Ademais do Brexit e da posición ante un hipotético segundo referendo, ao partido Laborista xurdiulle un novo foco de tensión interno a raíz dun asunto bastante alleo á política galega ou española: o antisemitismo.
Desde o verán de 2018, e nos últimos meses moi especialmente, o líder do partido, Jeremy Corbyn, vén sendo duramente criticado por militantes e medios de comunicación por non ser quen de poñer couto a ataques contra afiliados de orixe ou relixión xudea.
O exprimeiro ministro Laborista, Tony Blair, mesmo deixou caer nunha entrevista recente para a BBC que non votaría polo seu propio partido se non se tomasen medidas para poñer fin a este tipo de actitudes.
Corbyn foi duramente criticado por non poñer couto a ataques contra afiliados de orixe xudeu
Moitas voces críticas con Corbyn apuntan a que esta vaga de antisemitismo ten a súa orixe na entrada de sectores esquerdistas no partido, en moitos casos moi críticos co papel do Estado de Israel no conflicto palestino, trala victoria de Jeremy Corbyn nas eleccións primarias de 2015.
En moitos casos, as denuncias teñen que ver con presuntos comentarios discriminatorios por parte de afiliados de base do partido. Noutros, cargos de peso do Laborismo chegaron a ser sancionados ou mesmo expulsados polas súas opinions supostamente antisemitas.
É o caso de Ken Livingston, ex-alcalde de Londres antes da chegada de Boris Johnson, que foi suspendido da súa militancia en 2016 tras asegurar que Hitler, nos seus primeiros anos no Goberno alemán, apoiara a reivindicación do Sionismo de crear un Estado xudeo en territorio palestino. En marzo deste ano, o conflito tamén levou a que se lle retirase a o carnet a un deputado, Chris Williamson, por afirmar que o partido fixera demasiadas concesións a quen denunciaban a existencia dun problema interno co antisemitismo.
E é que algúns laboristas, especialmente na contorna de Corbyn, consideran que detrás de toda esta campaña agóchanse sectores contrarios á actual líder que buscan instrumentalizar os casos de antisemitismo para desgastar á dirección.