A pandemia do coronavirus condiciona inevitablemente as eleccións do vindeiro 12X. Entre as súas múltiples consecuencias, unha das máis palpables é a mudanza nos mitins das formacións políticas, que á forza teñen que celebrarse con menos concorrencia de simpatizantes e en espazos máis amplos. As temperaturas deste atípico xullo propician que moitos deses escenarios sexan ao aire libre e, no caso do BNG, a elección para os seus mitins centrais están a ser prazas significativas, especialmente nas cidades, nas que a formación soberanista e a súa candidata, Ana Pontón, aseguran sentirse "imparábeis" cara á cita coas urnas.
Como vinte e catro horas antes en Pontevedra, este martes o Bloque tiña cita nunha praza histórica, a Quintana compostelá, especialmente simbólica para o nacionalismo galego dende os tempos do Partido Galeguista. Alí Pontón enfatizou o que xa sinalara no emblema pontevedrés na xornada previa: "Cada día que pasa son máis as persoas convencidas de que é posible un cambio real se enchemos as urnas de votos ao BNG" e "por iso o PP está nervioso", mantén. Ao seu xuízo, grazas á campaña do Bloque "a maioría social que hai un mes quería cambio, pero era escéptica, agora está convencida de que o cambio é imparable".
"O candidato do PP fala de que sería irresponsable suspender as eleccións na Mariña; o irresponsable é que minimice o brote e actúe con cálculos electoralistas", defende Ana Pontón
Ante a concorrencia "da miña cidade de adopción, a que elixín para que nacese a miña filla e dende a que me gustaría ter a honra de servir a Galiza como presidenta", Pontón advertiu ao electorado de que xa "nada podemos esperar" do Goberno do PP e do seu aspirante á reelección, "un candidato irresponsable que se esconde cando hai problemas". Agora, ao fío do brote da Mariña, Pontón lamenta que "o candidato do PP fale de que sería irresponsable suspender as eleccións" nesa comarca. "O irresponsable -cre- é que minimice o rebrote, que actúe con cálculos electoralistas e a súa falta de transparencia".
O modelo oposto, defende a líder do BNG, é o que ofrece a súa candidatura. "Galiza precisa unha presidenta que de a cara e diga a verdade e ese é o meu compromiso", así como o de "deixar atrás a submisión e a irrelevancia". Para iso, reiterou, a clave é "que ningún voto do cambio galego quede na casa". A cambio "non vos vou fallar, un goberno do BNG non lle vai fallar a este país porque temos un proxecto sólido, solvente, con principios e estratexia para a reconstrución do país".
A líder do Bloque asegura que, se goberna, "cumprirá con Santiago", a comezar por desenvolver o estatuto da capitalidade
No que atinxe a Santiago, Pontón defende que á capital galega tamén lle convén unha mudanza na Xunta. "Un Goberno liderado polo BNG vai ser aliado de Compostela, cumprirá con Santiago", asegura. Para comezar, di, "apoiando o desenvolvemento do seu estatuto de capitalidade, coa parte que lle corresponde tamén no relativo ao financiamento".
Plan de "reconstrución"
Pontón chegou ao mitin compostelán procedente de Vigo, onde debullara as propostas do programa económico do BNG que, di, necesariamente está encabezado pola iniciativa dun "gran acordo de país" pola "reactivación económica e social" fronte á crise do coronavirus. Neste sentido, reiterou a proposta de "duplicar o investimento en I+D+i en catro anos" e a creación co "plan de captación e retención de talento INNOGAL", semellante "aos que xa funcionan, con gran éxito, en Euskadi ou Cataluya".