O PP lucense deu en presentar a instalación dun pantalán provisional para unha proba deportiva como desbloqueo do logro da zona de baño no Miño perseguida durante anos polos gobernos da esquerda. Malia ás facilidades propiciadas agora pola Xunta, este ano tampouco será
Entre os argumentos cos que, o pasado maio, o PP xustificou a moción de censura canda unha tránsfuga ex-socialista para tombar o goberno de PSdeG e BNG en Lugo figuraba, en lugar destacado, a necesidade de "desbloquear" proxectos parados ou non natos durante anos. Con Elena Candia na alcaldía, avanzaban, acabarían fluíndo. Especialmente, os que implicaban "colaborar" coa Xunta.
Calquera observador atento da política local lucense percibiu mesmo sen ter que agardar ás primeiras decisións do novo bipartito gobernante que entre a lista de logros que os populares lucenses procurarían adxudicarse no ano restante ata as eleccións destacaba a habilitación dunha zona de baño pública nas beiras do río Miño. O mesmo proxecto que os gobernos con alcaldía do PSdeG procuraron por diferentes vías, nas últimas ocasións batendo co freo do Goberno galego alegando razóns ambientais que, a xuízo dos socialistas, a Consellería competente nunca detectou na cunca do mesmo río para outros concellos.
Nesta liña, a finais de xuño Candia anunciaba o primeiro avance ao respecto xa era "unha realidade". "Grazas á colaboración entre o Concello e a Federación Galega de Piragüismo" e a súa propia "capacidade de diálogo", sinalou, os pantaláns instalados ás beiras do río para celebrar dous campionatos a principios do período estival (do 27 de xuño ao 5 de xullo) ían ficar "todo o verán" para "facilitar" o baño. "Na medida. en que o permitan as autorizacións administrativas", agregaba, non obstante, mentres prometía unha futura nova piscina. O certo é que, malia á censura e malia ao anuncio, todo apunta a que iso non vai suceder.
A clave da promesa era a intención do gabinete do PP de lograr que os pantaláns -estruturas flotantes de propiedade municipal- ficasen colocados no río ata o 3 de outubro, cando se celebra outro campionato de piragüismo no lugar. A través da Federación, o equipo de Candia obtivo da Consellería de Medio Ambiente un informe favorable a facelo porque "a permanencia desas plataformas temporais durante o período estival, ata a realización da proba deportiva prevista para o próximo 3 de outubro" non suporía "ningunha afección negativa" para a contorna.
Visto e prace da Xunta, que freou o proxecto cos gobernos da esquerda
O pantalán que ía ficar ata outubro non dispón de permiso da Confederación Hidrográfica tras a proba deportiva de principios de mes
Pero o visto e prace ambiental da Xunta, negado para actuacións semellantes mesmo en zonas do río con menos protección durante os gobernos da esquerda -alegando razóns como a existencia na zona de colonias de mexillóns protexidos-, non é dabondo. A Confederación Hidrográfica Miño-Sil, dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica, é quen ten que autorizar a ocupación na beira fluvial e, informou o organismo, para permitir unha zona de baño coma esta cómpre un procedemento máis longo, a comezar por unha exposición pública dun mes. O resultado é que o pantalán que ía ficar ata outubro non dispón de permiso tras a proba deportiva de principios de mes: o prazo caducou a pasada semana.
Na contorna do alcalde deposto e candidato socialista en 2027, Miguel Fernández, se algo ficou demostrado é que "o proxecto anunciado por Candia non existía administrativamente". "Nunca tramitou ningunha documentación nin solicitou ningún permiso para unha zona pública de baño, o único que existía era un permiso temporal de dez días dun club deportivo para unha competición", sintetiza o PSdeG lucense, a cuxo xuízo ficou claro tamén "o diferente criterio aplicado pola Xunta" dende que o PP gañou a moción de censura.
Para o BNG local, o acontecido é un exemplo máis "da política de escaparate" dun PP que "non estaba preparado para gobernar Lugo". "Cada día é máis evidente", coida Rubén Arroxo. A xuízo dos membros do executivo desbancado o que cumpriría sería retomar "o proxecto integral de praia fluvial deseñado durante o anterior mandato por Miguel Fernández", a xuízo dos socialistas e, en todo caso, "intervencións planificadas e aceptadas polas administracións implicadas" nun "espazo de grande valor ambiental e social", defenden os nacionalistas.
Candia, pola súa banda, coida que nesta sucesión de acontecementos á beira do Miño non logrou a zona de baño prometida, pero si "retratar quen non quere que Lugo teña zona de baño". Esgrime, ao tempo, outros logros coma os desbroces ao carón do Miño augas abaixo para facilitar o acceso ao leito.