'Get back': radiografía teatral da emigración galega no Londres do Brexit

A obra represéntase este venres e sábado en Compostela e a finde que vén na Coruña © Marcos Pereiro

No Londres dos nosos días, ese Londres xa hostil do Brexit e do rexeitamento, cinco persoas coinciden no metro. Cada unha delas sube coas súas inquedanzas, coas súas présas, coas súas teimas. Diríxense cara ao seu destino, mais todo fica conxelado no momento en que o metro frea de golpe nun dos túneles, a medio camiño da rutina e de ningunha parte. Todos falan unha mesma lingua, mais non é o inglés. Catro deles son emigrantes galegos de diferentes xeracións. O quinto é o único inglés, mais conviviu cunha parella brasileira. Esta é a mecha de Get Back, a nova produción teatral de Eme2, está de xira e estes días fai parada en Compostela (este venres e este sábado ás 20.30 horas no Teatro Principal) e que os próximos venres 27 e sábado 28 de xaneiro recalará no Teatro Rosalía de Castro da Coruña. A peza -que retrata a emigración galega en Londres dende unha perspectiva crítica e interxeracional, empregando o humor como dínamo de transmisión- está protagonizada por Federico Pérez, Mercedes Castro, Tamara Canosa, Alfonso Agra e Miguel Guido.

“A parada do metro representa unha parada vital para estes personaxes, que se ven na obriga de reflexionar cara a onde van as súas vidas”, sinala Diego Ameixeiras

“A parada do metro representa unha parada vital para estes personaxes, que se ven na obriga de reflexionar cara a onde van as súas vidas”, sinala o escritor Diego Ameixeiras, quen é o autor que asina un texto no que se reúnen cinco personaxes ben diferenciados que resumen múltiples xeitos de sobrevivir á emigración e ao seu desarraigo. “Os personaxes responden a imaxes e modelos que temos asociados a distintos formas de emigrar, mais son tamén personaxes que transcenden a eses modelos”, adianta Ameixeiras

Deste xeito, Get back preséntanos cinco personaxes diferentes. Por unha banda, aparece en escena Iria (Tamara Canosa), personaxe que se achega ao tipo de emigración máis actual. Moza nova, con formación académica superior en bioloxía, que abandonou Galicia dous anos atrás na procura dunha vida mellor e que só acadou de momento contratos precarios. Pola outra banda, está o personaxe de Pepe (Alfonso Agra), empresario que chegou nos setenta noutra vaga de emigración e que sufriu as necesidades dunha orixe máis que humilde. Entre estes dous estremos xeracionais, achamos a Lu (Mercedes Castro), quen marchou a Londres nos anos oitenta fuxindo do pasado e non da precariedade, e a Rafa (Federico Pérez), informático que chega a Londres con bastante ilusión e non pouca candidez na procura de acadar un primeiro bo traballo. Xunto a eles, o único londiniense, o interpretado por Miguel Guido, que coñece a migración -tamén o galego- pola súa antiga parella, unha brasileira. “Responden a modelos e imaxes da emigración que temos, pero son personaxes de carne e óso que foxen dos grandes tópicos, como son a morriña ou o botar de menos o país”, explica Diego Ameixeiras.

 

Investigación e creación

Ameixeiras partiu do traballo de investigación previo realizado polo xornalista Camilo Franco, quen realizou unha serie de entrevistas en Londres a 15 emigrantes de diferentes perfís

Para escribir o texto, Diego Ameixeiras partiu do traballo de investigación previo realizado polo xornalista Camilo Franco, quen realizou unha serie de entrevistas en Londres a 15 emigrantes de diferentes perfís. “Nun principio, eu ía realizar un documental web -que está editado, pero aínda sen publicar- sobre a nova cara da emigración galega. Para acoutalo, escollín Londres porque reúne diferentes tipos de emigracións, hai xente de todas as idades”, sinala Camilo Franco.

Ese traballo de investigación que desenvolveu o xornalista e crítico teatral confluíu coas intencións de Eme2 que, na súa liña de produción, quería experimentar con novas sendas. “En Eme2 tiñamos o desexo de abordar unha produción dunha forma diferente, elixindo ademais o tema da nova emigración, enfocándoo dende o punto de vista galego nun momento, o actual, de grandes movementos migratorios. O punto de partida atopámolo no traballo que ía desenvolver en Londres Camilo Franco”, sinala Mercedes Castro, produtora e actriz de Get Back.

“En Eme2 tiñamos o desexo de abordar unha produción dunha forma diferente, elixindo ademais o tema da nova emigración, enfocándoo dende o punto de vista galego nun momento, o actual, de grandes movementos migratorios"

Ese material documental, conformado principalmente por entrevistas, pasóuselle a Diego Ameixeiras para que construíse o texto de Get Back. “Desa documentación que trouxo Camilo, creei uns personaxes de ficción que parten das persoas reais entrevistadas. É dicir, tómanse situacións e experiencias reais como punto de partida, para darlles un verniz realista”, sinala Ameixeiras, antes de engadir que o interesante deste proxecto a nivel creativo foi a súa natureza de “traballo en grupo”. “Partimos da idea orixinal de Camilo, despois formulamos os conflitos que nos podían interesar en reunións con Jorge Coira [director] e Víctor Duplá [axudante de dirección] e co elenco até que o texto tivo a súa forma final”, sinala Ameixeiras.

 

Debut de Coira

É ese o tipo de proceso, precisamente, que Eme2 quería emprender nesta nova produción na que, ademais, tamén se quixo mesturar distintos perfís profesionais. Así aparece no proxecto Diego Ameixeiras, que se ben publicou algunhas obras de teatro, cultiva en maior grao a narrativa. Ou Jorge Coira, coñecido pola súa traxectoria audiovisual, que se estrea na dirección teatral en Get Back. “A idea de incorporar a Coira nesta obra procedeu, en certo xeito, tempo atrás. Nunha ocasión Coira xa manifestara o seu desexo de dirixir teatro e estivemos a piques de realizar un proxecto que non saíu adiante”, sinala Castro, antes de engadir que a experiencia de contar con alguén do seu perfil resultou “enriquecedora”.

 

O Brexit  

Hoxe en día, falar da emigración en Londres é falar, irremediablemente, do Brexit, cuxa aprobación no referendo no mes de xuño de 2015 pillou ao equipo de Get back en plenos ensaios. “Houbo que incorporalo durante o proceso de construción colectiva do texto, durante as improvisacións que se fixeron durante os ensaios”, explica Castro, recoñecendo así que ao equipo tamén lles sorprendeu, como a gran parte do mundo, a resposta afirmativa na consulta popular sobre a saída da Unión Europea. Algo, que asombrou especialmente os emigrantes que participaron no proceso de documentación de Camilo Franco. “As entrevistas foron previas ao referendo e, quizais, iso fai que o material quede agora un pouco desfasado. Non obstante, o Brexit estaba presenta nas conversas, peros sempre dende un punto de vista de incredulidade, non crían que fose saír adianta como finalmente foi”, sinala o crítico teatral.

O Brexit coouse en Get Back como un elemento máis desta comedia teatral que reflexiona ao redor das diferentes caras da emigración galega actual, nun Londres aínda incerto

Deste xeito, o Brexit coouse en Get Back como un elemento máis desta comedia teatral que reflexiona ao redor das diferentes caras da emigración galega actual, nun Londres aínda incerto e a través dun metro que frea de golpe, como a vida dos personaxes que van espindo as súas circunstancias nun momento crucial: o que sufrimos todos cando non temos claro cara a onde van as nosas vidas. Independentemente de onde teñamos que vivir, de onde estea o desarraigo, os asentos pegañentos dese vagón coñecémolo todos. Aínda que nas cidades que habitamos nunca vaia haber un metro a punto de saír.

 

Dirixida por Jorge Coira, foi escrita por Diego Ameixeras a partir dunha idea orixinal de Camilo Franco © Marcos Pereiro
'Get Back' é a nova produción teatral de Eme2 © Eme2
A obra está protagonizada por Federico Pérez, Mercedes Castro, Tamara Canosa, Alfonso Agra e Miguel Guido © Marcos Pereiro

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.