A elección do novo líder do partido Conservador británico eclipsou outro proceso de primarias que marcará o futuro próximo da política británica: o do partido Liberal Demócrata.
Un día antes de que os tories desen o respaldo a Boris Johnson para se converter no seu novo líder e, por tanto, no primeiro ministro do país, os libdem elixiron a Jo Swinson, unha muller de 39 anos, como a capitana que pilotará a nave a través dos tormentosos meses que se aveciñan, probablemente os máis decisivos na historia do país desde a Segunda Guerra Mundial.
Os libdem veñen gañando terreo cun discurso moi belixerante contra a saída da UE
Desde que o Brexit comezou a convertirse no monotema da política británica, os liberal demócratas veñen gañando terreo nas enquisas en base a un discurso moi belixerante contra a saída da UE e a favor dun segundo referendo. De feito, nas eleccións europeas obtiveron un resultado histórico quedando de segunda forza por detrás do Brexit Party de Nigel Farage pero quedando por riba de laboristas e conservadores.
Con Johnson no Goberno, pero cunha exigua maioría no Cámara dos Comúns, as probabilidades dunhas eleccións anticipadas non fan máis que aumentar
Con Johnson no Goberno, pero cunha exigua maioría no Cámara dos Comúns, as probabilidades dunhas eleccións anticipadas non fan máis que aumentar. E nese escenario, no que a campaña xiraría si ou si arredor do Brexit, é onde Swinson e os seus teñen máis probabilidades de sacar tallada, ao competir polo voto Remainer cun partido Laborista que até hai poucas semanas non estaba convencido de respaldar oficialmente a convocatoria dun segundo referendo e pedir o voto pola opción de quedar na UE.
"Reparar a fractura social"
Xabier Cid, Galego emigrado no Reino Unido desde hai case 13 anos e militante do partido Liberal Demócrata, defende que Jo Swinson era mellor candidata que o seu contrincante, Ed Davey, para poder chegar no futuro a acordos con quen defenden saír da UE custe o que custar. "Temos que chegar a un acordo coa xente que apoia o Brexit. Temos que reparar a fractura social que hai", dixo.
Sobre o proceso de primarias, cre que se levou con cordialidade, lonxe da polarización xurdida entre os conservadores ou, anos atrás, entre os laboristas. "Non había unha liña ideolóxica que divise aos candidatos, era unha cuestión de personalidade", asegurou Cid.