A Xunta Electoral de Zona abre proceso sancionador contra a actual alcaldesa lucense por contravir a lei cunha visita ás obras dun aparcadoiro co conselleiro Calvo e o comunicado oficial posterior, no que se gabou da súa xestión e atacou o goberno de PSdeG e BNG na cidade, tombado o pasado maio pola moción de censura do PP cunha edil tránsfuga
A Xunta Electoral de Zona de Lugo vén de abrir expediente sancionador contra Elena Candia, líder provincial do PP e alcaldesa da cidade dende a moción de censura dos populares canda unha tránsfuga ex-socialista o pasado maio. A autoridade electoral atende unha denuncia do PSdeG contra a conservadora polo acontecido na visita organizada polo Concello ás obras dun aparcadoiro o pasado 14 de outubro, período electoral por estar xa convocadas as eleccións xerais, na que estima que utilizou a institución e o cargo contra as forzas de esqueda que compuñan o goberno local ata a censura, os propios socialistas e o Bloque.
A XEZ, conformada por unha maxistrada e dous maxistrados, considera que Candia infrinxiu o artigo da lei electoral que prohibe no período electoral "calquera acto organizado ou financiado polos poderes públicos" que "conteña alusións ás realizacións ou aos logros obtidos", así como "realizar calquera acto de inauguración de obras ou servizos". E que o fixo por dúas vías: a visita ao futuro aparcadoiro disuasorio do polígono do Ceao xunto ao conselleiro Diego Calvo e varios edís e mais o comunicado divulgado ao respecto no sitio web do Concello.
No trámite de alegacións Candia esgrimiu que a visita "tivo por obxecto comprobar o estado dos traballos" e que as referencias alí feitas a outras obras municipais previstas "se refiren a actuacións anunciadas antes da convocatoria electoral". Pero a Xunta Electoral observa electoralismo no acto xa que adoeceu de "falta de toda concreción acerca do prazo ou concreta fase de execución da obra" e ademais, incide, se se tratase de "poñer en coñecemento das administracións participantes no seu desenvolvemento", non cumpriría "a visita presencial e, moito menos, a nota de prensa".
A Xunta Electoral coida que a popular foi "claramente contraria á debida neutralidade" institucional, ordena retirar a nota do web do Concello, que recorreu, e insta a Candia a "absterse de levar a cabo actos similares" ata despois das xerais. O PSdeG local ve "confirmado" que "utiliza o Concello como unha extensión do PP
Nesa nota o goberno do PP apoiado na edil tránsfuga destacaba en declaracións atribuídas a Candia que ese futuro aparcadoiro "permitirá habilitar 117 prazas" e "recuperar un espazo en desuso no que os anteriores gobernos do PSOE-BNG despilfarraron recursos públicos nun parque de enerxías alternativas que nunca chegou a funcionar". "Era un exemplo de obra do que non se debe facer", agregaba. Esa "comparativa", di a Xunta Electoral, é "claramente contraria á debida neutralidade" e por iso decide abrir expediente á actual alcaldesa, con independencia de que unha vez presentada a denuncia do PSdeG, o Concello dese en "suprimir algunhas partes" do texto publicado no web municipal pero non outras, como as referencias a "outros proxectos de aparcamentos", tamén "carentes de xustificación".
Todas estas manifestacións, xunto ao "agradecemento á Xunta" polo cofinanciamento dos traballos, "exceden do pretendido obxecto de mera comprobación do estado das obras así como de dato técnico ningún", sinala a autoridade electoral. Daquela, a infracción da nota súmase á da propia visita, "de seu, constitutiva de infracción" da lei electoral, ambas condutas propias dunha "campaña de logros" prohibida pola lei en período electoral. Xunto á apertura do expediente sancionador a Candia, a Xunta Electoral require o Concello a "retirada de inmediato e mentres dure o período electoral" da nota de prensa e "requirir á alcaldesa (...) a absterse, ata a celebración das eleccións, de levar a cabo actos similares e extremar a súa dilixencia para non vulnerar o principio de neutralidade dos poderes públicos".
Ante esta resolución, contra a que cabe recurso na Xunta Electoral Provincial, que o goberno local do PP xa exerceu, o PSdeG lucense ve "confirmado" que "Candia utiliza o Concello como unha extensión da sede do Partido Popular" cando "os recursos municipais son de todos os lucenses, non unha ferramenta de propaganda electoral ao seu servizo", di a edil socialista Ángeles Novo", quen "recorda" ademais que na devandita visita a popular "foi ver unha actuación que procedía da xestión socialista de Miguel Fernández", alcalde ata a moción de censura e candidato a retornar ao cargo en 2027.