En catro das dez xerais nas que a provincia de Lugo repartiu catro escanos, tres foron para os populares. Os socialistas apelan a todo o electorado "que se sinta progresista" para volver ao 2-2
As eleccións xerais de 2023 foron as décimas nas que a provincia de Lugo repartiu catro escanos no Congreso. Sucede así dende as de 1996, cando pola caída de poboación perdeu un dos cinco asentos que lle corresponderan dende a restauración da democracia.
En catro desas dez eleccións o PP logrou tres dos catro escanos lucenses e o PSdeG, o restante. Así aconteceu en 2023 e antes, en 2011, 1996 e 2000. Nos seis comicios restantes os populares levaron dous escanos e os outros dous foron para a esquerda. Ambos socialistas coa única excepción das xerais de 2015 e as repetidas en 2016, cando En Marea conseguiu o escano final en xogo.
[Así votamos nas Xerais en Galicia: máis votos para a esquerda, máis escanos para a dereita]
As provincias que reparten poucos escanos, como a lucense e tamén a ourensá, son observadas como clave polas forzas políticas cara ás eleccións xerais do 29 de novembro. No caso de Lugo, os populares teñen como obxectivo declarado reter o terceiro escano gañado en 2023, cando chegaran ao notabilísimo 50,24% dos votos. E os socialistas apelan á concentración do voto de esquerdas para regresar a un 2-2. Ambas vontades manifestáronse este pasado domingo á calor do polbo no peche do mes de San Froilán.
Rueda e Candia chaman aos seus a "ter a maquinaria engraxada" para reeditar na provincia a súa ampla vitoria de 2023 nun evento ao que a tránsfuga Reigosa acudiu como parte da "familia" do partido
Como é sabido, as festas lucenses celébranse do 4 ao 12 de outubro, pero as polbadas que as acompañan esténdense por todo o mes de outono. Populares e socialistas celebraron cadansúa este día 25; o PSdeG nunha das casetas do recinto feiral e o PP, nun hotel das aforas.
O evento do PPdeG estivo encabezado por Alfonso Rueda xunto á líder provincial e actual alcaldesa da cidade, Elena Candia, secundados pola secretaria xeral do partido, Paula Prado, e o seu presidente local, Ramón Carballo, así como polo delegado da Xunta na provincia, Alfonso Villares, entre outros cargos. Entre a concorrencia, a tránsfuga ex-socialista que o pasado maio entregou a alcaldía lucense a Candia, María Reigosa, aplaudida no evento pola dirección local polo seu papel na moción de censura e por ser xa da "familia".
Rueda di esperar que a altísima porcentaxe de voto dos PP de Lugo en 2023 se reedite en 2026 e chamou os seus na provincia a ter "sempre a maquinaria engraxada". Entre aplausos á censura no Concello, augurou que "o ano que vén teremos un novo presidente no Goberno de España, Alberto Núñez Feijóo". Candia, pola súa banda, asegurou que na campaña que vén "seguramente escoitemos cousas que non son certas" e por iso, advertiu, cómpre reiterar que "Feijóo é a mellor garantía para as nosas pensións, non as vai poñer en perigo".
Besteiro advirte a "todo o mundo que queira parar á dereita e á ultradereita" de que en circunscricións como a de Lugo "a papeleta que serve é a do Partido Socialista" porque, augura, "outras opcións non van chegar"
Dende as casetas, xunto aos cabezas de cartel socialistas a Congreso e Senado, coa presidenta da Deputación, Carmela López e tamén xunto a Miguel Fernández, quen aspira a retornar á alcaldía lucense en 2027, José Ramón Gómez Besteiro amosouse convencido de que o segundo deputado por Lugo volve estar "ao alcance" do PSdeG. E para iso, advertiu, cómpre que os socialistas se dirixan "a toda a xente que se sinta progresista". "
"Outras opcións non van poder chegar, pero poden dar o impulso que necesita a candidatura socialista", sinala Besteiro, a cuxo xuízo "todo o mundo debe ter claro que, se querer parar á dereita e á ultradereita, a papeleta que serve é a do Partido Socialista". Máis aínda que agora PP e Vox "xa non se cortan en dicir o que queren facer" en eidos como as pensións e ademais, en Galicia, "temos memoria e sabemos perfectamente o que fixo Feijóo aquí mentres gobernou" para interpretar promesas como as que agora realiza en materia de vivenda.