Green New Deal: a receita 'made in UK' á crise social e climática

Folga polo clima en Londres. Febreiro 2019 CC-BY David Holt

Hai dez anos, moito antes de que o cambio climático fose un tema de conversa recorrente na rúa, o think tank británico New Economics Foundation (NEF) comezaba a falar da necesidade de asentar un novo paradigma económico para o noso século que tivese en conta a emerxencia ambiental: un Green New Deal.

Desde entón, laboratorios de pensamento como a NEF ou Common Wealth veñen producindo análises e propostas de investimento masivo coas que fornecer aos partidos de políticas concretas para aplicar desde o Goberno. De momento, só a esquerda se está sumando a este novo consenso.

A congresista estadounidense Alexandria Ocasio-Cortez presenta o Green New Deal CC-BY Senate Democrats

Nos Estados Unidos, o Green New Deal foi posto sobre a mesa pola congresista esquerdista Alexandra Ocasio Cortez, e nas primarias do partido Demócrata, son os candidatos da ala esquerda, como Bernie Sanders ou Elizabeth Warren, os que apostan por un Green New Deal máis radical. No Reino Unido, o partido Laborista deu un paso máis, e na última conferencia do partido, celebrada hai unha semana, aprobouse facer do Green New Deal unha promesa electoral.

Máis alá dun nome rimbombante, en que consiste este gran acordo verde? A filosofía parte da base de que o Estado debe ser o motor da transición cara unha economía verde que o sector privado, polo enorme esforzo e coordinación que implicaría, non é capaz de levar a cabo. A transición proposta, ademais, pretende ser “xusta”, é dicir, aspira a mellorar os dereitos laborais e o emprego na sociedade, mesmo entre aqueles traballadores afectados polo peche de industrias contaminantes.

A filosofía do Green New Deal parte da base de que o Estado debe ser o motor da transición cara unha economía verde que o sector privado, polo enorme esforzo e coordinación que implicaría, non é capaz de levar a cabo

A receita consistiría nun grande programa de investimentos públicos para potenciar a eficiencia enerxética das vivendas, a instalación de enerxías renovables e o desenvolvemento de tecnoloxías que permitan, por exemplo, crear baterías con maior capacidade de almacenamento da enerxía xerada polos muíños de vento ou placas solares.

No Reino Unido, tamén se aposta pola nacionalización e electrificación do ferrocarril, a promoción do transporte eléctrico, a creación de empresas eléctricas públicas ou de propiedade comunitaria que compitan cos provedores privados ou a creación dun banco de investimento para promover iniciativas empresariais verdes mirando ao longo prazo.

Outra das propostas novidosas sería a de reducir a xornada laboral semanal de cinco a catro días. A idea parte da base de que é nos días laborais onde máis uso se fai de transporte contaminante polos desprazamentos aos postos de traballo, mentres que nos días de ocio se adoitan facer actividades menos gravosas para o medio ambiente.

Adrián Búa, politólogo galego asentado no Reino Unido, ve con optimismo a forma en que partidos coma o Laborista se nutren de todas estas ideas procedentes dos laboratorios de pensamento máis progresistas.

Búa, que durante anos traballou para a NEF, di que no caso dos Laboristas, o diálogo entre think tanks de esquerda e a dirección do partido estreitouse especialmente a partir das eleccións de 2017, nas que Jeremy Corbyn mellorou os resultados prognosticados polas enquisas e os medios en base a un programa político moito máis radical.

“Ultimamente, NEF estivo moito máis involucrada en influir nas políticas do partido Laborista. É unha pena que o próximo manifesto electoral saia no contexto do Brexit, porque vai incluír unhas medidas moi radicais e transformadoras que poden levar a unha redistribución de poder e recursos bastante importante”, asegura.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.