O dereito á vivenda regresa ao centro da axenda política coa nova lei estatal ou o plan para alugar a prezo accesible pisos do banco malo. Analizámolo no novo episodio do podcast informativo de Praza.gal
No outono de 2019, uns poucos meses antes da pandemia da COVID, a Fundación Fomento de Estudios Sociales y Sociología Aplicada (FOESSA), fundada por Cáritas, publicaba unha nova edición do seu informe sobre exclusión e desenvolvemento social en Galicia. Era un documento moi amplo, con moitos datos e moitas conclusións. Unha delas, que a vivenda xa era o principal factor de exclusión social no noso país. Explicaba, por exemplo, case 150.000 persoas habitaban en vivendas inadecuadas e algo máis de 200.000, en vivendas inseguras.
Máis de tres anos e unha pandemia despois, vivimos un momento político no que o dereito á vivenda volve estar en primeiro plano do debate. O pacto dos socios do Goberno de España para desbloquear de vez a lei de dereito á vivenda ou o plan para poñer en alugueiro pisos do banco malo, pero tamén as subas de prezos ou a escaseza de pisos en alugueiro accesible son só algúns ingredientes que nos levan a deternos sobre este asunto.
Por todo isto, neste novo episodio do Fálase, o podcast informativo de Praza.gal conducido por David Lombao, falamos de onde vivimos. Con Marcos Pérez Pena, xornalista de Praza, repasamos datos como os que acreditan que o prezo da vivenda encareceu un 6,6% en Galicia durante 2022, o que supuxo a maior suba en 15 anos. Tamén comprobamos como o número de demandantes de vivendas de alugueiro no rexistro da Xunta triplica os inmobles ofertados en Galicia, ata o punto de que a propia patronal inmobiliaria fala da necesidade "urxente" de máis vivenda protexida.
Mentres todo isto sucede, cabe preguntarse que fixo a Xunta coas súas competencias en materia de vivenda e, sobre todo, en materia de vivenda protexida. Por iso poñemos o foco en como, nos últimos días, o ex-presidente e actual líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, clama pola construción de máis pisos tras deixar a vivenda protexida da Xunta en mínimos históricos.
Con VINTE, as músicas de Ramona e unhas citas na Coruña
O segundo tramo deste Fálase número 46 abrímolo ao son da orquestra Los Satélites, porque as músicas da emblemática formación coruñesa son algunhas das que acompañan a Ramona, a protagonista da película Matria. Con María Yáñez, directora de VINTE, achegámonos á playlist de Ramona, unha escolla musical do máis diverso na que conviven Baiuca, Néboa, Verto ou Sés con nomes da música latina como Chiqui Rodríguez, Big Jhany e Tony Lenta, Francisco León Rodríguez ou Zalento. E, por suposto, Los Satélites como ponte ás dúas beiras do Atlántico.
De sons e ritmos latinos fala precisamente o novo episodio dos Violentos anos Vinte, o podcast que chegou recentemente a VINTE e ao que tamén nos achegamos neste capítulo. E ,sen deixar a música, sabemos tamén algo máis do novo álbum dos Ataque Escampe, Cabalgata, do que vimos hai pouco un novo e coidado videoclip, o do tema Cabaliño lento, e que xa se pode escoitar integramente dende esta semana. Ademais, María Yáñez adiántanos que a banda pasará en breve por VINTE.
Da música imos ás artes escénicas, porque volveron a VINTE os Retratos dunha escena plural, a miniserie audiovisual que retrata diversas figuras destacadas da danza e das artes vivas en Galicia. E das artes escénicas, á poesía de Ismael Ramos e Lucía Aldao. Concluímos o percorrido con dúas citas na Coruña: unha que está a piques de rematar, a mostra do fotógrafo Steven Meisel, da que Carlos Lema nos achega un comentario crítico, e outra que está por vir, o espectáculo Que din As R(h)umorosas? de Ledicia Sola, Carmen Méndez e Marta Doviro, un achegamento a persoeiras históricas en clave de comedia que se estrea no Encontro Mundial de Humorismo, cuxa terceira edición se desenvolve na Coruña do 28 de abril ao 7 de maio.
Todos os episodios do Fálase chegan primeiro ás socias e socios de Praza.gal e, a continuación, están dispoñibles para o resto da audiencia. Podes escoitalos tanto en Praza.gal como en Ivoox, Spotify, Google Podcast, Apple Podcast e mais en Podgalego.