España logrou que Madrid acolla unha sede da UE tras o Brexit mentres ignorou a candidatura galega

Imaxe promocional da axencia europea que desenvolve o proxecto Galileo © European GNSS Agency

O Goberno de España celebrou este xoves como "gran noticia" o resultado dunha negociación no seo das institucións da Unión Europea. Os Estados membros veñen de decidir onde se ubicará un organismo comunitario que ata agora acollía a localidade británica de Swanwick, ao suroeste de Londres, e que dende 2019 ten que operar noutro punto do continente por mor da saída do Reino Unido fóra da UE. O resultado destas negociacións foi favorable á candidatura española e Madrid acollerá esta sede tras se impoñer a candidatura defendida polo Reino de España a outras sete. Isto é, tras realizar a xestión que non existiu coa suposta candidatura galega ao Laboratorio Europeo de Bivalvos.

A entidade que pasará a ter unha das súas sedes en territorio español é un dos organismos de apoio ao Centro de Monitorización da Seguridade de Galileo, o sistema europeo de navegación por satélite que compite no ámbito internacional co GPS dos Estados Unidos. Segundo a información difundida este xoves polos ministerios de Fomento e Defensa, "o escenario do Brexit fixo necesario reubicar o centro" noutro Estado membro dende marzo de 2019 e o Goberno español concorreu a un "proceso de selección" no que a súa proposta foi "a mellor valorada", por iso o organismo pasará a funcionar nunha das instalacións que ten en Madrid o Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (INTA), entidade estatal implicada no proxecto aeronáutico do Goberno galego en Rozas (Lugo).

Un dos centros do programa de navegación por satélite Galileo ata agora ubicado no Reino Unido pasará a funcionar en Madrid

O Goberno de Mariano Rajoy non aforra eloxios tras levar a bo porto esta "oportunidade para España", que "reforza así a súa participación nun dos programas estrela da Unión Europea". O Executivo central non aforra detalles sobre un proceso que, dados os feitos, resultou ser todo o contrario ao acontecido coa candidatura galega ao laboratorio de bivalvos, que non pasou de virtual.

Como veu informando Praza.gal, a posibilidade de que Galicia albergase o laboratorio de referencia da Unión Europea para o seguimento dos contaminantes virais e bacteriolóxicos dos moluscos bivalvos, cuxas competencias viña exercendo o británico Centre for Environment, Fisheries and Aquaculture Science, comezou a xermolar ao fío dun informe encargado pola Xunta sobre o impacto do Brexit no sector pesqueiro galego. A conselleira do Mar, Rosa Quintana, anunciou en xullo de 2017 no Parlamento que Galicia optaría a quedar con ese organismo e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, solemnizou esa aspiración o 24 de novembro, durante os actos do vixésimo quinto aniversario do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño, en Vilaxoán.

O Goberno español non só non fixo ningunha xestión ante a UE para que o laboratorio de bivalvos fose trasladado a Galicia, senón que xa sabía que o organismo ía pechar mentres a Xunta anunciaba publicamente a candidatura

No entanto, cando Quintana realizou o seu anuncio ante a Cámara o Goberno español non só non realizara ningunha xestión ante a UE para tentar trasladar o laboratorio a Galicia, senón que xa sabía que este organismo ía ser pechado ao abandonar o Reino Unido e as súas competencias, redistribuídas entre outras instalacións, entre elas un laboratorio que xa funciona en Vigo. Ademais, algo máis dun mes antes de que Feijóo proclamase a suposta candidatura galega en Vilaxoán, España xa votara a prol do peche nas institucións comunitarias.

Ao cúmulo de enredos e contradicións engadiuse o pasado decembro a versión oficial da UE sobre o acontecido, ofrecdia polo comisario de Saúde e Seguridade Alimentaria, o lituano Vytenis Andriukaitis, a preguntas do eurodeputado galego do PSOE, José Blanco. O Executivo comunitario, confirmou Andriukaitis, "non recibiu ningunha notificación ou petición oficial de ningún Estado membro a respecto da reubicación" do laboratorio de bivalvos. Daquela, a Xunta estivo a defender publicamente unha candidatura que o Estado -a quen lle correspondería tramitala- nunca defendeu para acoller un organismo que, tal e como coñecía o Goberno de España, ía pechar.

Fragmento do comunicado de Fomento sobre o centro do proxecto Galileo para Madrid Dominio Público Ministerio de Fomento

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.