Escocia: fóra do Reino Unido pero dentro da UE?

O ex-primeiro ministro de Escocia, Alex Salmond, e a actual primeira ministra, Nicola Sturgeon CC-BY-NC Scottish Government

No Reino Unido, as crises constitucionais veñen encadeadas. En 2014, Escocia estivo moi preto de independizarse; en 2016, o Reino Unido votou a prol de saír da Unión Europea; e agora en 2019, os tambores da ruptura territorial volven soar con forza en Irlanda do Norte e en Escocia.

Non podemos esquecer que o Brexit só foi a opción maioritaria en Inglaterra e Gales, e que Escocia e Irlanda do Norte votaron claramente a prol de quedar na UE. Como é de agardar, isto provoca tensións nestas dúas nacións, que non parecen moi contentas porque se tome unha decisión deste calado en contra da opinión maioritaria dos seus cidadáns.

A primeira ministra de Escocia insiste nun segundo referendo de independencia

Este cabreo é particularmente grande en Escocia, xa que no referendo de independencia de 2014, un dos argumentos que tivo máis peso á hora de decidir quedar no Reino Unido, é que a independencia podería implicar a saída da Unión Europea.

Carteis a prol do "si" á independencia no referendo de 2014 CC-BY-NC Cams

Desde que o Reino Unido votou polo Brexit, a primeira ministra de Escocia, Nicola Sturgeon, leva insistindo en que cómpre convocar un segundo referendo de independencia, xa que as circunstancias nas que se produciu a primeira votación cambiaron radicalmente.

Esta semana, cando o goberno de Johson parece decidido a saír da UE sen acordo, unha enquisa dá maioría ao independentismo nun hipotético segundo referendo

Esta semana, unha enquisa dálle a maioría ao independentismo nun hipotético segundo referendo. Non é casual que este aumento do soberanismo teña lugar xusto cando o novo goberno de Boris Johnson parece decidido a saír da UE sen acordo en Outubro deste ano.

Pero antes de falar do resultado dunha suposta consulta, aínda hai moitas incógnitas que despexar. Que vai pasar co Brexit? Estará disposto o goberno de Westminster a pactar un segundo referendo de independencia? Aló polo 2017, Theresa May avisou a Nicola Sturgeon de que “non é o momento”, pero podería ter lugar despois de que o Reino Unido saia da UE? Que postura terá Boris Johnson?

De todo isto falamos con Pilar Fernández, unha blogueira galega moi vinculada con Escocia que nos conta como se está vivindo este debate polo norte. Ela teno claro “pase o que pase haberá un segundo referendo de independencia, independentemente de que non haxa Brexit, porque Escocia non ten futuro nese artificio ancestral e arcaico que é Westminster”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.