No día en que foron publicadas cinco sondaxes que prevén unha cómoda maioría absoluta do PP e un gran crecemento do BNG, a súa candidata, Ana Pontón, fixo un chamamento dende Ferrol a "superar as enquisas" a través da mobilización do electorado. Pontón afirmou que "é posible superar a enquisas se todas as persoas que queren un cambio real se mobilizan de xeito masivo nas urnas da man do BNG". “Hai partido e saímos a por todas, saímos a ganalo para abrir un tempo novo e que por primeira vez Galiza teña un goberno liderado por unha muller e nacionalista na Presidencia”, dixo.
En Ferrol apelou a “sumar no BNG todo o voto nacionalista, galeguista, todo o voto de país, todo o voto inconformista"
A candidata do Bloque fixo unha apelación a “sumar no BNG todo o voto nacionalista, galeguista, todo o voto de país, todo o voto inconformista para que o 12 de xullo celebremos que deixamos atrás o pasado para abrir o futuro dunha Galiza na que vivir e traballar, con benestar social”. “Non se pode perder nin un só voto, que ningún voto do cambio galego se quede na casa”, reclamou, nun chamamento "á maioría social que quere deixar atrás once anos de decadencia e inmobilismo".
Ana Pontón afirmou que Galicia necesita un goberno "que non se limite a facer promesas que nunca chegan a nada"
Ana Pontón afirmou que Galicia necesita un goberno "que non se limite a facer promesas que nunca chegan a nada". “Non precisamos máis PEMEX en campaña”, dixo, senón "un goberno que faga valer os intereses do país que, na comarca de Ferrolterra, chámanse apoio ao sector naval, e chámase unha trasición enerxética xusta que non deixe tirados centos de empregos nas Pontes".
É impresentable que tras once anos de Goberno do PP, esta comarca siga cun hospital que non tivo ningún investimento, por contra, o candidato Feijóo non fixo máis que paralizar os proxectos de modernización", sinalou igualmente.
“Hai que superar nas urnas as décadas de goberno da dereita que representa Feijóo que nos deixa un páis esnaquizado, no económico e no social, cunha desertización industrial que avanza imparable e cun problema demográfico sen precedentes, que nos deixa unha Galiza sumida na irrelevancia política tras once anos de submisión a Madrid", engadiu.
A candidata do BNG amosouse crítica coa resposta dada dende a Xunta ao brote de coronavirus declarado na Mariña, acusando a Núñez Feijóo de "improvisación" e "escapismo"
A candidata do BNG amosouse crítica coa resposta dada dende a Xunta ao brote de coronavirus declarado na Mariña, acusando a Núñez Feijóo de "improvisación" e "escapismo". “Despois de pasar catro meses de comparecencias propagandísticas televisivas, para atribuírse méritos que lle correspondían ao conxunto da cidadanía, agora que ten todas as competencias e hai un problema na Mariña non comparece e manda ao conselleiro", denunciou. E, ao igual que fixera o sábado en Lugo, Pontón reclamou “un protocolo claro” que estableza como actuar e que medidas tomar para minimizar os efectos do rebrote porque “o máis importante é a saúde”.