneira de facer un seguimento dos fixos descontinuos son as cifras de afiliación, onde aparecen se están activos e desaparecen se nese momento non traballan. Non tanto as do paro rexistrado, xa que a maioría destes traballadores non se anotan nas oficinas de emprego ao ter asegurada a reincorporación nalgún momento e manter ese vínculo laboral.
Así, lembran que os fixos descontinuos son contabilizados na EPA—enquisa que se realiza con criterios homologados do Eurostat— e que esta é a única maneira de saber cantos dos fixos descontinuos se atopan en paro no conxunto do Estado, aínda que non hai datos a nivel autonómico.