Cando é a Xunta quen tarda en pagar ao caseiro: a Valedora sinala as eivas do Bono de Alugueiro Social

Rueda e a conselleira de Medio Ambiente e Vienda, Ángeles Vázquez, nun acto en 2020 no que publicitaron o Bono de Alugueiro Social CC-BY-SA Xunta de Galicia

A lei obriga a que os alugueiros se abonen nos primeiros sete días de cada mes pero a Xunta tarda varias semanas en pagar a propietarios que arrendan a persoas vulnerables, e cando a Valedora pediu explicacións demorou 14 meses a súa resposta 

A lei de arrendamentos urbanos establece que os alugueiros deberán ser pagados aos caseiros dentro dos sete primeiros días de cada mes. Porén, no caso do Bono de Alugueiro Social, co que a Xunta asume o alugueiro de persoas vulnerables con fondos fundamentalmente procedentes do Estado, o Goberno galego está a realizar os ingresos aos propietarios das vivendas con notables demoras, mesmo de varias semanas, o que pode xerar tensións entre caseiros e inquilinos. 

Así o reflicte a Valedora do Pobo nun expediente que abriu de oficio no que sinala diversas eivas na xestión do Bono de Alugueiro Social, no que a Xunta obriga ás persoas vulnerables beneficiarias do mesmo a facer trámites mensuais para seguir recibindo a axuda. Porén, cando a Valedora pediu explicacións ao Goberno galego sobre o funcionamento das axudas, este tardou 14 meses en darlle resposta.

A conselleira de Medio Ambiente e Vivenda, Ángeles Vázquez, entregando en persoa as chaves dunha vivenda nun acto no que publicitou o Bono de Alugueiro Social CC-BY-SA Xunta de Galicia

O expediente no que a Valedora do Pobo analiza diversas eivas da xestión que fai a Xunta do Bono de Alugueiro social vén de ser feito público hai uns días pero foi aberto hai ano e medio. Tanto daquela como agora o Goberno galego vén centrando a súa axenda política en materia de vivenda nas ocupacións, fronte a outros problemas como os desafiuzamentos, os prezos dos alugueiros ou a escaseza de oferta pola proliferación de vivendas turísticas e a ausencia de promocións públicas.

Ante esta situación prolongada no tempo a Valedora celebrou en 2021 un acto na súa sede no que tivo coñecemento de diversas "dificultades no referente á solicitude e tramitación do Bono de Algueiro Social", xestionado polo Goberno galego con fondos transferidos fundamentalmente polo Estado.

A Valedora abriu un expediente de oficio e en novembro de 2021 pediu á Xunta explicacións de diversos problemas detectados nas tramitacións do bono. Pero as respostas, tras "sucesivos requirimentos" non chegaron ata o 30 de xaneiro deste ano, 14 meses despois. E agora a Valedora fai públicas as explicacións do Goberno galego, analízaas e conclúe suxeríndolle que mellore a súa xestión.

Unha das cuestións polas que a Valedora cuestionou a Xunta foi pola demora con que esta fai os pagamentos mensuais do bono directamente aos propietarios das vivendas alugadas polas persoas vulnerables que teñen dereito á axuda. Un "atraso dos pagos á parte arrendadora" que segundo a Valedora non só lle foi denunciado no acto de 2021 que deu orixe ao seu expediente de oficio senón que tamén motivou outras queixas particulares que vén recibindo.

O Goberno galego non nega que tarde semanas en lugar do máximo de 7 días que fixa a lei para cobrar os alugueiros, o que pode provocar que os caseiros prefiran inquilinos distintos. A explicación que dá a Xunta é que a tramitación das axudas é complexa. E ao explicar esa complexidade, a propia Xunta pon o foco noutro dos problemas detectados, o de que a persoa vulnerable ten que presentar "unha declaración responsable mensual de que continúa residindo na vivenda". 

A persoa vulnerable con dereito ao bono ten que presentar "unha declaración responsable mensual de que continúa residindo na vivenda", ante o que a Valedora pide que se simplifiquen os seus trámites

Por outra banda, as axudas concédense por un ano prorrogable ata un máximo de cinco sempre que persistan as condicións de necesidade do inquilino. Pero malia que a lei recoñece a prórroga automática dos contratos de alugueiro, a Xunta esixe para a renovación do bono un documento asinado pola persoa propietaria da vivenda que certifique que a prórroga se produce nas mesmas condicións que ao inicio, o que pode supoñer un novo condicionante para que os caseiros aluguen a persoas vulnerables.

A Xunta argumenta que estes requisitos son necesarios para asegurar un correcto uso dos fondos públicos, e desculpa as súas demoras na complexidade das "múltiples comprobacións" que ten que realizar mensualmente nun cada vez maior volume de expedientes. Segundo os seus datos, en 2020 tramitou 916 novos expedientes, en 2021 foron 1.269 e en 2022 1.913, cifras que se acumulan aos bonos xa outorgados en anos anteriores que se poidan manter por persistir as situacións de necesidade dos seus beneficiarios.

CC-BY-SA Xunta de Galicia

A Valedora pediu explicacións á Xunta en novembro de 2021 e malia "sucesivos requirimentos" o Goberno galego non respondeu ata xaneiro deste ano

Pero as explicacións do Goberno galego non convencen á Valedora. No expediente lembra diversas normas europeas, estatais e galegas que instan ás administracións a combinar os principios de legalidade e eficacia co dereito da cidadanía a obter respostas dela a través de procedementos simples e áxiles. "Estas normas impoñen á Administración, no seu funcionamento, a obriga de ordenar adecuadamente os seus recursos en orde á prestación eficaz e eficiente dos servizos que ten encomendados", di a Valedora, que conclúe suxerindo á Xunta diversas melloras.

A Valedora reclama ao Goberno galego "que valore a conveniencia de dotarse de ferramentas de xestión do Bono Alugueiro Social que axilicen as comprobacións e verifiquen o cumprimento dos requisitos de xeito acorde ao previsible incremento das solicitudes e a unha Administración de calidade". A Valedora pide "que a totalidade dos/as arrendadores/as perciban as correspondentes rendas de acordo cos prazos previstos na vixente lei de arrendamentos urbanos" e que "se modernicen os programas de xestión administrativa, de modo que as persoas arrendatarias vulnerables vexan simplificadas as actuacións administrativas a efectuar en tanto continúen residindo na mesma vivenda".

Conclusións do expediente aberto de oficio pola Valedora do Pobo sobre as eivas no funcionamento do Bono de Alugueiro Social CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.