"No noso mundo intelectual, e literario especialmente, que é un sistema literario construído en base a xantares de botelo máis ca de partidos de baloncesto, falar de bicicletas é xa case revolucionario". Iso di Xabier Cid a conto de As bicis, o poemario co que vén de gañar a XXI edición do Certame de Poesía do Concello de Carral. Chanzas aparte, si pode haber algo non de revolucionario, pero si de contradiscursivo, no contido deste libro. Que reivindica o silencio fronte ao ruído social e mediático e contra a vaidade do/a escritor/a. Que foi escrito sabendo que "eu, como varón, branco, occidental, de mediana idade e relativamente educado, non debería estar a dicir nada". Que non somos tan importantes como, moitas veces, cremos e nos fan crer. Podería lerse como unha crítica á pretenciosidade -inoculada- de parte dos representantes dun "sistema literario galego" que se cadra nunca foi tal "sistema", e ao que ás veces lle custa situarse a si mesmo no mundo como o que é: un máis. Pero xa di Cid que el, o que fai, son poemas que non falan de nada.
“Escribirei uns poemas que non falen de nada”. Así comeza o poemario. “Este é un espacio baleiro. Non teño necesidade de dicir nada”, dicía o teu blog As túas balas. As bicis fala moito de ruído, de palabras baleiras, de cando nos poñemos transcendentais, como din un dos poemas, “con esa vaidade de quen cre dicir o que non fi dito/ e xa foi dito”. Por que? Pregunto porque o poemario fala do ruído das redes sociais ou da televisión, pero penso que tamén da vaidade do “escritor” e da idealización da súa figura como alguén que sempre ten que ter cousas moi importantes que dicir.
Sorpréndeme moito que cites esa frase d’As túas balas, porque eu non a lembraba. Supoño que me quedou nunha parte do córtex e volveu aflorar, pero non era consciente diso. A frase, ademais, non é miña, pero imaxino que cando a lin hai moitos anos quedoume arquivada e leva todo este tempo abrochando aos poucos. Ou que non fago máis ca repetirme. Todo o que mencionas despois, o do ruído social e o da vaidade dos autores e autoras, é exactamente a miña referencia. As persoas que crean son vaidosas, e vexo esa vaidade de forma bastante negativa, independentemente de que os resultados sexan os que sexan, e de que eu mesmo, neste paradoxo incongruente, estea dicindo algo ao dicir que non quero dicir nada.
"As persoas que crean son vaidosas, e vexo esa vaidade de forma bastante negativa"
Na súa estrutura, o poemario ten dous fíos de texto. Un, colocado na parte de abaixo da páxina, con versos curtos e certa métrica, e cunha lingua mesmo se cadra algo máis requintada, no que unha ciclista fala das súas sensacións ao andar na bici. Outra, na parte de arriba, en verso libre, no que a que parece esa mesma voz poética se relaciona non tanto coa paisaxe e si con outras persoas. Poderían ser como unha sorte de paradas na viaxe en bici. En calquera caso, nesa parte, a de arriba, tamén hai silencio, -páxina en branco-, fronte ao fluír máis constante da de abaixo. Podes explicar esta estrutura, ese dobre fío? De que xeito está presente nela ese contraste entre o ruído e o silencio?
Os dous fíos parten da mesma orixe, que é unha cobra dun poema de Guillerme de Poitou, ou de Aquitania, ou chamémoslle como queiras. Nun quedo co tema, e tento desenvolvelo, e noutro quedo coa forma, e aínda que non reproduzo exactamente os seus elementos métricos, si que me achego a eles -da maneira en que son capaz e que creo que é aceptable en 2018 nunha lingua onde as palabras non son todas agudas-. Ti enténdelo como paradas, e paréceme ben.
"Eu quizais quedaríame máis con "o que pensa a ciclista”, que efectivamente é ruidoso, por oposición a "o que ve a ciclista”, que é silenzo -máis ca silencio-"
Eu quizais quedaríame máis con "o que pensa a ciclista”, que efectivamente é ruidoso, por oposición a "o que ve a ciclista”, que é silenzo -máis ca silencio-. Non creo que haxa un fluír máis constante na parte de baixo da páxina ca na de riba da páxina, ou viceversa, ou cando menos esa non era a intención, pero o certo é que o xurado valorou o emprego da páxina en branco como virtude creativa, cando foi máis un accidente derivado da distinta duración dos poemas na parte inferior e superior, ca un repouso no camiño. Pero, diaños, as vosas ideas son mellores cás miñas.
Hai, claro, unha contradición entre dicir que non se ten necesidade de dicir nada e manter un blog durante sete anos, despois, ademais, de ter publicado unha novela. Como pode habela entre escribir sete poemas longos, envialos a un concurso e dicir, neles, que “Son poemas que teñen a luz de non falar de nada/ e esa é a única/ luz”. Dicir que te presentaches a un concurso porque querías os cartos paréceme necesario, -que os escritores tamén comen-, mais, creo que máis que a nada, o que invocan os teus versos é a necesidade do silencio. De menos verborrea. Tamén se cadra por iso é un poemario curtiño e había anos que non publicabas...
Touché. Son consciente desa contradición. Pero que sexa consciente do meu ego non o fai desaparecer. Enfádome con el, quero extinguilo, pero ás veces sae desta maneira, ou ben porque non o dou reprimido, ou ben porque me divirto, ou como exercicio de escrita -escribo, léome e gústome —ás veces- ou ben porque como neste caso, hai un montiño de cartos ao final do túnel.
"Én Galicia hai un ruído físico, de falar alto, pero tamén de non buscar o acordo, de tratar o lugar ao noso redor con egoísmo, non ter demasiado coidado polo espazo físico e o tempo dos demais"
Unha das cousas que me gustaron de ir vivir a Escocia foi precisamente o silenzo. Galicia, e podes pórlle as fronteiras onde queiras, nas Portelas, nos Pireneos ou en Tréveris, paréceme un lugar moi ruidoso. Pero loxicamente parécemo agora, que vivo noutra contorna máis, digamos, tranquila. Ou que a min me parece máis tranquila. É un ruído físico, de falar alto, pero tamén de non buscar o acordo, de tratar o lugar ao noso redor con egoísmo, non ter demasiado coidado polo espazo físico e o tempo dos demais, etc. E este é ao final un libro que escribo alí, no silenzo, pero que dirixo aquí, ao ruído, que é onde podo presentarme a un concurso e ter opcións de gañalo. Obviamente nada é tan simple como Escocia=silenzo Galicia=ruído. Máis unha tendencia. Quizais por iso o poemario é curtiño, porque non hai moito que dicir, pero tamén porque as bases do premio dicían 500 versos, e deberon saír uns 512. Si, isto é suficiente.
Deixar de publicar ten que ver, tamén, cunhas circunstancias puramente mundanas. Como lle dicía a Ramón Vilar, de Letra en Obras, para escribir cómpren unhas condicións de tempo libre e illamento que durante moitos anos, por cuestións laborais, non puiden aproveitar. Ou non din aproveitado. E agora cadrou que tiven os motivos de inspiración, que tiña o tempo libre necesario, e que o reto dos 500 versos era asumible, e alá fun.
"Para escribir cómpren unhas condicións de tempo libre e illamento que durante moitos anos, por cuestións laborais, non puiden aproveitar"
“Eu son só a fatiga/ e a reiteración”, di un dos versos. Unha muller que sabe que pode desaparecer, en calquera momento, debaixo das rodas dun camión, atropelada mentres pedalea. E que se decata -e ofrécelle un lapote a quen no o sabe- de que o traballo que fixo ela é como o que fixeron moitas outras. Dixo o xurado do poemario que este era un libro “feminista”. Posto, supoño, na boca dunha muller maior que se decata do pequenos que somos, ante a morte e ante a propia vida: non somos tan especiais. Estás de acordo con que pode entenderse como un poema feminista? Como é esa voz poética, como a construíches?
Xa me gustaría ser feminista. Hai un aspecto de feminismo de amplo espectro que si, imaxino que estou aí: se me preguntan se me considero feminista digo que si, abofellas. Pero é tamén para min imposible ser feminista no sentido de que son un varón, e de que o meu papel debería ser estar calado, pórme na parte de atrás, e non facer nada máis ca un labor de zapa, actuando nos ámbitos masculinos, e facendo no espazo público o que me digan as mulleres feministas, cando mo digan e como mo digan. Esa contradición da que falabas antes entre dicir e non dicir é, sobre todo, unha contradición feminista. Digo algo, pero en realidade non debería dicir nada, porque os varóns xa estamos todo o tempo a dicir cousas, e o ideal sería que calásemos.
"Os varóns xa estamos todo o tempo a dicir cousas, e o ideal sería que calásemos"
O de non sermos especiais é tamén unha cuestión biolóxica. Creo que hai moito de paisaxe no sentido de pórmonos en perspectiva, de relativizar a nosa importancia se a comparamos coa duns gansos que fan todos os anos Escocia-Grenlandia dúas veces, movidos polo seu propio esforzo físico. Por exemplo. Non sei se tanto o de “muller maior”. Se cadra si, e vou vello. O de "construír a voz poética”… non entendo moi ben a pregunta. Vouche responder algo, e ti xa decides se che vale ou non che vale. Teño claro que eu, como varón, branco, occidental, de mediana idade e relativamente educado, non debería estar a dicir nada. Así que se quero conseguir o premio teño que limar as miñas contradicións dalgunha maneira -seguen estando aí, obviamente-. Tamén creo que, incidindo no sentido feminista do libro do que falabas antes, o binarismo é algo a ir reducindo ou desaparecendo, legal, moral e esteticamente. Así que diría que a “voz poética” é gramaticalmente feminina. E é, sen dúbida, ciclista.
"O binarismo é algo a ir reducindo ou desaparecendo, legal, moral e esteticamente"
En todas as viaxes en bicicleta, a voz poética fala da paisaxe. Mais hai como un intento de tomar distancia respecto da idealización nostálxica da paisaxe, quizais do lugar da infancia. Ao mesmo tempo que unha necesidade de marchar (coller a bici) e deixarse levar por esa mesma paisaxe. Iso faime pensar na paisaxe na literatura galega e na maneira en que os poetas máis novos comezaron a relacionarse, quizais, con ela, dunha forma diferente. Pode haber algo diso no teu libro?
Si. A nostalxia paréceme extremadamente ruidosa, vaidosa. Creo que hai moito contra a nostalxia, e contra a expresión pública desa nostalxia. Merda de morriña. Con respecto ás poetas máis novas… desgrazadamente non leo suficiente como para opinar así, en xeral. Pero tamén vivo nun mundo onde esa fractura entre o rural e o cidadán non existe da maneira, real e simbólica, que existe en Galicia. Onde as cidades teñen natureza por todas as partes e, no fondo tamén, onde a cidade colonizou todo o espazo. Non me recoñezo nesa fractura entre cidade e rural. Pero si é moi importante na miña vida a natureza, o espazo físico, a observación de aves e plantas, etc. Con todo o aprezo que lle teño aos seres humanos, a natureza non-humana paréceme máis interesante.
"Creo que hai moito contra a nostalxia, e contra a expresión pública desa nostalxia. Merda de morriña"
Se cadra este poemario non sería posible, ou sería diferente, se non fose pola túa propia afección ao ciclismo -e ao deporte en xeral-.“I love urban cycling and, although I do cycling holidays now and then, my main cycling activity is commuting: around 2,000 miles cycled every year”, di a túa web. En que medida cres que o poemario é froito desa experiencia túa? Ao mesmo tempo, o teu libro fíxome pensar en A Diagonal dos Tolos de Santiago Lopo e, claro, en Do que estou a falar cando falo de correr de Murakami. Pode ter algunha relación con estes ou con outros libros nos que unha longa carreira é o cerne?
Hehe… Isto é complexo de contestar. Por unha banda, este libro nace dunha experiencia ciclista. A finais do ano pasado, ademais doutros traballos, decidín empezar a repartir comida en bicicleta -crise dos corenta, pracer ciclista, experimentación laboral, curiosidade por novas formas de economía…-, e cheguei a ese mundo cunha visión chea de prexuízos. Por exemplo, non llo contei á miña familia ata estes días, e vaia disgusto! Así que me dixen a min mesmo que, se ía descender aos “infernos" laborais, polo menos tirar de proveito unha experiencia creativa. Ao final non hai tanto diso -algo si- no libro, pero se non existise na miña cabeza ese reto, esa especie de penitencia, nunca chegaría a escribir este libro.
"No noso mundo intelectual, nun sistema literario construído en base a xantares de botelo máis ca de partidos de baloncesto, falar de bicicleta é xa case revolucionario"
Pero despois está tamén a actividade física: no noso mundo intelectual, e literario especialmente, que é un sistema literario construído en base a xantares de botelo máis ca de partidos de baloncesto, falar de bicicleta é xa case revolucionario. Mais claro, para min hai matices: descoñezo a obra de Lopo -heina mercar axiña-, pero Murakami fala dun esforzo atlético moi concreto, o da maratón, que ten valores humanos e físicos moi distintos do que me reporta a min o ciclismo de diario. A bicicleta d’As bicis non é unha carreira, nin un esforzo de resistencia. Nin un levar o corpo a ningún límite físico nin competitivo. Está máis próximo, e meu deus desculpa a pedantería, por favor, do paseante de Rousseau ou dunha autora escocesa in-cri-ble que é Nan Shepherd, onde hai unha actividade física non competitiva e que ten lugar na paisaxe.
Hai pouco coñecéronse os últimos datos do descenso da edición en Galicia, un sector que desde aquí tendemos a valorar ao peso, -por número de títulos, tiraxes…-, sen ter en conta a que tipo de lector chega e por que. Falaba disto hai pouco con Marcos Calveiro: se a base lectora segue a ser tan cativa e as políticas públicas se orientan máis a garantir a publicación de libros que a crear lectores, o resultado van ser escritores frustrados. Que pensas ti diso? (Como liberal, seguramente non o mesmo que a maioría…:) Cara onde tiñan que orientarse estas políticas?
Haha! pero non me tires polo fío liberal, porque che deixan de ler a entrevista aquí... Se subo ao monte liberal, diría que non debería haber practicamente políticas públicas de promoción editorial e que iso débeno facer as empresas, ou os cidadáns auto-organizados, e xa. Creo que se imaxinásemos un mundo sen poderes públicos teríamos máis claras as prioridades: onde temos que investir realmente, como cidadáns, para salvar o noso. Se se pode salvar. E se non se salva, pois mala sorte. Tamén desapareceron os romanos e se non desaparecesen non estariamos nós aquí co galego para arriba e para abaixo. Dito isto, eu preferiría que se salvase. Pero sen dramas. Creo que a literatura en libros é un produto cada vez menos central, en todo caso, e paréceme que iso tamén está ben.
"Tamén desapareceron os romanos e se non desaparecesen non estariamos nós aquí co galego para arriba e para abaixo. Dito isto, eu preferiría que se salvase. Pero sen dramas"
Volvendo ao que me preguntas, é importante que haxa un público que aprece produtos culturais máis diversos, pero é importante tamén a creación: ou sexa, e agora si indo a Murakami, é máis importante que a xente saia á correr ás tardes que que Ana Peleteiro gañe unha medalla nos Xogos de Toquio. Polo tanto, que os galegos escriban e escriban e publiquen e publiquen é xenial, porque estimularán a súa creatividade e serán mellores persoas. Pero ti vas ver xogar os nenos de sete anos ao fútbol os domingos e están os pais insultando os árbitros e os fillos como se estivesen a piques de gañar o Mundial. E neste caso o uso do masculino é plenamente consciente. O esforzo é importante, pero a xestión das expectativas tamén.
Lembro que tamén interviras no debate sobre o xeito de contratar actores do CDG. Xa sabes o que pasou. Nese eido -o do teatro- lévase tamén moitos anos cos mesmos discursos sobre a falta de compromiso dos gobernos -o cativo apoio á distribución, a ausencia de sistema de residencias, os teatros e auditorios que permanecen a maior parte do ano pechados, etc- Desde fóra, como ves esas reivindicacións de máis axuda por parte da administración á cultura? (Teatro, audiovisual, libro…) Quero dicir, pensas que están ben enfocadas?
Pois non o lembro, pero son unha desmemoriada, e pode ser que teñas razón. Xa respondín antes unha miga: calquera política de intervención, por moi ben intencionada que sexa, acaba por producir efectos indesexados. Eu preferiría unha menor intervención gobernamental e unha maior autoorganización dos cidadáns, pero, xa que o mundo é socialdemócrata, gustaríame que polo menos fose variado: ou sexa, o mantemento das mesmas políticas durante anos e anos fai que sexa aínda peor o efecto intervencionista. Por iso creo que é moi positiva a alternancia política, e que solucións máis pequenas e máis portátiles son mellores ca mangallóns culturais. E máis xustas coas xeracións que virán.
"Eu preferiría unha menor intervención gobernamental e unha maior autoorganización dos cidadáns"
Aínda que o teu poemario fala -tamén- do ruído que atravesa internet, a túa propia experiencia laboral ten moito que ver con internet, a creación de contidos web… Salientas na túa web persoal -entre outras moitas cousas, como o teu interese pola economía colaborativa- que colaboraches bastante por exemplo coa Wikipedia en galego. Cando saen datos sobre a presenza do galego en internet, adoitamos facer lecturas optimistas… Como ves ti a situación ao respecto?
Levamos nonseicantas preguntas e esta é a primeira resposta fácil. O galego na rede véxoo ben. Creo que ten unha presenza nalgúns ámbitos mesmo maior do que lle correspondería por poboación presente en internet. E, desculpa, que vou meter a cuñiña pero tamén por culpa túa, que iso é en parte grazas a que a intervención gobernamental neste eido é escasa. En sectores como o dos medios de comunicación tradicionais -prensa, por exemplo-, onde o impacto do diñeiro público é bestial, a presenza do galego é ridícula.
"O galego na rede véxoo ben. Creo que ten unha presenza nalgúns ámbitos mesmo maior do que lle correspondería por poboación presente en internet"
E por certo, Terá as túas balas é unha novela negra en galego publicada cando aínda non estaba tan presente coma agora este xénero na nosa narrativa. Tes algunha hipótese sobre o motivo dese desenvolvemento do xénero? Como nacera este libro? -Que non ten moito que ver con As bicis-.
Non coñezo sobre o xénero negro, e menos en galego, como para opinar diso. Síntoo. O libro de Terá as túas balas naceu no seu día porque tiña un pouco de tempo libre e había un concurso. Basicamente o mesmo nacemento có destas Bicis. E ademais tamén daquela o limiar de caracteres para presentarme era asumible para o tempo que tiña libre. Hai anos que non o leo. Non quedei con ningún exemplar, e a verdade é que… non o teño moi presente. Se cadra quedáronme pegadas cousas daquel libro no córtex tamén, e reabrollaron aquí.
Algo máis que queiras salientar de As bicis ou doutra cousa? -O teu traballo como tradutor do inglés ao galego, por exemplo-.
De certo dixen demasiado. :D :D