O presidente do Parlamento ratifica que Alfonso Rueda será candidato á presidencia da Xunta. Tras a preceptiva rolda de consultas cos grupos, Miguel Santalices certifica que o candidato será o líder do PP. Ao contrario do que veu sendo habitual en anteriores lexislaturas, Rueda non acudirá hoxe mesmo á Cámara para que Santalices lle notifique a designación por atoparse en Madrid participando nunha xuntanza do PP convocada por Feijóo, polo que o encontro non se celebrará ata este mércores. O voceiro do PP, Alberto Pazos, evidenciou que os seus 40 deputados votarán por Rueda, mentres que tanto Pontón (BNG) como Besteiro (PSdeG) avanzaron cadanseus "non" e o deputado de Democracia Ourensana, Armando Ojea, sinala que o revelará na propia sesión de investidura, que comezará o día 9. [Imaxes: Parlamento de Galicia]
Fálase
PARO REXISTRADO | As inscricións nas oficinas de emprego caeron un 1,20% en Galicia durante o mes de marzo ata chegar a outro mínimo de 129.011, o que supón un 9,05% menos que hai un ano (o descenso anual na media estatal é do -4,73%). No mesmo mes, a afiliación media á Seguridade Social aumentou un 0,62%, ata os 1,06 millóns de persoas, isto é, un 1,73% máis que no mesmo mes de 2023, mentres que na media estatal o incremento é do 2,58%, achegándose por primeira vez aos 21 millóns de cotizantes.
A XL edición da Semana Galega de Filosofía botou a andar este luns en Pontevedra co tempo como eixo central. Fina Birulés, experta en Hannah Arendt, foi a encargada da conferencia inaugural. Manuel Cabada abriu as sesións de tarde e o Xurxo Mariño pechou a primeira xornada co seu relatorio ‘Reflexións sobre a percepción e a construción do tempo’
David Regades deixa o seu escano no Congreso para regresar ao mando da Zona Franca de Vigo. O socialista cesara como delegado da Zona Franca o pasado verán para concorrer ás eleccións xerais como cabeza de lista do PSOE por Pontevedra e esta semana retomará esta responsabilidade, como avanza Faro de Vigo.
O ministro de Transportes anuncia que Talgo entregará os trens de ancho variable Avril a partir do vindeiro luns, 8 de abril. Óscar Puente avanzou esta nova data nunha entrevista en Onda Cero, tras aproveitar unha viaxe en probas durante o Nadal [na imaxe] para asegurar que estarían en funcionamento no mes de marzo que vén de rematar, polo que foi apercibido pola Xunta Electoral polo contexto dos comicios galegos. O eixo atlántico ferroviario ten servizos de alta velocidade dende o ano 2015, pero estes trens Talgo 106 permiten pasar das vías de alta velocidade da Meseta ás que hai en Galicia.
Feijóo asegura, en referencia a RTVE, que "a televisión pública é a canle de propaganda informativa máis importante do sanchismo", "o 'Sálvame' de produtoras que fan negocietes co orzamento público", afirma antes de agregar que "non" a ve. O ex-presidente da Xunta e actual líder do PP encadra estas críticas no que descualifica como "tics autoritarios" do Goberno de España durante unha entrevista con El Mundo. A CRTVG segue dirixida polo director xeral nomeado por Feijóo en 2009 [na imaxe], con mandato por tempo indefinido grazas a unha reforma legal aprobada polo PP en solitario en 2015. O colectivo Defende a Galega mobilízase ao respecto dende hai case seis anos.
- HEMEROTECA | 15 anos no cargo e 75 de idade: máis olladas sobre a posible remuda do blindado director da CRTVG
- HEMEROTECA | 300 'venres negros' contra a "manipulación" no apoxeo da "propaganda": "Arrastran o prestixio da CRTVG"
- HEMEROTECA | Feijóo critica a dirección "alegal" de RTVE malia que a CRTVG mantén a que a lei ordenou mudar hai doce anos
Así soan xuntas Tanxugueiras e Fillas de Casandra. Ambos grupos xuntan forzas en Quen é a que canta?, un tema concibido como "un canto á nenez e ás relacións de amizade que crecen cómplices entre amigas". Nesta colaboración, "as nosas nenas internas mírannos con orgullo desde dentro, á vez que rendemos tamén homenaxe ás nosas nenas pasadas, ás que algún día fomos e que souberon soñar na soidade dos seus cuartos con todo o que agora somos e vivimos”, explican Aida, María, Olaia, Sabela e Sara
Na noite do sábado ao domingo cambia a hora e ás 2 serán as 3.
Este venres Praza.gal non se actualiza por descanso do persoal. Pero deixamos moito para ler e o sábado estamos de volta 🙂
O tempo mellorará este venres en Galicia, con chuvascos illados especialmente pola mañá no oeste do país e unha lixeira suba das temperaturas. O sábado as chuvias serán máis frecuentes. Este xoves as precipitacións están a ser importantes no sur de Galicia, con temperaturas mínimas que chegaron a superar os -5 graos na montaña ourensá.