"Non é descartable outro referendo que bote atrás o Brexit"

Manifestación a prol da permanencia na UE, en Londres CC-BY Sam Greenhalgh

Doutor en Dereito e licenciado en Ciencias Políticas e da Administración pola USC, Celso Cancela imparte docencia de Dirección Pública e Liderado Institucional na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo e é titular da Cátedra Jean Monnet Understanding the EU in the 21st century, concedida pola Comisión Europea para o período 2014-17. Experto na Unión Europea e membro activo do IGADI, aborda nesta entrevista as causas e posibles consecuencias do Brexit. 

Sorprendeulle o resultado do referendo sobre o Brexit?

Sorprendeume. Pensaba que, habendo un compromiso pola permanencia por parte do Executivo británico, de moitos medios, empresas e grupos de presión importantes, a balanza acabaría inclinándose cara ao Remain. É certo que había división nos partidos, especialmente no Conservador, ou que había xornais posicionados a prol do Brexit, pero o resultado foi unha sorpresa. 

Cre que houbo un exceso de confianza entre os partidarios da permanencia, pouca mobilización na campaña?

Visto desde aquí, parece que algunha das forzas políticas máis relevantes do Reino Unido non lle concedeu a importancia que terían que terlle concedido, nomeadamente no Partido Laborista. De todos os xeitos, debemos ter en conta que, a diferenza do que estamos afeitos en España, as divisións internas son comúns en todas as formacións británicas, tamén neste tema. No continente adoitamos observar unha disciplina militar nas posicións dos partidos, pero alí non. Hai unha enorme tolerancia coas diferentes posturas nas organizacións partidarias, aínda que é obvio que iso provoca consecuencias graves nelas, como se está a ver. 

"Algunhas forzas políticas relevantes non lle concedeu a importancia que tiña ao referendo do Brexit"

Sendo unha situación tan novidosa na UE, cales serán as consecuencias a curto prazo?

Inténtanse facer paralelismos, mesmo co caso de Groenlandia nos 80, pero non hai antecedentes porque as consecuencias e os cambios nunca foron desta magnitude. A curto prazo, a discusión está entre os que meten présa ao Reino Unido para activar o artigo 50 do tratado e notificar formalmente a saída e os que prefiren contemporizar e deixar que pasen os meses, ata que Cameron marche. Axiña, de formalizarse a marcha, haberá cambios profundos nas institucións. Por exemplo, ata 2019 non haberá eleccións ao Parlamento Europeo, pero haberá que ver se os parlamentarios británicos van continuar na Eurocámara. As votacións no Consello da Unión tamén se alterarán porque o Reino Unido é un dos grandes e se eses votos deixan de computarse, trastocaríanse os equilibros cos que se viña traballando. Cae un voto ponderado e altéranse as mecánicas de funcionamento. 

E a medio e longo prazo?

No plano económico, as consecuencias son moi importantes, como é obvio. Hai que ver como recompón o Reino Unido as súas relacións con outros actores como os EUA ou Rusia... Hai que ver tamén como vai reaccionar es nova UE dimiuíad a 27. Non é a saída dun membro calquera, é un dos Estados máis importantes economicamente e as afectacións no comercio serán moi grandes.

"Reino Unido quere preservar a libre circulación de mercados, servizos e bens e limitar a de persoas; é volver ao que promovía nos 50"

Acabará por pecharse o mercado libre entre a UE e o Reino Unido tal e como o entendemos agora?

O Reino Unido parece estar a favor de que se preserve a libre circulación de mercados, servizos e bens para tratar de establecer limitacións ou condicionantes á libre circulación de persoas. Lembra un pouco á lóxica inicial, a aquela idea que o Reino Unido promoveu nos 50, a da Asociación Europea de Libre Comercio: seguir comerciando e disminuír todas as estadas, tal e como explicaron os defensores do Brexit, que din estar fartos da lexislación de Bruxelas e manifestan o seu temor a un federalismo europeo. Prescindir deses alicerces político-institucionais e quedar co mínimo, que non é nin máis nin menos que o que propuxeron desde hai tempo e que inspirou a súa situación ante Europa desde o seu ingreso. Niso sempre foron francos e non enganaron a ninguén. Sempre foron favorables a políticas de tipo liberal, de privatizacións... Pero iso tamén permitiu avanzar Europa desde os 80. 

"Reino Unido sempre se opuxo ao federalismo europeo e foi franco e nítido, aínda que ninguén esperase que acabase por romper"

O Reino Unido sempre foi moi escéptico, nunca partillou esa idea federal de Europa...

De feito, foi favorable á ampliación da UE ao leste, pensando que cantos máis, peor. En definitiva, que así máis se ía diluír ese proceso federalizante que apadriñaba o eixo franco-alemán. A súa liña política dentro da UE é franca e nítida, aínda que obviamente non se esperaba que acabase por romper. O Reino Unido podería ter seguido na UE mantendo esa liña, igual de respectable que a que teñen os países nórdicos, porque é esa diversidade tamén a que permite avanzar a UE. 

No entanto, parece evidente que os partidarios do Brexit apelaron ao sentimentalismo, á identidade e mesmo á xenofobia en moitos casos.

Non hai dúbida de que o elemento da inmigración foi clave. Recuperaron ese discurso de hai anos do fontaneiro polaco e argumentos, non sei si xenófobos, pero si de control da inmigración. O Brexit botou man deses aspectos máis sentimentais que permiten explicar a pegada que tivo a súa mensaxe e que esta chegase a certos sectores da poboación. Non me atrevo a cualificalo de xenofobia, pero si de apelación a aspectos moi básicos e elementais, ese tópico de "vas quedar sen traballo porque nolo quitan os de fóra". Desde logo, non o xustifico, pero parece ata lóxico que nun referendo se apelen a elementos moi emocionais para mobilizar un electorado e desmobilizar outro. 

"A campaña do Brexit apelou ao sentimental e sempre levou a iniciativa; a boa hora se acordaron no outro lado de mobilizarse"

Os partidarios do Remain parecen mobilizarse agora...

Acórdanse de Santa Bárbara cando trona, por apelar ao refraneiro. Tal e como se pode comprobar cos millóns de sinaturas recollidas para intentar outro referendo, hai moita xente que se está a decatar agora do que supuxo non implicarse ou mesmo non ir votar. A boa hora se decataron de que tiñan que participar e mobilizarse. Nese sentido, a campaña do Brexit foi un éxito porque levaron a iniciativa. E apoiouse nese euroescepticismo, non antieuropeísmo, que no Reino Unido nunca se ocultou a ninguén. 

É este o final da UE tal e como a coñecemos?

Creo e agardo que non. Hai dous actores que seguen a ser centrais: Francia e Alemaña. En función de cal sexa a súa reacción nestes días dependerá moito o futuro. O que non farán é quedar de brazos cruzados. Logo haberá tamén que ver como reaccionan as institucións europeas, nomeadamente o Parlamento, o único órgano con lextimidade democrática. Dalgún xeito, o referendo británico colócanos diante dun espello, fai que nos preguntemos como queremos ser no futuro. Queremos ser unha Europa federal? Unha UE con un núcleo duro de Estados?

"Se cadra camiñamos cara a un núcleo duro de Estados integrados e outros pivotando arredor"

Núcleo duro de Estados?

Se cadra é cara a onde camiñemos. Un núcleo duro de Estados, de integración dura, que probablemente sexan os da zona euro. E logo outros pivotando arredor destes que, na medida que este núcleo teña capacidade de integración, acabaranse unindo. O Brexit non era unha preocupación hai uns anos porque todo o mundo pensaba que a UE estaría conformada da mesma maneira moito tempo, pero a crise, a condicionalidade macroeconómica, os problemas na zona euro, a afectación cara a outros Estado... Todo isto fixo agromar moitas reticencias. 

Que consecuencias importantes pode ter o Brexit para Galicia e para España?

É moi chamativo que aínda non escoitara ningunha institución galega manifestarse sobre como nos afecta; e hai sectores que van ver moi afectados, como a pesca. Se o Reino Unido concreta a súa saída volverá recuperar o control sobre as súas augas, sobre a súa zona económica exclusiva e iso para a frota galega vai ter consecuencias. Non me atrevo a dicir que estas serán negativas, aínda que si parece, pero o que é claro é que este sector vaise ser afectado. Para o conxunto do Estado, o turismo parece que será o máis influenciado, pero non me parece que neste sector a influencia sexa moi grande a curto prazo. Non podemos dramatizar e pensar que imos levantar un novo muro de Berlín agora. Poderá haber algún tipo de papeleo máis, de control, pero non albisco grandes cambios. 

"É moi chamativo que ningunha institución galega dixese nada aínda de como nos afecta o Brexit; hai sectores como a pesca que van sufrir as consecuencias"

O que si parece que pode cambiar, e moito, é a propia configuración do Reino Unido.

Paradoxalmente, un referendo concibido para a política europea, ten provocado do uns tremendos efectos sobre a propia configuración do Reino Unido. En Escocia a posición é moi forte e xa coñecida, expresada tanto pola presidenta como polo SNP. Pero non nos esquezamos de Irlanda do Norte, onde hai unha división entre os unionistas, partidarios do Brexit, e a parte católica, moi favorable á permanencia. Parece claro que son maioría os que non queren unha reedificación da fronteira entre as dúas Irlandas, pero agora isto non xorde dun conflito político-relixioso, senón polas cousas de comer, por así dicilo. Desde a pacificación de 1998, houbo moitas persoas que fixeron vida entre unha e outra Irlanda e a fronteira xa desaparecera. É lóxico que se poña enriba da mesa a posibilidade de reunificar Irlanda ante esta nova situación. 

Se tivese que apostar, cre que o Reino Unido acabará tendo un estatus como Noruega, máis integrado, menos...

Non debemos esquecer que, no caso de materializarse o Brexit, hai un prazo mínimo de dous anos de negociación, pero esta pódese acordar a máis anos, a cinco ou a dez. Non olvidemos que cando un Estado se incorpora á UE ha períodos de transición longuísimos, como ocorreu con tantos países. Démoslle a volta: igual que hai períodos de transición para incorporarse, tamén os haberá para a desconexión do Reino Unido. 

"Igual que hai períodos de transición para incorporarse á UE, tamén os haberá para a desconexión do Reino Unido"

Pero que cre que pasará?

De concretarse a saída e activarse o artigo 50, ben seguro que se activarán tamén períodos de transición. Hai todo un acervo comunitario que se aplica no Reino Unido desde hai décadas que non se vai desactivar de un día para o outro. Non vai ser inmediato, nin en tres, catro ou cinco anos, porque as consecuencias económicas e comerciais son enormes. Pensemos tan só en todos os acordos comerciais que a UE asinou con outros Estados ou bloques comerciais. Teranse que renegociar e a outra parte igual non fai as mesmas concesións ou non trata do mesmo xeito a un Estado que acaba de saír da UE... A complicación é enorme. Pero hai outro escenario. 

"Non é descartable que se deixe pasar o tempo, non se active o artigo 50 e se volva convocar outro referendo"

Cal?

Que se deixe enfriar o resultado do Brexit, que se deixe un tempo para que asuma o novo primeiro ministro e que non se active o artigo 50 e se volva convocar un novo referendo; esperando, claro está, un resultado diferente. Non sería un escenario descartable, máis vista a actitude inicial de Cameron e as declaracións de líderes europeos como Angela Merkel. Non descubro nada se digo que hai que prestar moita atención aos movementos de Alemaña, por moito que Francia e Hollande se puxesen nunha posición máis dura e contundente para forzar a saída. Hai estas dúas posibilidades e calquera das dúas pode darse. 

Celso Cancela Outeda © Universidade de Vigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.