Os alcaldes de Palas e Monterroso, Pablo Taboada e Eloy Pérez (PP) e mais o edil socialista de Antas de Ulla José Manuel Quintá, atenden o convite de Altri para visitar as súas factorías en Vila Velha de Ródão e Figueira da Foz. A compañía portuguesa promotora da fábrica de celulosa e fibras téxtiles en Palas de Rei asegura que organizou a viaxe para que poidan "coñecer en primeira persoa o funcionamento das fábricas" e os "seus niveis de esixencia medioambiental". A través dun comunicado agrega que convidou á viaxe aos "máximos responsables dos seis concellos" atinxidos polo proxecto, se ben só aceptaron os devanditos alcaldes e concelleiro dos tres concellos da comarca da Ulloa. Imaxe remitida pola empresa.
