Brexit: Boris perde o Parlamento e Reino Unido prepárase para eleccións

Boris Johnson, durante o debate sobre o Brexit o 4 de setembro © Commons Press Office

Boris Johnson ostenta o pouco envexable mérito de non ter gañado unha votación no Parlamento desde que foi nomeado como primeiro ministro. En todos os envites cos que lidou esta semana en Westminster saiu derrotado, poñendo en serio perigo o seu goberno e propiciando a convocatoria de eleccións este ano.

Boris Johnson ostenta o pouco envexable mérito de non gañar unha votación no Parlamento desde que foi nomeado como primeiro ministro

A oposición, en alianza con 21 conservadores críticos, está a un paso de converter en lei unha proposta que obrigaría a Boris a solicitar á UE un adiamento do Brexit de tres meses. A iniciativa aínda ten que pasar o filtro da Cámara dos Lores, pero de ratificarse, suporía un duro golpe e unha humillación para Johnson, que prometera saír da UE ou morrer para o 31 de outubro.

O desacato da liña oficial do partido dos deputados conservadores tivo como consecuencia a súa expulsión do partido. E non falamos duns calquera. Algúns dos purgados, como Phillip Hammond, ostentaron postos de moito poder até hai un mes no Goberno de Theresa May, como a carteira de Facenda. 

Jeremy Corbyn intervén no debate sobre o Brexit nos Comúns © Commons Press Office

O martes, antes da propia votación, Boris xa perdera de forma matemática a feble maioría parlamentaria que sustentaba o seu Goberno, ao desertar ao partido Liberal Demócrata o deputado ex-conservador Phillip Lee.

O premier tentou saír ao paso da emboscada da oposición propoñendo unha convocatoria de eleccións anticipadas para o 15 de outubro, dous días antes da cimeira na que está previsto que chegue a acordo con Bruxelas, pero o Parlamento tumboulle a iniciativa.

Ninguén na oposición quere dar luz verde a uns comicios en outubro antes de que se confirme que o Brexit se estenderá tres meses máis

Ninguén na oposición quere dar luz verde a uns comicios en outubro antes de que se confirme que o Brexit se estenderá tres meses máis. Para convocar eleccións, Boris precisa o apoio de 2/3 do Parlamento, pero a data é cousa do Goberno exclusivamente. Dado o seu historial de bandazos, moitos na oposición ( e no seu partido) sospeitan que Boris podería poñer a data das eleccións para despois do 31 de outubro, é dicir, despois do Brexit, a pesar de que agora se compromete a facelas o 15 de outubro.

Dado o goberno non ten unha maioría parlamentaria que o sustente, a lóxica fai pensar que teremos eleccións nos próximos meses. Algúns xornalistas da prensa británica aseguraron que, se se confirma que o Brexit se estenderá tres meses máis, o líder laborista, Jeremy Corbyn e o Scottish National Party, non verían con malos ollos unha convocatoria a mediados de outubro. Outras voces dentro da oposición cren que sería mellor agardar a novembro e deixar que Boris pase a humillación ante o seu electorado de solicitar unha extensión.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.