Se lle facemos caso ás enquisas, o ex-alcalde de Londres, Boris Johnson, está a piques de converterse en Primeiro Ministro do Reino Unido. O seu adversario e actual ministro de exteriores, Jeremy Hunt, non parece xerar demasiadas simpatías entre a militancia do Partido Conservador, que é quen ten a última palabra.
A filosofía de Boris Johnson resúmese en "saír da UE ou morrer"
No Reino Unido a xente coñéceo simplemente como Boris e leva sendo unha nota excéntrica na política británica desde hai case 20 anos. Ambicioso, popular entre as bases, fácil de identificar polo seu pelo louro de aspecto desaliñado e coñecido polas súas frecuentes saídas de ton, este político londiniense representa a grande esperanza dos partidarios dun Brexit duro. A súa filosofía resúmese en "saír da UE o día 31 de outubro ou morrer".
Jeremy Hunt representa un tipo de político completamente distinto. Discreto, tranquilo e non dado aos exabruptos. Non causa o mesmo impacto que Boris, de feito, se nos referimos a el polo seu nome de pila, o máis probable é que a xente pense en Jeremy Corbyn e non en Hunt. O seu maior logro político foi ter sido o ministro de sanidade máis lonxevo da historia, posto que o ocupou até que Theresa May lle encargou a carteira de exteriores, precisamente para substituír a Boris Johnson. Preséntase a si mesmo como o candidato da empresa e como un bo negociador con capacidade para enfrontarse á Unión Europea.
A militancia conservadora aínda ten uns días para decidir a quen quere como líder e como Primeiro Ministro. O día 22 de xullo saberemos os resultados.
Unha ollada galega ás criptomoedas
Yessi Bello-Pérez naceu en Inglaterra pero viviu sempre a cabalo entre Galicia e o Reino Unido. Traballa como xornalista para The Next Web, un coñecido portal de tecnoloxía que acaba de mercar o Financial Times.
Yessi Bello-Pérez vive entre Galicia e o Reino Unido; a súa especialidade son as criptomoedas, as "moedas virtuais que non existen no mundo real"
A súa especialidade son as criptomoedas, ou como ela as define "moedas virtuais que non existen no mundo real". A máis coñecida de todas elas é Bitcoin, que nos últimos anos xerou ao seu redor un importante mercado especulativo.
Tal e como conta Bello-Pérez no podcast, esta tecnoloxía parte dunha filosofía anarquista ou libertaria que pretende quitarlle poder aos estados e aos bancos centrais, creando unha moeda completamente descentralizada. O contrapunto destas criptomedas, máis aló da volatilidade do seu valor, é o seu uso con fins delitivos, unha das áreas de maior interese para esta xornalista.