Desde a súa creación en 1948, o servizo público de saúde británico (NHS) foi receptor de milleiros de profesionais da sanidade chegados de todo o mundo. Nos últimos anos, especialmente trala crise económica, centos de enfermeiros e doutores galegos foron recrutados para acceder a traballos nos hospitais do Reino Unido ante a falta de oportunidades en Galiza.
Especialmente durante a crise, persoal de enfermería e medicina procedentes de Galicia foi recrutado para acceder a traballos nos hospitais do Reino Unido
Contratos máis estables, salarios máis elevados, maiores posibilidades de promoción ou máis oportunidades de formación son algúns dos atractivos que levaron a moitos profesionais sanitarios a facer as maletas e mudarse a cidades coma Londres, Cardiff, Manchester ou Edinburgo.
A demanda de persoal vai en alza. O NHS estima que actualmente ten máis de 100.000 postos de traballo pendentes de ser cubertos, e a previsión é que se precisará contratar cada ano a 5.000 enfermeiras novas para cubrir a demanda ascendente dunha sociedade cada vez máis envellecida.
Severino Filgueiras é un enfermeiro de Esteiro (Muros) que exerce nun hospital de Londres desde hai anos. Antes de chegar ao Reino Unido, pasou polo Sergas, pero a súa experiencia estivo marcada polos contratos temporais de curta duración.
Da súa carreira profesional na illa destaca as mellores condicións laborais que se ofrecen, a pesar de que o sistema de contratacións non se basea en oposicións. Porén, recoñece que os enfermeiros teñen moitas menos competencias técnicas que en Galiza. “Iso implica unha diminución da calidade, polo menos tal e como a nós a entendemos en España”, asegura.
Se no Reino Unido o problema é que non hai persoal suficiente para cubrir as vacantes abertas, en Galiza o problema é a excesiva precariedade laboral e os contratos temporais, mesmo dun día, que manteñen ao sector mobilizado desde hai meses, baixo o paraugas da plataforma Enfermeiras Eventuais en Loita.
Erika González, unha das portavoces de Enfermeiras Eventuais en Loita, denuncia que o modelo actual non permite a conciliación da vida persoal coa laboral. “Traballando para Sergas temos que improvisar a nosa vida sobre a marcha, non podemos planificar”, asegura.