Crise sen precedentes entre o Reino Unido e a UE tras a dura derrota do plan de May para o Brexit

May, intervindo durante o debate no que foi rexeitado o acordo do Brexit © UK Parliament / Jess Taylor - Mark Duffy

Theresa May sufriu unha derrota histórica no Parlamento británico, que rexeitou o acordo do Brexit alcanzado entre a primeira ministra e Bruxelas deseñado para tentar evitar que Reino Unido acometese unha saída da Unión Europa de maneira desordenada e radical, sen pacto. O "mellor acordo posible", tal e como o cualificaron insistentemente o goberno británico e a Unión Europea, non logrou convencer á maioría na Cámara dos Comúns.

O rexeitamento parlamentario ao acordo formulado por May tornou "na peor derrota dun goberno na historia moderna" do Reino Unido

A primeira ministra non conseguiu os 318 votos que necesitaba: 432 parlamentarios votaron en contra do acordo e só 202 o defenderon, tornando esta votación na peor derrota dun goberno desde os anos 20, "a peor derrota dun goberno na historia moderna deste país", como repetiron os xornalistas durante a cobertura das votacións. Dos 317 parlamentarios conservadores, 118 votaron en contra do documento negociado pola súa propia líder.

E agora, que? É o que se preguntan todos os implicados. Retirar o Brexit? Pedir un adiamento da saída da UE? Un novo referendo? Eleccións? Brexit sen acordo?

Os grupos do Parlamento Británico comunican o resultado da votación sobre o Brexit © UK Parliament / Jess Taylor - Mark Duffy

O primeiro será a moción de confianza presentada polo laborista Jeremy Corbyn.  "Así os parlamentarios poden expresar a súa visión sobre a incompetencia do Goberno", sinalou Corbyn ao anunciar a moción. May confía en superar este primeiro obstáculo e os seus socios de goberno do Partido Unionista Democrático, aínda que votaron en contra do acordo, confirmaron que apoiarán á primeira ministra na moción de censura.

Se May logra manterse no Goberno, terá tres días laborables para volver ao Parlamento cunha nova proposta. A primeira ministra tiña inicialmente 21 días para facer unha declaración sobre as súas futuras intencións e sometela a votación, pero unha emenda aprobada a semana pasada reduciu ese período en 18 días.

"É o momento de que Reino Unido nos diga os seguintes pasos, e da UE permanecer unida e determinada para alcanzar un acordo"

A primeira ministra asegurou que manterá conversas cos outros partidos "para ver que solución pode ser aceptable". Tamén afirmou que volverá á UE para considerar novos plans. "O resultado dinos o que os parlamentarios non queren, pero non o que si queren", afirmou May tras coñecer o resultado da votación.

A pesar de que a UE insistiu nas últimas semanas en que este é o único acordo posible e que non haberá renegociación do texto, apenas unhas horas despois do rexeitamento parlamentario en Londres, o negociador xefe da Comisión Europea, Michel Barnier, deixou unha porta aberta: "É o momento de que Reino Unido nos diga os seguintes pasos, e da UE permanecer unida e determinada para alcanzar un acordo". Barnier reuniuse a última hora da noite do martes, tras a votación en Londres, coa comisión especial do Brexit no Parlamento Europeo.

Corbyn diríxese a May durante o debate sobre o Brexit © UK Parliament / Jess Taylor - Mark Duffy

A situación é similar á vivida o mes pasado, cando Theresa May esquivou o desastre atrasando a votación ante unha derrota inminente e tentou gañar tempo para conseguir novas concesións de Europa e convencer aos parlamentarios. "É o único acordo. É o mellor acordo. Non imos renegociar", foi a resposta de Europa daquela.

Juncker admite un incremento do "risco dunha retirada desordenada do Reino Unido"

O presidente da Comisión Europea, Jean-Claude Juncker, difundiu un comunicado no que afirma que "por parte da UE o proceso de ratificación do Acordo de Retiro continúa. O acordo é un compromiso xusto e o mellor posible. Reduce os danos causados polo Brexit para cidadáns e empresas en toda Europa. É a única forma de garantir unha retirada ordenada do Reino Unido da Unión Europea. O risco dunha retirada desordenada do Reino Unido aumentou co voto desta noite. Aínda que non queremos que isto suceda, a Comisión Europea continuará o seu traballo de continxencia para axudar a garantir que a UE estea completamente preparada. Insto o Reino Unido a aclarar as súas intencións canto antes. O tempo remata".

Irlanda do Norte, clave

O principal obstáculo para a aprobación do acordo foi a denominada cláusula de 'salvagarda', que tiña por obxecto evitar a creación dunha fronteira dura entre Irlanda e Irlanda do Norte. Esa 'salvagarda' contemplaba que Reino Unido permanecese na unión aduaneira e que Irlanda do Norte tamén estivese aliñada con certas normas do mercado único ata que Londres e Bruxelas presentasen unha solución alternativa para a fronteira ou ata que establecesen unha nova relación comercial entre ambas as partes. Esta cláusula dificultaba a Reino Unido a saída da unión aduaneira e do mercado único europeos, unha das principais promesas do Brexit.

"O Goberno está disposto a buscar solucións creativas e estará encantado en seguir traballando en relación a ese asunto en particular [a salvagarda]", sinalou a primeira ministra momentos antes de que se votase unha emenda sobre a moción definitiva que avogaba por que Reino Unido puidese pór fin de forma unilateral ao backstop.

Bandeiras do Reino Unido e da UE na sede da Comisión Europea en Bruxelas Dominio Público Comisión Europea

Problemas para cambiar a data de saída

Se May perde a confianza, cae o Goberno e Reino Unido encamiñarase a unhas eleccións anticipadas que previsiblemente podería gañar o líder laborista, Jeremy Corbyn. Pero dificilmente cunhas eleccións polo medio podería seguir vixente o 29 de marzo como data de saída.

As eleccións europeas do 26 de maio, convocadas sen o Reino Unido, reducen a marxe para un atraso da saída

Theresa May quere manter esa data. Entre outras cousas porque non hai moita marxe para pospor a saída. Por que? Porque o 26 de maio hai eleccións europeas e están convocadas sen Reino Unido e cunha repartición de escanos que exclúe a Reino Unido e, como dixo este martes en Estrasburgo o líder da PPE no Parlamento Europeo, Manfred Weber, "non ten sentido que deputados electos dun país que está a marchar da UE poidan condicionar o futuro próximo da UE".

Outras posibilidades

Que outras alternativas hai á marxe de que caia May se perde a censura ou que pacte coa UE pospor a saída uns meses? Ademais de que as fontes británicas e a propia primeira ministra teiman en que a data é o 29 de marzo e que o que ten que facer o Parlamento é dicir "que quere", hai outras posibilidades.

Por exemplo, retirar o artigo 50. É dicir, retirar a solicitude de retirada de forma unilateral, algo que validou a Corte de Xustiza Europea recentemente e que facultaría o Goberno británico a deter en seco o proceso. Esta hipótese, en principio, non está sobre a mesa de May.

Pero se non se retira o artigo 50 e non hai maneira de atopar un acordo que satisfaga os deputados, como parece, o seguinte é ir a un Brexit sen acordo. E, xusto antes de saltar ao baleiro, que o medo resucite un acordo morto. Ou, pola contra, que Reino Unido e a UE salten da man ao baleiro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.