Os defensores estatal e galego da cidadanía coinciden en sinalar demoras de máis dun ano en resolver as solicitudes cando deberan tardar un máximo de 3 meses
O Defensor del Pueblo vén de facer público o seu informe anual correspondente a 2023, documento no que entre outras cuestións sinala o "grave incumprimento" por parte da Xunta dos prazos previstos para que ela mesma resolvese as peticións de axudas ao alugueiro para a mocidade establecidas polo Goberno de España pero xestionadas polas comunidades autónomas. Malia que debía tardar un máximo de 3 meses en contestar as solicitudes, tanto o Defensor estatal como a Valedora do Pobo sinalan que o Goberno galego acumulou demoras superiores ao ano. O sistema establecido pola Xunta para xestionar as axudas á mocidade leva ao Defensor del Pueblo a dicir que "pouco apoio pódese considerar que reciben" os supostos beneficiarios.
As axudas para alugueiro de 250 euros dirixidas a menores de 36 anos foron implantadas polo Goberno de España dentro do plan estatal de acceso á vivenda 2022-2025, pero son xestionadas polas comunidades autónomas. Son axudas de concesión directa, por orde cronolóxica de entrada das peticións, nas que a administración só ten que comprobar se cumpren as condicións. En Galicia a Xunta abriu o prazo de solicitude o 1 de xullo de 2022 e fixouse a si mesma un prazo de resolución de tres meses. Pero só foi quen de achegarse a ese prazo coas primeiras solicitudes que recibiu, incumpríndoo amplamente coa gran maioría.
"En Galicia, onde o prazo máximo para resolver é de tres meses, en novembro de 2023 aínda estaban tramitando as solicitudes presentadas en xullo de 2022", di o informe do Defensor del Pueblo
O Defensor del Pueblo sinala no seu informe anual que o pasado ano, 2023, recibiu queixas sobre a tramitación aínda pendente desas axudas do ano anterior por parte dos gobernos autonómicos de Galicia, Andalucía, Madrid e Murcia. Segundo o Defensor, esas administracións "manifestaron que están desbordadas ante o elevado número de solicitudes recibidas e que non dispuñan de capacidade suficiente para atender a carga de traballo". Iso levou ao que o Defensor del Pueblo cualifica como "grave incumprimento do prazo máximo previsto" de resolución.
"En Galicia, onde o prazo máximo para resolver é de tres meses, en novembro de 2023 aínda estaban tramitando as solicitudes presentadas en xullo de 2022", sinala o informe. Isto é, 17 meses despois da apertura do prazo de solicitude a Xunta aínda estaba tramitando peticións recibidas no primeiro mes.
O problema recollido polo Defensor del Pueblo no seu informe anual aparece tamén reflectido en actuacións puntuais que foi facendo públicas nos últimos meses a Valedora do Pobo ante queixas concretas recibidas por esas mesmas axudas. Se o defensor estatal sinala que o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), departamento da Xunta responsable da xestión, "comunicou que nun período de catro meses recibira 14.441 solicitudes", a defensora galega confirma esa cifra e dá algún detalle máis da gravidade das demoras.
Así, desas 14.441 solicitudes recibidas entre xullo e outubro de 2022, a mediados de decembro de 2023, 18 meses máis tarde, o IGVS só fora quen de tramitar uns 5.500 expedientes. Estaba naquel momento analizando aínda solicitudes recibidas o 8 de xullo de 2022, oito días despois de aberto prazo de presentación.
A Valedora do Pobo emitiu recordatorios de deberes legais lembrando á Xunta que debe tramitar os expedientes con "celeridade" e contestar "expresamente e por escrito" ás persoas solicitantes
Un dos problemas da lenta tramitación destas axudas en Galicia é que a Xunta estableceu que pasados os tres meses que se deu a si mesma para resolvelas sen emitir unha decisión expresa a persoa interesada debía entender desestimada a súa petición. Iso non sempre foi así senón que a lentitude da administración a levou a outorgar axudas superados amplamente eses tres meses. Pero, ao tempo, deixou na indefinición a milleiros de solicitantes. Mesmo a quen, pasados os tres meses, presentou recurso ante o que supostamente era xa unha denegación da axuda por silencio administrativo. A Valedora constatou que a Xunta nin resolveu en tempo as solicitudes nin respondeu os recursos de quen entendeu que a súa solicitude fora denegada.
Ante esta situación a Valedora emitiu recordatorios de deberes legais lembrando á Xunta non só que ten que tramitar os expedientes con "eficacia, economía e celeridade" senón que tamén ten que contestar "expresamente e por escrito" tanto as solicitudes de axudas como os recursos que se lle formulen.
Pola súa banda, o Defensor del Pueblo sinala no seu informe anual que ante as queixas recibidas insistiu na "obriga de resolver e notificar os expedientes con celeridade e eficacia e destinar os medios para logralo".
O defensor estatal salienta que esta axuda "foi creada para protexer a un grupo, os mozos, con especiais dificultades á hora de acceder a unha vivenda e emanciparse", polo que conclúe que "pouco apoio se pode considerar que reciben desde a Administración competente se, como resposta ao atraso na tramitación dunha solicitude, se contesta que transcorrido este prazo, sen resolución expresa, a persoa interesada poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo, tal e como fixo o Instituto Galego de Vivenda e Solo da Xunta de Galicia".