O importe de adquisición dos inmobles poderá ser de ata 240.000 euros na Coruña, Santiago, Vigo, Pontevedra e Ourense; de 180.000 en Lugo, Ferrol e concellos periurbanos, e de 130.000 no resto de Galicia
O Consello da Xunta deste mércores aprobou unha liña de avais para hipotecas destinada a menores de 36 anos con ingresos de entre 16.800 e 46.200 euros ao ano. Segundo salientou o presidente Rueda, o obxectivo do Goberno galego é axudar á mocidade a conseguir unha vivenda nun contexto de dificultade, para o que optará por facilitar a obtención de hipotecas bancarias, con avais de ata o 20% do prezo de compravenda. O Goberno galego xustificou a medida como destinada a persoas que que poden asumir unha hipoteca pero carecen de aforros para pagar a entrada.
Segundo divulgou o Goberno galego, para obter un aval será “condición imprescindible” que a hipoteca supoña “entre o 80% e o 100% do importe de adquisición da vivenda”. Tamén se establecerá que cando a persoa “abone ao banco a mesma contía de hipoteca que teña de aval, este quedará cancelado”.
O importe de adquisición do inmoble non poderá superar as seguintes contías: “240.000 euros nos concellos da Coruña, Santiago de Compostela, Vigo, Pontevedra e Ourense; 180.000 euros se se localiza nas cidades de Lugo e Ferrol” ou en concellos de tamaño medio e carácter periurbano, “e 130.000 euros no resto dos municipios galegos”. A Xunta engade que “tendo en conta que o aval non pode superar o 20% do prezo de compra da vivenda, a contía máxima da axuda que concederá a Xunta será de 48.000 euros para o primeiro grupo de concellos, de 36.000 euros para o segundo, e de 26.000 euros para o terceiro”.
Se a vivenda a merca máis dunha persoa os ingresos conxuntos poden chegar ata 54.600 euros ao ano
A Xunta tamén detalla que o límite de 46.200 euros de ingresos anuais para poder acceder aos avais pode ser superior no caso de que a compra a faga máis dunha persoa. Neses casos os ingresos conxuntos dos compradores poderán chegar ata os 54.600 euros anuais.