O prezo dos alugueiros leva anos en aumento en Galicia, un encarecemento que dificultou o acceso á vivenda para moitas persoas, especialmente a mocidade e as persoas con menos recursos, que son as que en maior medida carecen dun fogar en propiedade. Este xoves o Instituto Nacional de Estatística (INE) publicou os datos correspondentes ao ano 2021 do seu Índice de Prezos da Vivenda en Alugueiro.
No ano 2021 o prezo medio dos alugueiros incrementouse un 2% en Galicia, catro décimas por riba da media do Estado (1,6%)
No ano 2021 o prezo medio dos alugueiros incrementouse un 2% en Galicia, catro décimas por riba da media do Estado (1,6%). Esta elevación súmase á de anos anteriores para totalizar un encarecemento do 8,6% entre 2016 e 2021, neste caso claramente por debaixo da media española (12,1%). Neste período encareceuse moito máis en Galicia o prezo dos alugueiros en vivendas colectivas (pisos), un 8,8% que en vivendas unifamiliares (casas), un 6,1%.
No ano 2021 tamén hai grandes diferenzas entre a evolución que seguiron as vivendas que xa foran arrendadas en anos anteriores, que se encareceron en Galicia un 1,4%, e os novos alugueiros de inmobles non arrendados nos anos precedentes, que medraron un 5,1%.
Hai grandes diferenzas entre a evolución das vivendas arrendadas en anos anteriores, que se encareceron en Galicia un 1,4%, e os novos alugueiros, que medraron un 5,1%.
O Índice ofrece información sobre todos os concellos de máis de dez mil habitantes, un total de 57 localidades en Galicia. Entre elas, Ponteareas, Boiro, Poio, Vilagarcía e O Porriño encabezan o encarecemento dos alugueiros, con subas superiores ao 10% entre 2016 e 2021. Tamén superan o 9% Redondela, Pontevedra, Culleredo, A Guarda, Pontevedra, A Coruña, Tui, Foz, Ames, Nigrán, Vigo, Vilalba e Sanxenxo. Santiago de Compostela (+8,2%), Lugo (+7,5%) e Ferrol (+6%) completan os datos das cidades.
Ponteareas, Boiro, Poio, Vilagarcía e O Porriño encabezan o encarecemento dos alugueiros, con subas superiores ao 10% entre 2016 e 2021
O índice tamén debulla os aumentos de prezo en función do tamaño das vivendas, recollendo por exemplo que os pisos de menor tamaño, inferiores a 60 metros cadrados, son os que máis se encareceron nos últimos anos, cun aumento do 11% entre 2016 e 2021, por riba do experimentado polas vivendas entre 60 e 75 metros cadrados (9%). En cambio, os inmobles de maior tamaño, superiores a 150 metros cadrados, son os que menos subiron (+5,2%)
Cómpre lembrar que a nova Lei de Vivenda ampliou os criterios para cualificar unha zona como "tensionada" e aplicar nela medidas que axuden a conter o incremento dos prezos do alugueiro. Unha zona poderá ser considerada tensionada cando os prezos da vivenda subisen máis de 3 puntos do riba da variación do IPC nos cinco anos anteriores.
Os pisos de menor tamaño, inferiores a 60 metros cadrados, son os que máis encareceron nos últimos anos, cun aumento do 11%
O Índice de Prezos da Vivenda en Alugueiro do INE presenta subas inferiores ás rexistradas noutros indicadores, coma o Índice de alugueiro de vivenda do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana ou o Observatorio da Vivenda da Xunta
O INE elabora esta estatística cos datos achegados pola Axencia Tributaria sobre as vivendas polas que as persoas que fan a declaración recibiron ingresos. O instituto público detalla a dificultade de incluír no cómputo as vivendas que non estiveron arrendadas en anos precedentes, ao carecer dun dato comparativo co que calcular a evolución do prezo. Porén, o INE realizou unha estimación desta evolución a través dun modelo estatístico.