Na metade dos concellos sobre os que hai datos os alugueiros encareceron máis dun 15% en cinco anos

Mediana do prezo dos alugueiros en pisos e vivendas unifamiliares en cada concello (2022) ©

A web do Ministerio de Vivenda inclúe información sobre a evolución do prezo mediano dos alugueiros en máis da metade dos concellos galegos, uns datos tirados da explotación da estatística tributaria

Nun intento de incrementar o nivel de transparencia sobre a situación do mercado do alugueiro, o Ministerio de Vivenda está a incorporar á súa web, para consulta pública, unha serie de indicadores sobre a evolución dos prezos dos arrendamentos nos últimos anos. A publicación deste Sistema Estatal de Referencia do Prezo do Alugueiro coincide no tempo coa posible declaración de zonas tensionadas por parte das comunidades autónomas, unha ferramenta que busca limitar o acentuado encarecemento dos prezos que están a dificultar o acceso a unha vivenda para moitas persoas

A web do Ministerio de Vivenda inclúe información sobre a evolución do prezo mediano dos alugueiros en máis da metade dos concellos galegos, uns datos tirados da explotación da estatística tributaria, é dicir, do ingresos e pagamentos incorporados á declaración do IRPF por arrendadores e arrendatarios. Só aparece, iso si, a información cando hai un número mínimo de exemplos, para preservar o segredo estatístico e para que as medias resultantes non dependan de factores individuais e reflitan a situación real da localidade.

As cidades de Vigo (500 euros) e A Coruña (484) son os concellos coa vivenda máis cara, pero con niveis moi semellantes aos de Nigrán (482 euros), que mesmo se sitúa por diante de urbes como Pontevedra (470) e Santiago (448)

Sen sorpresas, o mapa resultante, que recolle a mediana do prezo dos alugueiros no ano 2022 (último exercicio con datos) amosa que as cidades de Vigo (500 euros) e A Coruña (484) son os concellos coa vivenda máis cara, no que se refire a inmobles en edificios colectivos (pisos), pero con niveis moi semellantes aos de Nigrán (482 euros), que mesmo se sitúa por diante de urbes como Pontevedra (470) e Santiago (448). 

Nestas primeiras posicións aparecen outros concellos das áreas metropolitanas das cidades galegas. É o caso de Oleiros (464 euros), Cambre (427), Culleredo (425) ou de Gondomar, Mos, Poio, O Porriño e Redondela, todos por riba de 400 euros. Son localidade que teñen, ademais, nalgúns casos unha importante actividade turística, como Baiona (455 euros), Bueu, Moaña, Cangas ou Vilagarcía, sempre por riba dos 400 euros de media.

Chama a atención que nestas localidades os prezos medianos mesmo superan os niveis de varias cidades, como Ourense (386 euros, moi semellante ao de Barbadás: 380 euros), Lugo (370 euros) ou Ferrol (350 euros, o mesmo dato que Narón).

O Ministerio ofrece tamén datos sobre o primeiro cuartil dos pisos alugados en cada concello (o 25% máis caro), que amosa, por exemplo, que unha cuarta parte dos alugueiros da Coruña e Vigo xa custaban máis de 600 euros.

Os prezos medraron un 21% na Coruña, un 19% en Vigo e un 18% en Pontevedra; aumentaron un 17% en Ferrol, un 16% en Lugo, un 15% en Santiago e un 14% en Ourense. Noutras localidades, como Vilagarcía, a suba foi superior (+23%), o mesmo que en Bueu (+23%)

Os indicadores do Ministerio inclúen os datos dos últimos anos, dende o 2015, o que permite analizar a evolución dos prezos medios. Vemos, así, como os prezos aumentaron ao redor dun 20% nas cidades galegas nun período de cinco anos, entre 2017 e 2022, no que non entra o 2023, un exercicio no que a suba dos alugueiros continuou e se acentou.

Os prezos medraron un 21% na Coruña, un 19% en Vigo e un 18% en Pontevedra; aumentaron un 17% en Ferrol, un 16% en Lugo, un 15% en Santiago e un 14% en Ourense. Noutras localidades, como Vilagarcía, a suba foi superior (+23%), o mesmo que en Bueu (+23%).

Dos 147 concellos sobre os que se ofrecen datos, en 32 os prezos aumentaron máis dun 20% en cinco anos e noutros 45 fixérono entre un 15% e un 20%.

A web do Ministerio ofrece tamén información sobre o custo de alugar unha vivenda unifamiliar, un tipo de inmoble que en moitos concellos non urbanos é tanto ou máis numeroso que os pisos en edificios colectivos. Neste caso, a listaxe está encabezada por concellos que rodean as cidades como Nigrán (cun alugueiro medio de 650 euros mensuais), Baiona e Oleiros (nos dous casos por riba dos 600 euros). Sada, Brion, Ames e Gondomar tamén superan os 550 euros mensuais de alugueiro medio.

Dos 132 concellos dos que se ofrece información, en 52 o custo do alugueiro de vivendas unifamiliares aumentou máis dun 20% entre 2017 e 2022

Nas cidades os prezos son diversos e van dende os 475 euros da Coruña e os 427 euros de Vigo ata os algo máis de 400 de Santiago ou os 375 de Pontevedra. Unha vez máis, os prezos máis económicos corresponden a Ourense, Lugo e Ferrol, con 350, 325 e 300 euros respectivamente.

Neste caso, a evolución dos prezos é aínda máis acentuada que no caso dos pisos. Dos 132 concellos dos que se ofrece información, en 52 o custo do alugueiro de vivendas unifamiliares aumentou máis dun 20% entre 2017 e 2022.

Outros indicadores, coma os datos sobre a fianzas depositadas que ofrece o Observatorio Galego da Vivenda da Xunta ofrecen unha información máis axustada sobre os novos alugueiros que se realizan cada ano (e polo tanto dan conta da situación do mercado para quen busca nestes momentos) mentres que estes datos do Ministerio ofrecen unha panorámica máis xeral.

Á vista destes datos moita xente pode dicir: "pisos a menos de 500 euros na Coruña ou a menos de 400 euros en Ourense? Como é posible, se eu estou a buscar dende hai tempo e os prezos son moi superiores?". Este indicador do Ministerio de Vivenda recolle os datos de todos os pisos alugados en cada concello, dende os máis pequenos, vellos e en peores condicións ata os máis luxosos, dende os que hai moitos anos que non modifican o seu prezo ata os que non deixan de subir. Outros indicadores, coma os datos sobre a fianzas depositadas que ofrece o Observatorio Galego da Vivenda da Xunta ofrecen unha información máis axustada sobre os novos alugueiros que se realizan cada ano (e polo tanto dan conta da situación do mercado para quen busca nestes momentos) mentres que estes datos do Ministerio ofrecen unha panorámica máis xeral.

Por iso resulta útil comparar a evolución dos datos dos dous indicadores nos últimos anos, tendo en conta que a comparación sempre vai ser desequilibrada e que no caso do Ministerio os datos corresponden á mediana e no do Observatorio da Xunta á media.

Na gráfica obsérvase como o indicador da media das fianzas depositadas nas sete cidades galegas sempre se vén situando por riba do alugueiro mediano, pero tamén se pode ver como as diferenzas son cada vez máis pequenas. E que, ademais, tanto un coma outro indicador teñen unha clara tendencia de ascenso

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.